ELO 2016: estado da cuestión la literatura electrónica mundial

A pasada fin de semana celebrouse na Universidade de Victoria, Canadá o cuarto congreso da Electronic Literature Organization, e o máis ambicioso en canto a número de asistentes e actividades. Perto de 200 persoas expertas participaron na ELO 2016, que este ano se inseriu dentro do Digital Humanities Summer Institute (DHSI2016), algo que propiciou a asistencia e o intercambio e fixo da conferencia deste ano un dos máis grandes encontros sobre literatura electrónica.

Á conferencia académica sumouse un festival, polo que as actividades incluiron paneis, obradoiros, performances e palestras de artistas, proxeccións, instalacións de son e unha exposición. Ademais entregáronse os ELO 2016 Awards,  que se dividen no premio Katherine Hayles ao mellor traballo académico (que foi para Jessica Pressman, Mark C. Marino e Jeremy Douglass por Reading Project: A Collaborative Analysis of William Poundstone’s Project for Tachistoscope {Bottomless Pit}”)  e no premio Robert Coover á mellor creación de literatura electrónica producida no último ano e medio (que levaron Roderick Coover, Scott Rettberg, Daria Tsoupikova e Arthur Nishimoto por Hearts and Minds: The Interrogations Projectcon mención especial ao 6º episodio de Inanimate Alice, titulado “The Last Gas Station”).

En canto aos paneis, presentacións e charlas, os asistentes á #ELO2016 puideron gozar dun programa amplo e variado, onde se atenderon algúns dos temas máis importantes a día de hoxe para o estado da cuestión da E-Lit: dende a preservación dos traballos dixitais ata a pedagoxía, a narrativa, as relacións co audiovisual ou novas tendencias da literatura xerativa como os bots que operan en distintas redes sociais.

A próxima conferencia da ELO será en 2017 na cidade do Porto (Portugal).