Arquivo da categoría: Actividades

O texto literario na era dixital. Xornadas formativas na Universidade da Coruña.

Expertos humanistas (escritores, profesores de literatura, profesores de didáctica, tradutores, etc.) participarán no curso “O texto literario na era dixital: creación, difusión e didáctica”, que se celebrará na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña os días 20 e 21 (de 16 a 21 h.) e 22 de outubro (de 10 a 14 h.) e que pretende analizar os cambios producidos nos últimos anos, coa irrupción das tecnoloxías da información, na forma de ler, escribir, ensinar, traducir ou interpretar os textos literarios.

Seguir lendo O texto literario na era dixital. Xornadas formativas na Universidade da Coruña.

Exposición de Graham Gussin no CGAC

grahamgussinAta o 13 de outubro pódese ver no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, a exposición de Graham Gussin titulada Clearblueskydeepdarkwater. Nela o artista británico, segundo explica a presentación da mostra, “utiliza unha gran diversidade de medios —texto, debuxo, filme, son, escultura e instalación—para explorar a nosa percepción do tempo, do espazo e da escala. As súas obras adoitan manipular e apropiarse de imaxes e narracións literarias extraídas da historia da arte, da cultura popular e, sobre todo, do cine.”

“A súa capacidade de crear obras dunha densidade interpretativa singular consolídase a partir dun xogo continuo de referencias e relacións conceptuais, as cales remiten a un tránsito perceptivo que nos transporta a paisaxes mentais, onde o desasosego, a estrañeza e a melancolía poden emerxer nunha proximidade intrigante ou na máis inusitada distancia.”

 

Viaxe ás relacións entre teatro e cinema catalán da man de Marcel·lí Antúnez, Joaquim Jordà e Esteve Riambau

eldibuixant

O ciclo céntrase nas relacións entre teatro e cinema por medio de cinco propostas de diversa natureza. El dibuixant e El peix Sebastiano achégannos ao proceso creativo e ao universo privado do artista Marcel·lí Antúnez, figura senlleira da arte electrónica e a experimentación escénica, ademais de cofundador de La Fura dels Baus, compañía teatral de recoñecido prestixio internacional. Pola súa banda, Numax presenta e Veinte años no es nada, do director Joaquim Jordà, reconstrúe a experiencia de autoxestión dos traballadores da fábrica Numax por medio de senllos documentais nos que o teatro é incorporado como recurso narrativo. Finalmente, Màscares de Esteve Riambau, Director da Filmoteca de Catalunya, culmina este percorrido pola relación entre teatro e cinema invadindo, de xeito privilexiado, o espazo entre bastidores dun actor, Josep M. Pou, na preparación dunha das súas obras.

Intermedialidades conta coa colaboración do CEFILMUS (Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela) e mais o apoio do Institut Ramon Llull e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.

A asistencia e participación neste ciclo é convalidable como seminario (certificado de 20 horas).

INFORMACIÓN: anxo.abuin@usc.es

Inscrición gratuíta

Prazo de inscrición até o 30 de maio de 2013

PROGRAMA

Xoves, 30 maio

19:00 – 19:30 h. Inauguración do ciclo. Relatorio de Marcel·lí Antúnez Roca, ­ figura senlleira da arte electrónica e da experimentación escénica; cofundador de La Fura dels Baus

19:30-20:30 h. Proxección de El dibuixant (60 min) de Marcel·lí Antúnez Roca

20:30-21:00 h. Pausa

21:00-21:30 h. Proxección de El peix Sebastiano (32 min) de Marcel·lí Antúnez Roca

21:30 h. Coloquio coa presenza do director.

Venres, 31 maio

10:30-12:30 h. Numax presenta (105 min) de Joaquim Jordà

12:30-13:00 h. Pausa

13:00-13:30 h. Relatorio sobre O universo teatral de Joaquim Jordà, a cargo de Xosé Nogueira Otero, Profesor de Historia da Arte (Historia do Cine) da USC e Secretario do (CEFILMUS) Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela

13:30 h. Coloquio

16:00-18:00 h. Veinte años no es nada (117 min) de Joaquim Jordà

18:00-18:30 h. Pausa

18:30-20:30 h. Proxección de Màscares (90 min) de Elisabet Cabeza e Esteve Riambau. Coa presenza do cineasta Esteve Riambau, Director da Filmoteca de Catalunya, Profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona e Vicepresidente da (FIAF) Federación Internacional de Arquivos Fílmicos

20:30-21:00 h. Pausa

21:00 h. Mesa redonda e coloquio coa participación de Marcel·lí Antúnez, Esteve Riambau, Ángel LuisHueso e Xosé Nogueira

Ve a luz o novo número do Boletín Galego de Literatura, dedicado á textualidade dixital

O número 46 do Boletín Galego de Literatura, coordinado por María Teresa Vilariño Picos, do proxecto Le.es, vén de saír publicado co título Textos a escape: a literatura e a cultura na era dixital.

