Espazos para a ciberliteratura na rede: o portal ‘Literatura Electrónica Hispánica’

A aparición de novos formatos literarios ligados aos recentes avances tecnolóxicos preséntase actualmente como un dos retos fundamentais que deben afrontar os estudos literarios. Neste sentido, ditas modalidades textuais emerxentes desafían tanto as bases que sustentaban tradicionalmente a definición do concepto de literatura como a configuración clásica dos procesos de produción e recepción das obras. Igualmente, esta reformulación dos límites e os esquemas do literario vese acompañada por unha alteración radical nos modos de conservación e accesibilidade dos textos. Os textos electrónicos carecen da pretendida perdurabilidade da que habitualmente disfrutan as obras impresas grazas ao seu resistente soporte material e ao seu depósito en centros bibliotecarios; así, os hipertextos distínguense por un carácter certamente efémero, determinado non só polos propios rasgos que caracterizan a súa conformación e circulación senón tamén pola escaseza de organizacións adicadas á súa preservación. A abundancia de institucións centradas na dixitalización de textos impresos contraponse á aínda minoritaria presenza na rede de entidades que desempeñen a tarefa de conservar, clasificar e expoñer os hipertextos creados con recursos dixitais. Non obstante, a evidente necesidade de construír plataformas que aseguren a pervivenza das novas textualidades electrónicas provoca o paulatino incremento do número de páxinas baseadas na difusión, o estudo ou o arquivo da literatura dixital: partindo de intencións e estruturas obviamente diversas, as iniciativas emprendidas por proxectos académicos (en España, por exemplo, Hermeneia, A Literatura Electrónica en España ou Literatura hipertextual y Teoría literaria) e organizacións internacionais (por exemplo, Electronic Literature Organization- ELO-, etc.) representan o esforzo de múltiples investigadores por ofrecer aos usuarios de internet a posibilidade de explorar directamente os textos electrónicos e descubrir a súa influencia na redefinición dos fundamentos da literatura.

Así pois, coa finalidade de dar conta dun dos exemplos máis recentes da proliferación de sitios especializados na literatura electrónica, ao longo deste artigo concentrareime na presentación, descrición e a análise do portal Literatura Electrónica Hispánica, integrado dentro da Biblioteca Virtual Cervantes. Presentado como unha sección temática incorporada dende 2009 ao deseño xeral da web da indicada institución, o portal en cuestión abandona o ámbito das obras impresas dixitalizadas para intentar proporcionar unha mostra dalgunhas das narracións hipertextuais producidas en castelán. Tal como sinala na presentación da web o seu director, Juan José Díez, a creación do portal parte do obxectivo de expoñer o florecemento da literatura electrónica no mundo hispánico, reivindicando o recoñecemento da súa expansión ante a posición xa consolidada coa que conta no contexto anglosaxón. Deste xeito, a raíz da súa vinculación coas actividades de promoción da cultura hispánica levadas a cabo polo Instituto Cervantes, a páxina Literatura Electrónica Hispánica busca transcender a atención case exclusiva prestada ao desenvolvemento dos textos electrónicos en lingua inglesa para subliñar a importancia da tradición hipertextual xurdida en España e América Latina nos últimos anos.

Xunto coa explicitación dos motivos que xustifican o estabelecemento da páxina, a presentación inicial do portal facilítalles aos usuarios unha explicación dos criterios que determinan a delimitación teórica dos textos electrónicos e a súa diferenciación respecto ás obras convencionais. Dende este punto de vista, os principais factores que sustentan dita distinción correspóndense con tres características básicas que, limitadas anteriormente polas condicións propias do formato impreso, resultan potenciadas grazas ás posibilidades abertas polas novas tecnoloxías: en primeiro lugar, a hipertextualidade supera a proxección lineal da escritura tradicional mediante unha articulación estrutural dinámica onde a incorporación de links permite a conformación dunha organización descentralizada e rizomática; en segundo lugar, os recursos multimedia eliminan o monopolio da letra e o escrito a través da introdución doutros medios de expresión, impulsando a converxencia entre a literatura e outras formas artísticas (pintura, vídeo, música, etc.); por último, a interactividade libera ao lector da súa pasividade previa e o converte nun compoñente primordial das obras, en tanto que, ademais de poder elixir entre múltiples itinerarios dentro do texto, pasa a participar no seu proceso de elaboración cos seus comentarios e as súas aportacións. Así, segundo apunta Juan José Díez na citada presentación, a especificación de tales rasgos innovadores recalca cómo a transformación definitiva das formas textuais deriva da plasmación no ámbito literario dos principios que rexen as experiencias dixitais orixinadas por internet, sinalando o paso da cultura impresa ao espazo virtual instaurado tras a pantalla do ordenador.

En canto á organización do portal, este mostra cinco seccións principais, a través das cales os usuarios, máis alá de acceder aos propios textos, poden atopar información sobre os autores e as obras, traballos teóricos sobre a literatura electrónica, enlaces a outras páxinas e, asimesmo, un blog no que colaborar. Dentro do apartado destinado aos autores, proporciónase un listado xeral dos escritores e artistas (entre outros, Hernán Casciari, Jaime A. Rodríguez, Belén Gache, Dora García, Juan José Díez, etc.) cuxas creacións aparecen integradas no portal, engadindo tanto unha breve descrición biobibliográfica das súas traxectorias profesionais e literarias como enlaces que conducen aos seus textos na web ou ás súas páxinas persoais. A sección referida ás obras conduce directamente á navegación polos formatos electrónicos incorporados, os cales se organizan mediante unha clasificación xenérica que distingue entre diversas modalidades narrativas: hipernovelas, construídas por medio de enlaces que fracturan e amplían os modos de lectura dominados pola linealidade; hipermedia, que suman ás vantaxes do hipertexto a utilización de recursos multimedia; webnovelas, as cales contan con un funcionamento que esixe unha conexión directa con internet; blognovelas, concibidas como narracións que expande os modelos dos discursos autobiográfico e epistolar dende a aplicación dos esquemas de produción e interacción do blog; wikinovelas, que se presentan como novelas colectivas onde todos os elementos son determinados por múltiples autores anónimos. Asimesmo, o despregue de tales contidos vese complementado pola introdución dunha serie de artigos teóricos elaborados por investigadores e escritores (Francisco Chico Rico, Tomás Albadalejo, José Luis Orihuela, Doménico Chiappé, Leonardo Valencia, etc.) que reflexionan sobre as propiedades da literatura electrónica, prestando atención a cuestións tales como as súas relacións coa retórica ou a literatura oral, as modificacións das funcións do narrador, as variacións na articulación pragmática da comunicación lingüística ou os novos vínculos instituídos entre a literatura e a tecnoloxía. Finalmente, as dúas últimas seccións que inclúe o portal amplifican o dinamismo do seu funcionamento, de tal xeito que, ao tempo que os enlaces a outras webs –institucións, blogs, etc.- lembran ao usuario que a páxina que visita pode non ser máis que o inicio dunha viaxe aberta á totalidade da rede, o blog dálle a oportunidade de contribuír á creación do propio portal a partir da publicación das súas opinións e a presentación de novas obras.

Tal como evidencian as informacións indicadas até agora, a web aquí analizada constitúe unha ferramenta especialmente útil para a exploración dalgunhas das variedades máis representativas da emerxente literatura electrónica. Sen embargo, dito portal non deixa de mostrar certos problemas que obstaculizan a súa consideración como un proxecto absolutamente consolidado e completo. Ante a ausencia dunha xustificación que outorgue sentido á decisión tomada, a limitación da mostra a textos narrativos resulta unha redución arbitraria que exclúe xéneros como a poesía e o teatro, os cales forman parte tamén dos procesos de transformación vencellados ao desenvolvemento da literatura electrónica. Paralelamente, o esquecemento das obras electrónicas compostas en linguas como o galego, o catalán ou o vasco, se ben pode ser explicado polos obxectivos da institución que alberga ao portal, non só neutraliza a rica tradición hipertextual exhibida en tales literaturas, senón que tamén dificulta simultaneamente a visibilización da diversidade cultural presente no contexto español. Os baleiros promovidos por esta dobre limitación confirman que a selección de textos ofrecida non resulta suficientemente ampla, quedando esta restrinxida a pouco máis dunha vintena de obras, sen que tal repertorio apenas fora incrementado ou actualizado dende a institución da páxina. O reducido deste arquivo contrasta, polo tanto, coa intención de fundar unha plataforma capaz de revelar a evolución da literatura electrónica no mundo hispánica, obxectivo que require un rastrexo constante e profundo das novidades aparecidas en dito ámbito, así como unha páxina dinámica e activa que se expanda grazas á súa incorporación e conservación.

En conclusión, o portal Literatura Electrónica Hispánica destaca como un valioso proxecto que revela a progresiva presenza na rede de páxinas centradas na preservación e clasificación dos textos electrónicos. Aínda que o propósito de compensar a natureza efémera dos hipertextos a través dun traballo continuado de conservación e difusión é compartido por diversas webs, a particularidades que definen o seu funcionamento confírenlle ao portal en cuestión unha identidade única, baseada sobre todo na área xeográfico-cultural que pretende abarcar e nas múltiples posibilidades de interacción e navegación que proporciona. En consecuencia, a pesar das exclusións e os problemas de actualización que mostra, o sitio aquí comentado confírmase como un interesante modelo para a elaboración de novos espazos consagrados á reivindicación e ao arquivo das formas literarias electrónicas, auténticas bibliotecas virtuais destinadas a ser habitadas pola literatura que vén.

David Muiño Barreiro.