O proxecto Le.es estará presente na sección “cine e novas tecnoloxías” da Conferencia Internacional de Cine de Viana

A XII edición dos Encontros de Viana,organizada pola asociación Ao Norte de Viana do Castelo (Portugal), acolle este 11 de maio a Conferencia Internacional de Cinema de Viana – Cinema e Escola, que se celebrará na Escola Superior de Educação de Viana do Castelo. Este ano os temas que se tratarán son: Práticas de cinema na escola, Interculturalidades, migrações e turismo no cinema, Caleidoscópio de imagens, e Cinema, novas narrativas e novas tecnologias. Neste último apartado insírese a ponencia “Documental interactivo: Fragmentación, inmersión e participación para construír o real” que fará María Yáñez, membro do proxecto Le.es.

Velaquí o resumo da ponencia:

Nos últimos anos vén emerxendo na rede un artefacto, o documental interactivo (ou i-doc), no que están a converxer boa parte das técnicas e experimentos narrativos da non ficción dos últimos anos. Trátase dun formato ou xénero híbrido que combina hipertexto, multimedia, narración inmersiva procedente dos videoxogos, performatividade, locative media, espíritu colaborativo baseado da filosofía do crowdsourcing… Son tantas as posibilidades que o documental interactivo nos ofrece que moitas veces até é complicado delimitar cando falamos dun i-doc ou doutra cousa. Polo tanto, este novo artefacto suxírenos moitas preguntas que nos fan reflexionar sobre o momento que vivimos tanto no mundo audiovisual, como no xornalístico, como no da propia internet. Que é un documental interactivo? Existe xa algunha tipoloxía? Cales son os mellores exemplos de i-doc dos últimos anos? Cara a onde camiña? Quen está a producir e a crear i-docs? Formularemos estas preguntas tratando de atopar as respostas na produción máis recente, pero tamén trataremos de buscar a súas orixes artísticas para así proxectar as posibilidades no futuro.

Na web da Associacão Ao Norte pódese consultar o programa e o resto das actividades dos Encontros de Viana, que inclúen workshops, conferencias proxeccións e o certame Primeiro Olhar, do que Yáñez tamén será parte do xurado.