Balada triste de moqueta, un “folletín 2.0” de Camilo Franco

O escritor ourensán continúa a experimentar coa narrativa en internet, utilizando nesta ocasión a web pero sobre todo o Facebook para escribir unha novela por entregas condicionada pola actualidade e polos lectores.

A finais do século pasado Camilo Franco propúxose experimentar coa literatura na rede cun proxecto chamado Por conto alleo no portal Vieiros. Durante 50 días (e noites), os internautas que quixeron participar, enviaron dúas palabras que cada día a redacción de Vieiros seleccionaba e lle remitía ao autor, para que escribira (entre as sete da tarde e as 11 da mañá) un conto a partir delas.

No 2001 chegou Necesariamente X, tamén con Vieiros. Un experimento similar no que os internautas enviarían unha imaxe pornográfica que motivase o autor para escribir un relato ou un ‘pensamento’ non necesariamente erótico.

Dez anos máis tarde, Camilo Franco volve á carga usando desta volta as redes sociais, en concreto Facebook, co “folletín 2.0” Balada triste de moqueta. Faino publicando no espazo en Facebook do pub santiagués Casa das Crechas, de maneira que non só é o primeiro escritor galego que escribe para esta rede social, senón tamén o primeiro en facelo nun espazo patrocinado por unha casa comercial.

Balada triste de moqueta é unha noveliña por entregas na que o autor non é alleo á actualidade, xusto nun momento no que a actualidade ferve.  Así, o asasinato de Bin Laden, Eurovisión, a campaña electoral ou os movementos sociais do 15-M irán marcando este relato protagonizado por un candidato ás eleccións municipais.

Esta é a historia dun home que, seguramente, será o seu veciño do lado. Traballador incansable a quen lle gustaría –como a todo o mundo- ter unha poltrona cómoda na que sentarse. Esta á unha historia adobiada cunha campaña electoral que, por si mesma, xa é un folletín por entregas….

Despois de 100 anos de xénero e sen apartar a mirada das promesas, o folletín chega ao Facebook para quedar. Porque ademais da historia, da política, das campañas, do likear, está o que digan os amigos (os do Facebook, que non son como os de verdade) e a ameaza do autor neste caso é que todo o que se diga poderá ser utilizado na súa contra.

Todo contundentemente remexido en chispazos diarios para non perder de vista de todo a realidade. Porque o mundo é sinxelo pero para explicalo hai que complicarse a vida. Para non confiarse nos carteis. Para non deixar que as promesas pasen por riba de nós. Porque agora que xa mataron a Bin Laden o mal ten que esconderse en algún sitio.