Poétic@, a ambiciosa obra e-literaria de Fran Alonso

O escritor Fran Alonso (Vigo, 1963) publicou na primavera de 2015 a que ata agora é a obra de literatura electrónica máis ambiciosa das letras galegas. Baixo o título de “Poétic@” e en soporte web, o autor buscou con esta obra abordar «a poesía dixital e transmedia, explorando as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías na creación literaria a través dun discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos».

“Poétic@ componse de 5 partes (“Poétic@”, “Teoría do banal”, “Ciberpoesía”, “Epitafio” e “Postdata”), e aínda que presenta un índice con todas as pezas ordeadas, a propia disposición hipertextual do texto marca un percorrido non lineal, entrelazado, inuitivo, que convida a petiscar aquí e alá e deixarse levar pola sorpresa e a deriva sobre os textos sen un rumbo predefinido. En palabras de Alonso

Este libro supera o concepto tradicional de poema para acomodarse no máis acaído de “instalación poética” e constrúese botando man de distintas linguaxes contemporáneas que comparten un espírito lúdico e provocador, contraditorio, que confunde, experimenta, investiga e dá lugar a un poemario diferente, multifocal e polidiscursivo, fragmentario, irónico, no que as propias citas doutros/as creadores/as se incorporan ao texto formando parte indisociable de cada instalación poética.

Se ben a “instalación poética” convida a afondar nas distintas capas do texto descubrindo a cada clic unha posibilidade multimedial diferente (aquí un vídeo, alá un son, acolá un link a unha páxina externa ou ben a outro poema), o texto escrito segue a ser a materia predominante, a palabra o significante primeiro, outorgándolle precisamente a ese significante, á forma da palabra, un dos maiores recursos expresivos mediante os caligramas e outras formas da poesía concreta dixital, que non só buscan forma estáticas senón tamén dinámicas e máis propias do medio que utiliza, caso das animacións, as táboas ou as listas.

No código de cores utilízase o vermello, sempre para marcar aqueles textos que son clicables (hiperenlaces), botando man dunha convención tradicional do medio dixital que facilita a distinción entre texto e hipertexto, entre as palabras que son expresivas en si mesmas e aqueloutras que agochan outros significantes, levándonos a imaxes e sons que “ilustran” ou acompañana a textualidade principal, como tamén a outros versos do mesmo poemario, ao xeito de versos encabalgados de forma hipertextual, ou estrofas infinitas que se van complementando unhas a outras.

Abonda a metalinguaxe, a reflexión sobre a propia escrita e o feito poético, ás veces irónica e mesmo paródica, e tamén as referencias a elementos da cultura dixital, como Google, Second Life, Whatsapp, a cultura hacker… é no capítulo “Ciberliteratura” onde o poeta máis experimenta coa mestura de linguaxes e textualidades procedentes das redes. Así, vemos tuits ou comentarios de blogs e de Facebook, que conservan o deseño das redes orixinais, emojis, mensaxes de erro, nunha forma de intertextualidade que no conxunto do poemario convive coas citas a outros poetas, moi numerosas. Ás veces son citas de texto, simplemente reproducidas na escrita, e ás veces son links á fonte orixinal, ou incrustados de audio e vídeo, a través de plataformas como Youtube, Vimeo ou Soundcloud. Así o xustifica o seu autor.

Poétic@ dótase, a través da web, de formas comunicativas mestizas, de carácter interno ou externo, que se funden co texto para tecer unha estrutura con fasquía de arañeira. Nela, os seus múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do eslógan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa.

Recoñecendo as dificultades da sociedade actual para distinguir entre o banal e o transcendente, desde un sentido do humor irónico e transgresor,Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías.

Estamos diante dunha obra de literatura electrónica na que o tema é a propia literatura electrónica, unha sorte de revisión, varios anos despois do auxe da e-lit, dos tópicos e das posibilidades deste formato, que as revisa, as deconstrúe e por veces as parodia. Vemos así un acto moi maduro e consciente de reflexión poética, como se Alonso propuexese ‘a obra ciberliteraria definitiva’, o cal non deixa de ser paradoxal nun ámbito tan pouco tratado nas nosas letras, e que nunca deixou de ser marxinal no ámbito da literatura universal. Tamén podería servir a xeito de epitafio para o xénero, que convida quizais máis a pechar o capítulo da literatura electrónica tal como a coñecemos, pensando que logo de “Poétic@” xa pouco pode dar máis de si, do que poida estimular a seguir explorando esta linguaxe.

 

  • Poética publicouse na web no mes de marzo de 2015, e está escrito orixinalmente en galego e traducido a castelán e portugués.