Ferramentas para a escrita de relatos dixitais

GenarratorAta o de agora os escritores que se aventuraron co soporte dixital para a súa creación literaria tiñan que botar man dos seus coñecementos máis básicos ou máis avanzados de linguaxes coma o HTML, o Flash, o Java… Moitos dos que temos no noso catálogo atenden ao perfil de creadores con competencias importantes nestas disciplinas. Mais nos últimos anos veñen creándose novos programas e aplicacións web que permiten crear un discurso avanzado en canto ás posibilidades do medio sen ter que preocuparse pola programación, só polo contido e por sacarlle o máximo partido á linguaxe dixital dende o punto de vista narrativo.

Un dos últimos en aparecer é Genarrator, un proxecto da Bournemouth University para crear unha ferramenta gratuíta e accesible desde calquera ordenador, coa que os usuarios poden aprender a deseñar e editar de xeito doado narracións interactivas e publicalas, na propia web do programa. Permite editar texto e imaxes, vídeo, animación e son, e traballar de xeito hipertextual calquera destes elementos, así como xogar co tempo e o modo en que aparece cada elemento dentro da narrativa. Tan importante ou máis é o feito de que Genarrator facilita o proceso anterior á edición, o do deseño e arquitectura do texto interactivo, coa ferramenta do site-map, que é o esquema das distintas páxinas que forman o relato e como se relacionan entre elas.

A web de Genarrator vai almacenando os relatos que se crean con ela, e que se poden explorar. A maior pega desta ferramenta é que polo de agora só funciona en Flash, co cal as obras resultantes carecen de código fonte e quedarán axiña obsoletas nun entorno no que o HTML5 é o estándar da web aberta.

De feito, a aparición de HTML5 permitiu nos últimos anos a aparición de ferramentas abertas para que persoas sen coñecementos de programación poidan facer os seus propios relatos interactivos. A maioría delas están orientadas ao vídeo, algunhas de xeito máis concreto ao webdocumental. É o caso de Klynt, Zeega, Popcorn Maker, Storyplanet3WDOC, Conductrr, Galahad ou o pioneiro Korsakow.

En 2012 María Yáñez (do proxecto Le.es) e mais Eva Domínguez presentaron no II Simposio I-Docs en Bristol un panel comparando tres destas ferramentas: Popcorn Maker, 3WDOC e Klynt. Dende aquela as ferramentas avanzaron moito e, como dicimos, apareceron outras novas, mais este cadro dá unha boa idea do que poden e non poden facer softwares de edición coma os mencionados polos narradores dixitais que non saiban nin teñan tempo de aprender a programar: