A ELO (Electronic Literature Organization) publicou a comezos deste ano o terceiro volume da súa colección de literatura electrónica de todo o mundo. Faino 10 anos despois do primeiro volume, en 2006, e 5 anos despois do segundo, en 2011.
Nesta ocasión o comité encargado de seleccionar as obras participantes estivo formado por Stephanie Boluk, Leonardo Flores, Jacob Garbe e Anastasia Salter, acompañados dun equipo de consultores internacionais cos franceses Jonathan Baillehache e Philippe Bootz, o polaco Piotr Malecki, o dinamarqués Sören Pold e o portugués Rui Torres.
Neste 3º volume recóllense 114 obras procedentes de 26 países, que usan 13 linguas diferentes. Escollidas entre máis de 500 obras enviadas, a colección representa un amplo espectro de formas e estilos, que inclúen xeradores de poemas, bots, ficción interactiva, aplicacións móbiles, etc.
Unha das editoras, a recentemente incorporada á directiva da ELO Anastasia Salter, destaca que con este volume “vimos unha oportunidade para expander as definicións comúns da literatura electrónica, para abrir as fronteiras cara á arte experimental, a feita cos móbiles e cos videoxogos, producida por comunidades que traballan fóra dos espazos tradicionais da Academia e da literatura.
A literatura electrónica feita en España só está representada nesta colección por 2 autores: Belén Gache, coa obra “Radikal Karaoke”, e Félix Remírez, con “Sample Automatic Poem”. Referiremos máis polo miudo estas obras en vindeiras entradas.