O volume inclúe artigos de Anxo Abuín González («Co debido respecto”: unha introdución a The Soprano’s Studies»), Ana Cabaleiro López («Nacemento e declive da utopía tecnolóxica: o ciberactivismo artístico a finais do século XX»), Jara Calles («A invención de códigos [hacking + bioarte + literatura = enxeñería social] powered by Século21»), Manuel Cebral Loureda («Que é teatro resoante?»), Óscar Cornago («Barroco teatro da modernidade (para unha construción crítica do presente)»), Fabrice Corrons («”Novo dramaturgo/a e director(a) de Cataluña pretende conectar co público. Razón aquí”. Reflexións sobre a relación teatral nas novas dramaturxias catalás»), Juan Fernández Navazas («A lectura performativa e a performance da personalidade en Facebook»), Ícaro Ferraz Vidal («Participação alienante, distância empancipatória. Novas textualidades, hermenêutica e ambivalência»), María López Suárez («Entre a continxencia do corpo e a deconstrución do xénero: a acción e a obxección no ideal performativo da cultura contemporánea»), David Muíño Barreiro («Tecnoloxía, subxectividade e política: poéticas na paisaxe dixital»), Manuel del Río («”Prison, my lord?” Lecturas gnósticas da cidade, a literatura e o cine”»), Saúl Rivas («Ser diferente é ser existente. A literatura electrónica en Galicia»), Alfonso Rivera («Pina Bausch e Lloyd Newson. O teatro na danza, a danza no teatro físico»), María José Sabo («Novas prácticas no ciberespazo: tensión, impugnación e distanciamento das formas tradicionais»), Samuel SolleiroSignum crucis: a historia do cinema como encrucillada en Jean-Luc Godard e Harun Farocki»), María Teresa Vilariño Picos («A poesía dixital cítase coa oralidade»), Telémaco 1.0 e María Yáñez («Shakespeare en 140 caracteres»).

Tamén se inclúe unha entrevista de Andrea Álvarez Pino ao creador Eduardo Kac, e no apartado de libros a revista contén recensións do libro de Emmanuelle Garnier Les dramaturges femmes dans l’Espagne contemporaine. Le traquique au féminin, feita por María López Suárez, do volume de Henry Jenkins e outros Confonting the Challenges of Participatory Culture – Media Education for the 21st Century feita por Serena Bilanceri, do libro de Eduardo Kac Telepresencia y bioarte. Interconexión en red de humanos, robots y conejos, feita por David Muíño e, por último, Alba Méndez recensiona tres volumes dedicados ás series de televisión publicados na editorial Errata Naturae: Los Soprano forever: antimanual de una serie de culto, The Wire: 10 dosis de la mejor serie de la televisión e Teleshakespeare.

Ademais, este número do Boletín Galego de Literatura leva ilustracións de debuxantes galegos de última xeración como Héctor Barros, María Gilino, Alberto Guitián, Emma Ríos e Sole Rei.

Un novo volume de ‘Urbes Europaeae’ percorre as cidades virtuais da man do proxecto Le.es

A construción de imaxinarios e a súa xestión, a articulación mediante imaxes ou textos dos discursos da cidade e aspectos do patrimonio simbólico das cidades europeas son tema do grupo de estudo e investigación Urbes Europaeae, que vén de editar unha nova publicación co título Imaginarios culturales ante la globalización, editada por Javier Gómez-Montero, Christina Johanna Bischoff e Anxo Abuín, coordinador do proxecto Le.es.

Este novo volume, o segundo da colección Urbes Europaeae, que vén de publicar a editorial alemana Ludwig, contén unha sección dedicada a cidades virtuais na que participan varios autores vinculados á USC e en concreto ao proxecto Le.es, como Iria Castro López, que escribe un artigo titulado “Ciudades Virtuales. A propósito de Alletsator y Second Life”; Manuel del Río, cun artigo titulado “”Through the (Broken) Looking Glass”: gnosticismo urbano y cinematográfico”, e María Teresa Vilariño Picos, que escribe sobre “Ciudad y Trans-Urbanismo en los espacios virtuales”.

Outros investigadores da USC que participan son Samuel Solleiro, cun artigo titulado “La cámara recíproca: Amsterdam Global Village de Johan van der Keuken y la confrontación con lo real en el espacio urbano”, ou Rubén Lois González, con “De la ciudad a la postmetrópoli”. Do ámbito peninsular e europeo participan outros autores como Anne-Marie Autisser, Wiebke Best, Christina Johanna Bischoff, Anna Cerbo, Ur Apalategi, Ana Isabel Erdozáin, Joan Ramón Resina, Dirk Shubert, Jüri Talvet ou Ricardo Tejada.

Este volume é o resultado do segundo encontro do programa Urbes Europaeae, que se celebrou na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela no 2009 cun seminario intensivo titulado «Cidades europeas ante a globalización. Identidades, hibridación e posibilidades da cultura», no que participaron ademais dos citados distintos académicos e escritores como Darío Villanueva, Suso de Toro, José Antonio Aldrey, Pedro de Llano ou Manuel Delgado.

