O asturiano Pelayo Méndez, seleccionado para o ELO 2012 Media Art Show

Falta pouco máis dun mes para que se celebre en Morgantown (sede da West Virginia Univesity) a conferencia anual da Electronic Literature Organization (ELO), baixo o lema “Electrifying Literature, Affordances and Constraints”. Este ano o evento inclúe unha mostra de arte dixital na que moitos dos autores máis recoñecidos da e-lit compartirán espazo con novos creadores que foron seleccionados mediante convocatoria pública para amosar as súas pezas de literatura electrónica, net-art, vídeo, animacións, arte sonora, multimedia experimental, e locative media. Un deles é o asturiano Pelayo Méndez, que presentará a súa obra ACITEOP.

No texto que presenta ACITEOP, Méndez parte da función poética da linguaxe delimitada por Jakobson como “aquela rexida polos principios de selección e ordenación. Baixo esta visión o poeta sería o encargado de seleccionar e ordenar dunha determinada maneira as palabras para conseguir o efecto poético”.  Así, ACITEOP é “un programa que tenta agrupar distintas ferramentas experimentais de construción de narrativas poéticas -textuais e visuais- a partir da deconstrución da función poética da linguaxe a través de diferentes algoritmos. O resultado, sempre distinto en cada lectura ou interacción, é un texto deconstruído e ao mesmo tempo unha nova obra xerada por ese proceso de deconstrución. Esta primeira versión é un exemplo sinxelo do programa que crea unha narrativa baseada en texto, audio e imaxes que comeza coa deconstrución dun poema que Octavio Paz lle dedicou ao lingüísta ruso tras a súa morte e que titulou Entre lo que veo y digo”.

Pelayo Méndez naceu en Asturias en 1977 e licenciouse en Ciencias da Información na Universidade de Salamanca, con especialización en Recursos Multimedia. Tamén se gradou recenetemente en Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Barcelona. Nesta cidade reside actualmente e e combina o ensino co seu traballo como programador multimedia en arte e o literatura. Ten publicado un bo número de poemas, artigos e relatos en varios formatos online e desenvolvido obras dixitais con artistas visuais. No 2011 comezou a producir as súas propias obras como artista, combinando o mundo da literatura e a escrita creativa coa arte visual usando código.