Axóuxere Editora presenta ‘Ensaios Radioativos’ de Márcio-André

A editorial Axóuxere continúa coa colección de pensamento Polimnia editando Ensaios Radioativos, un libro do poeta sonoro cinético e radioativo brasileiro Marcio-André que se presenta este xoves 12 de abril en Compostela, na galería A punto de fuga (Preguntoiro, 28), ás 20:30h. O evento contará coa presenza de Márcio-André, e será presentado polo tamén poeta e profesor de literatura portuguesa da Universidade de Santiago Carlos Quiroga.

Nos seus Ensaios Radioativos, dende a visión da «Contaminación» que o propio autor viviu (segundo el mesmo nos conta) en Pripyat: «ali (…) circundado pelo silêncio do fim do mundo, eu fazia, ainda que sem saber, um hino às contaminaçôes, além, claro, de me contaminar, tornando-me, provavelmente, o primeiro poeta radioativo do mundo», déixanos un feixe de escritos -orixinalmente publicados no Brasil (Confraria do Vento, 2008)- que van da poesía até a deriva nómade a través de cidades diversas, ao modo dun tuareg á procura dun eixo sagrado nos elementos do mundo posmoderno. Dende Edward Hooper até a física cuántica, Márcio-André, escritor, poeta, performer e músico brasileiro de alto carácter contaminante, proponnos no seu libro un aprofundamento divertido, lúcido e irónico sobre unha realidade que estamos acostumados a definir en termos tan estreitos e paradoxais que, ás veces, parece quedar pequena, aburrida e triste. Trátase dun fresco e intenso conxunto de ensaios.

Márcio-André (Rio de Janeiro, 1978). Escritor, artista sonoro e visual. Deu clases de escrita creativa e poesía sonora na Universidade de Coimbra e na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Como tradutor, publicou textos de Ghérasim Luca, Gilles Ivain, Serge Pey, Mathieu Bénézet, Hagiwara Sakutaro e Forrest Gander. No 2008, recibeu a Bolsa Fundação Biblioteca Nacional, polo libro de ensaios Poética das Casas e, no 2009, foi poeta residente en Monsanto, Portugal. É tamén editor da editorial brasileira Confraria do Vento e curador do Cidade aTravessa, evento literario e performático que acontece nas cidades de Lisboa, Rio de Janeiro e São Paulo. Autor de catro libros de poesía e ensaios, colaborou con diversos xornais, entre eles O Globo, Jornal do Brasil ou O Estado de Minas; e con revistas brasileiras e internacionais. Os seus poemas foron traducidos a oito idiomas. Está integrado en diversas antoloxías como Poesia do Mundo; O que é poesia?; Todo começo é involuntário – a poesia brasileira no início do Sec. 21; Poétes Brésiliens d´aujourd´hui; e 24 letras por segundo; entre outras. Poeta experimental, con obras na área da poesía visual e sonora, da instalación e da performance, realizou traballos no Reino Unido, Francia, Portugal, Ucrania, Perú, así como tamén en diversas cidades do Brasil, traballando con poetas como Bruce Andrews, Stephen Rodefer, Arjen Duinker e Jonathan Morley. Actualmente vive en Lisboa.

Axóuxere, proxecto editorial configurado por un grupo aberto de creadores independentes que comezou a súa andaina o pasado mes de xuño, continúa así a colección Polimnia. Cadernos de Combate, e o seu compromiso con novas voces galegas e foráneas, impulsando dende este recuncho atlántico a creación dun tecido polifónico xerador de novas perspectivas e puntos de análise críticos e heterodoxos da contemporaneidade, perante unha realidade que os poderes tecnocráticos tenden a facer unívoca e dogmática.