Artigo de Mª Teresa Vilariño Picos no 2º Volume da Revista de Estudos Literários do Centro de Literatura Portuguesa

O 2º Volume da Revista de Estudos Literários, coordenado por Manuel Portela e publicado pelo Centro de Literatura Portuguesa da Universidade de Coimbra, ven de saír do prelo, dedicado á “Literatura no Século XXI”. Entre outros inclúe artigos de expertos como Pedro Barbosa, Katherine Hayles, Philippe Bootz ou Luís Filipe B. Teixeira. A profesora titular da USC e membro do proxecto Le.es María Teresa Vilariño Picos contribúe cun artigo titulado “Re-Implacement: The Metamorphosis of the Literary Space in the Cyber-Cities” (pp 277-296).

Ofrecemos o artigo completo en pdf e a tradución do resumo:

“O estudo da literatura, do teatro, do cinema, das artes visuais, da televisión e da música vén experimentando unha evolución que produciu unha ruptura coas nocións de unidade, autoridade e espazo/tempo. Esta ruptura está a significar a emerxencia dun novo discurso teórico e novas maneiras de estudar as obras que constrúen a nova nocióon de literatura. Neste artigo, uso a noción de re-implacement de Edward S. Casey para referirme ao modo no que os lugares así como os eventos que ocorren dentro deles, son asimilados, procesados e representados polos medios artísticos que combinan diferentes técnicas e disciplinas. Desde ese punto de partida, analizo unha serie de textos que se poden definir como parte da cibercultura na que lectoespectador se atopa cun rico vocabulario terminolóxico que corresponde con conceptos como multimedia, transmedia, hipermedia e postmedia.”

No que atinxe ao resto do volume, velaquí un extracto do texto de introdución:

“O foco de atenção deste volume dirige-se para os aspetos tecnológicos e materiais que têm transformado as práticas de criação, comunicação e leitura literária, e cujos efeitos se fazem sentir transversalmente na cultura atual. Esta cultura tem sido descrita cada vez com mais frequência como uma cultura do software, isto é, como uma cultura cujas práticas e formas são mediadas e determinadas por programas digitais. A ubiquidade da mediação digital significa que se torna hoje difícil circunscrever práticas e formas artísticas que não tenham, em menor ou maior grau, integrado as novas condições materiais de produção nos seus processos. No caso particular da arte literária, a alteração em curso da ecologia medial implica a reconfiguração da relação entre o impresso e o digital, num processo que não é apenas de concorrência, mas também de cooperação e de retroalimentação. Considerar o tema ‘literatura no século XXI’ significa, neste caso, pensar a textualidade digital e a presença crescente do computador e da programação nas práticas literárias pós-World Wide Web”. (pp.5-6)

O proxecto Le.es estará presente na sección “cine e novas tecnoloxías” da Conferencia Internacional de Cine de Viana

A XII edición dos Encontros de Viana,organizada pola asociación Ao Norte de Viana do Castelo (Portugal), acolle este 11 de maio a Conferencia Internacional de Cinema de Viana – Cinema e Escola, que se celebrará na Escola Superior de Educação de Viana do Castelo. Este ano os temas que se tratarán son: Práticas de cinema na escola, Interculturalidades, migrações e turismo no cinema, Caleidoscópio de imagens, e Cinema, novas narrativas e novas tecnologias. Neste último apartado insírese a ponencia “Documental interactivo: Fragmentación, inmersión e participación para construír o real” que fará María Yáñez, membro do proxecto Le.es.

Velaquí o resumo da ponencia:

Nos últimos anos vén emerxendo na rede un artefacto, o documental interactivo (ou i-doc), no que están a converxer boa parte das técnicas e experimentos narrativos da non ficción dos últimos anos. Trátase dun formato ou xénero híbrido que combina hipertexto, multimedia, narración inmersiva procedente dos videoxogos, performatividade, locative media, espíritu colaborativo baseado da filosofía do crowdsourcing… Son tantas as posibilidades que o documental interactivo nos ofrece que moitas veces até é complicado delimitar cando falamos dun i-doc ou doutra cousa. Polo tanto, este novo artefacto suxírenos moitas preguntas que nos fan reflexionar sobre o momento que vivimos tanto no mundo audiovisual, como no xornalístico, como no da propia internet. Que é un documental interactivo? Existe xa algunha tipoloxía? Cales son os mellores exemplos de i-doc dos últimos anos? Cara a onde camiña? Quen está a producir e a crear i-docs? Formularemos estas preguntas tratando de atopar as respostas na produción máis recente, pero tamén trataremos de buscar a súas orixes artísticas para así proxectar as posibilidades no futuro.

Na web da Associacão Ao Norte pódese consultar o programa e o resto das actividades dos Encontros de Viana, que inclúen workshops, conferencias proxeccións e o certame Primeiro Olhar, do que Yáñez tamén será parte do xurado.