Arquivo da categoría: Poesía

‘Soy poeta’, rede social e soporte dixital para poesía convencional

A recente presentación da rede social Soypoeta ofrece unha interesante oportunidade para reflexionar sobre algúns aspectos da integración da poesía no medio dixital, e, máis concretamente, en internet. Funcionando dende 2001 como un portal cultural centrado na potenciación da lectura e a escritura, Soypoeta afronta agora a transformación na primeira rede social de poesía en lingua española, aportando novas modalidades de comunicación anteriormente inaccesíbeis. Este cambio supón, sen lugar a dúbidas, un significativo incremento nas posibilidades de interacción e intercambio entre os usuarios, os cales, asimesmo, poderán dar a coñecer os seus textos a un número cada vez maior de persoas.

Obviamente, as ferramentas aportadas por internet serven, neste sentido, para favorecer unha democratización do fenómeno literario, posto que permiten que calquera persoa faga públicas as súas creacións sen ningún tipo de limitacións ou obstáculos. Non obstante, na maioría dos exemplos, a alteración nos canais e mecanismos de circulación da poesía non se ve complementada por unha paralela modificación dos rasgos que definen as composicións incluídas na rede social: nas súas características fundamentais, tales poemas son equivalentes aos textos publicados tradicionalmente no formato libro, por máis que o seu espazo de exposición e a modalidade de acceso a eles sexan electrónicos.

A diferenciación entre poesía tradicional publicada no medio dixital e poesía dixital (electrónica,etc.) debe levar, polo tanto, a entender que esta última esixe unhas condicións particulares que fagan necesario, tanto para a súa elaboración como para a súa lectura, o uso de elementos informáticos. Así pois, a poesía só podería ser considerada electrónica cando o seu funcionamento fai obrigatorio a intervención da tecnoloxía informática. Ao falar de literatura electrónica, o medio non só e a mensaxe, tamén é unha condición necesaria.

David Muiño

Performing Poetry

A editorial Rodopi publica o volume “Performing Poetry: Body, Place and Rhythm in the Poetry Performance”, coordinado por Cornelia Gräbner (Universidade de Lancaster) e por Arturo Casas, da Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC. Os dous son membros da rede Poetics of Resistance.  Contén diversas aproximacións críticas en torno á  performance poética, á súa condición híbrida e aos conceptos fudamentais de espazo e lugar. Entre outros especialistas procedentes de diferentes ámbitos, no volume participa o director do Proxecto Le.es, Anxo Abuín.

Vía Magmática.