Mapping E-Lit: Congreso sobre literatura electrónica en Barcelona a finais de novembro

O grupo de investigación Hermeneia e a Universitat de Barcelona organizan o congreso ‘Mapping e-lit: Lectura y análisis de la literatura digital’, que se celebrará no CaixaForum Barcelona os días 24 e 25 de novimbro de 2011.

Segundo contan na web de Hermeneia, “o congreso está baseado na investigación que leva a cabo HERMENEIA: Estudos Literarios e Tecnoloxías Dixitais (grupo da Universitat de Barcelona consolidado pola Generalitat de Catalunya -SGR 2009-529-). Pretende ser un punto de encontro e reflexión en torno a unha disciplina, a literatura dixital, que o grupo Hermeneia leva traballado dende o ano 2000, pero que segue a ser unha liña emerxente no noso país. Nesta década, a presenza da literatura electrónica (ou E-lit na forma popularizada e apocopada de Electronica Literature) nas diferentes universidades españolas e europeas foi indo en aumento ata o punto que, neste mesmo curso académico, as dúas asociacións de referencia nos estudos literarios en España -a Sociedad Española de Literatura General y Comparada (SELGUC) e a Asociación Española de Teoría de la Literatura (ASETEL)- téñenlle adicado importantes espazos monográficos nos seus respectivos congresos. O carácter fundacionalmente internacional de HERMENEIA permitiulle establecer vínculos con grupos europeos e americanos que agora tecen xa unha espesa rede de relacións. Neste congreso queremos abordar a análise e comentario da literatura dixital, así como tamén a influencia do dixital na literatura impresa máis contemporánea.

O congreso, pois, quere ofrecer unha inmersión no campo da literatura electrónica a través da participación e do diálogo de especialistas nacionais e internacionais na materia, ao mesmo tempo que brinda a oportunidade de establecer un contacto directo cos autores e críticos de obras dixitais e de coñecer as diversas prácticas de lectura posibles. Deste xeito, poderase observar e estudar o estado da cuestión da literatura dixital desde perspectivas diversas e complementarias, así como tamén avaliar a cuestión do canon a raíz da publicación en 2011 do volume 2 da Electronic Literature Collection da ELO, institución de referencia na materia.

Someterase a estudo a viaxe da páxina á pantalla e á inversa, é dicir, as contaminacións e influencias entre as dúas linguaxes expresivas -imprenta e dixital. Por último, tamén se analizarán as redes de estudo a nivel europeo que se foron implementando: a recente concesión do proxecto ELMCIP e a inminente aparición pública do grupo DDD-Lit (Digital, Digital, Digitale Littérature), do que HERMENEIA tamén forma parte do seu núcleo fundador (creado en marzo do 2011)”.

Call for papers e inscrición

As propostas de comunicación, de 15 minutos de duración, deben presentarse antes do 10 de outubro de 2011, co título e un resumo que non exceda as 300 palabras. As propostas enviaranse por correo electrónico a mapping@hermeneia.net. Serán inmediatamente avaliadas polo Comité Científico e antes do 20 de outubro de 2011 comunicarase se foron aceptadas.

Para a inscrición hai un primeiro prazo antes do 1 de novembro, cun prezo de 200 euros para os asistentes con comunicación. A partir do dous de novembro os asistentes con comunicación que se inscriban deberán pagar 250. Para os asistentes sen comunicación o prezo, independentemente da data de inscrición, será de 250 euros, e para os estudantes 150.

Para facer a inscrición cómpre enviar un correo a mapping@hermeneia.net. O Grupo de Investigación HERMENEIA certificaralles aos participantes a presentación das súas comunicacións.

Máis información.