Arquivo da categoría: Lecturas de interese

Novo número da revista Game Studies

A revista Game Studies, que edita un equipo dirixido por Espen Aarseth (profesor do Center for Computer Games Research, da IT University de Copenhague), acaba de lanzar á rede o 3º número do seu undécimo ano, o 2011, composta por catro artigos de Michael Hitchens, Miguel Sicart, Paul Martin e William Gibbons.

O artigo de Hitchens, titulado “A Survey of First-person Shooters and their Avatars”, mostra os resultados dunha enquisa feita a un corpus de 566 xogos do tipo FPS (First Person Shooter), examinando as características dos avatares que mostran segundo a súa raza, xénero, etc. O artigo de Sicart titúlase “Against Procedurality” e propón unha revisión crítica da crítica procedural na literatura, dende unha perspectiva do deseño de xogo, mostrando as súas carencias e os novos retos que os estudos dos videoxogos presentan. A peza de Martin é “The pastoral and the sublime in Elder Scrolls IV: Oblivion“, analiza a importancia da paisaxe no xogo de rol multixogador de Elder Scrolls IV: Oblivion (Bethesda, 2006). Por último, o artigo de Gibbons estuda a presenza da música popular nos videoxogos a partir do caso de Bioshock (2K Games, 2007), e titúlase “Wrap Your Troubles in Dreams: Popular Music, Narrative, and Dystopia in Bioshock“.

A revista Game Studies ten como misión explorar o vizoso xénero cultural dos xogos, darlles aos académicos un foro de revisión entre pares para as súas ideas e teorías, e fornecer unha canle académica para os actuais debates sobre videoxogos e o acto de xogar. No seu comité cienfítico están nomes coma os de Ian Bogost, Mary-Laure Ryan, Gonzalo Frasca, Jesper Juul, Siobhan Thomas ou a española Susana Pajares Tosca.  Publícase varias veces ao ano en www.gamestudies.org.

 

Zoopolitik, un proxecto de ‘escrita interactiva’ sobre o 15-M feito desde Galicia

A editorial Axóuxere, en colaboración coa Universidade Invisíbel, lanza Zoopolitik, un novo espazo de experimentación para a escrita colaborativa dun libro sobre o #15m.

Con este proxecto a Universidade Invisíbel, grupo de activistas e teóricos galegos vencellados á Universidade Nómade, quere constituír “unha colección de pensamento e activismo contemporáneo chamada [expect us], na que, para comezar co proceso co-creador, se definiu un espazo aberto de experimentación ensaística sobre o fenómeno do #15M. Chamamos a este espazo: Zoopolitik, Reinvención Democrática & Política de Movemento”.

Tal como explican dende Axóuxere, “en consonancia coas formas 2.0 que caracterizan as prácticas organizativas e deliberativas d@s indignad@s, a escrita deste libro proponse como un ensaio ou experimentación na produción textual, aberta e colaborativa”. Deste xeito, na web da iniciativa irán aparecendo os epígrafes e capítulos, “ofrecidos como punto de partida aos cibernautas para propiciar debates e recombinacións das ideas e dos seus contidos”. O mecanismo que teñen as lectoras e lectores para participar desta proposta non se especifica, pero pódese facer usando o mail ou os comentarios da web.

Sobre o recoñecemento do autor, apuntan: “Aquilo que no texto mellore grazas á túa achega, será oportunamente recoñecido cunha cita. Se o que posteas é simplemente demasiado bo, incluirémolo integramente como un anexo. Neste último caso, se nos deixas o teu contacto enviarémosche unha copia gratis do libro impreso. E é que, saia o que saia da colaboración aquí proposta, a editorial Axóuxere, temeraria ela, comprometeuse a publicalo.”

Unha análise interdisciplinar do #15m

Zoopolitik, Reinvención democrática & política de movemento, é unha análise interdisciplinar do #15M cuxos textos iniciais foron redactados por catro membros da Universidade Invisíbel: os antropólogos Antón Fernández de Rota e Carlos Diz, o sociólogo Martín Cebreiro e o filósofo e blogger Rosendo González, todos eles especializados no estudo da cultura política e os novos movementos sociais. O eixo do libro é a conceptualización e a interpretación histórica do que os impulsores chaman “modos de vida”. Consideran que para comprender o que aconteceu dende a Primavera Árabe até o Occupy Wall Street, pasando polo #15M, é preciso atender ás transformacións da vida cotiá no último medio século. Para pensar as mutacións do vello animal político, Zoopolitik non dubida en botar man das Ciencias da Vida e a Filosofía e Socioloxía da Ciencia, para dar conta do seu modo de vivir en rede nunha sorte de “bestiario da disidencia”.

Fronte ao berro “Steal this Book!”(Rouba este libro), co que a Abbie Hoffman e os Yippies dos anos 60 protestaban en contra das dinámicas da industria cultural, a Universidade Invisíbel aposta por unha transformación na produción e difuminación dos saberes e a cultura resumida na consigna “Write and Share this Book!” (Escribe e comparte este libro). En Zoopolitik, a experimentación con formas participativas de escrita vai acompañada por unha crítica da figura do copy right e a privatización dos saberes, e garantida pola licencia creative commons. Esta reivindicación do “dereito a compartir” é a mesma que fai súa a editorial independente Axóuxere, os reponsábeis da súa edición en galego.

O futuro do libro “que nunca se produciu”

O escritor Paul Lafargue pregúntase nun artigo publicado en Salon por que as novelas hipertextuais, que foron o hype literario dos anos 90, deixaron de producirse. E faino coincidindo co lanzamento da súa propia hipernovela, Luminous Airplanes, mentres se pregunta “coma un neno que chega á escola un día de nevarada, onde está todo o mundo?”.

«Que pasou coa ficción hipertextual? Se vostede era unha persoa viva e alfabetizada nos 90, poderá lembrar o hype co que o hipertexto foi promocionado como ‘the next big thing’: un medio que tiña o potencial de transformar a narrativa na era post-Gutenberg, do mesmo xeito que os tipos móbiles lle deron pulo á novela. Publicáronse hipertextos, primeiro en disquete, despois en CD-ROM, despois nae Web. A recensión de Robert Coover sobre o hipertexto “Victory Garden”, creado por Stuart Moulthrop en 1993, estivo na primeira páxina da New York Times Book Review.

E despois… non pasou nada. A entrada da Wikipedia para a ficción hipertextual non lista ningunha obra posterior a 2001 (…). Desconcerta que a forma estea desaparecendo, tendo en conta que nos últimos dez anos temos asistido ao nacemento do e-book e o e-reader, de proxectos vizosamente animados como “O libro da selva” de Electric Type, e de aventuras editoriais innovadoras como a Red Lemonade de Rishard Nash -e, se cadra non foi coincidencia, unha crise no sector editorial tradicional. Un non pode tirar unha pedra en certos barrios de Manhattan cercanos a Union Square sen que apareza alguén preguntando polo futuro do libro. Se algunha vez houbo un tempo para que a novela hipertextual chegase ao seu apoxeo, pensariamos que era este. Pero ata o de agora, nada (e debería mencionar aquí que eu mesmo estiven traballando nunha ficción hipertextual. Si, hai pouco. Si, poden vela. E síntome coma o rapaz que aparece na escola nun día de nevarada, preguntándome: onde está todo o mundo?»

Poden seguir lendo a interesante reflexión de Lafargue na revista Salon

María Yáñez