No Centro de Lingüística da Universidade Nova de Lisboa naceu o proxecto TKB (A Transmedia Knowledge-Base for Performing Arts), que se declara “nos intersticios entre a lingüística e os estudos de artes performativas” e que ten como obxectivo construír unha base de coñecemento aberta e multimodal para documentar e apoiar a creación de pezas de danza contemporánea. O proxecto comezou no 2009 e neste 2013 chega á súa fin.
Nel colaboran a Faculdade de Ciências e Tecnologia da Universidade Nova de Lisboa (Interactive Multimedia Group), o Centro Coreográfico O Espaço do Tempo: Montemor-o-Novo e a AHK: Amsterdam Hogeschool voor de Kunsten da Universidade de Amsterdam.
Os principais resultados que se acadaron neste proxecto foron un software para a creación de danza contemporánea e unha base web para agrupar o coñecemento xerado en torno á esta disciplina e as súas relacións cos medios dixitais.
O software chámase polo de agora Creation Tool e trátase dun anotador de vídeo que serve para axudar no proceso creativo dos coreógrafos e funciona como un caderno dixital onde se poden facer anotacións en tempo real sobre un vídeo de danza. O desenvolvemento desta ferramenta seguiu un proceso de deseño iterativo no que participaron dous coreógrafos e que foi testado con bailaríns internacionais durante unha residencia-taller de danza contemporánea. O software pódese descargar na web do proxecto, canda un manual e diversas ilustracións e exemplos de uso.
A Knowledge-Base lanzarase durante este ano e foi concebida como un recurso aberto e dinámico que funcionará como unha plataforma de relacións para todos os creadores, artistas e investigadores das artes performativas que queiran compartir os seus procesos creativos, métodos de traballo ou pezas rematadas.
Outra das actividades que realizou este ano o proxecto TKB foi o congreso internacional Multimodal Communication: Language, Performance and Digital Media, que se no mes de maio en Lisboa, en no que se presentaron os recursos mencionados. Podemos ler unha completa crónica na revista Digicult, e tamén este vídeo no que se resumen as principais ponencias do congreso.