Arquivo da categoría: Webs de referencia

Versogramas, unha viaxe arredor da videopoesía

“Versogramas” é un proxecto transmedia posto a andar o pasado ano pola poeta e produtora ourensá Celia Parra e os realizadores Juan Lesta e Belén Montero (Esferobite), recoñecidos polo seu traballo na videoarte, a performance audiovisual e o vídeo experimental.

Versogramas - esquema transmedia

 

Seguir lendo Versogramas, unha viaxe arredor da videopoesía

Vídeo-ensaio de Talan Memmott sobre o momento actual da literatura electrónica

A ELMCIP vén de presentar The Exquisite Corpus: Issues in Electronic Literature, un vídeo-ensaio documental no que Talan Memmott entrevista a 17 expertos e creadores de literatura electrónica, que reflexionan sobre o momento actual e o futuro desta disciplina.

As preguntas inclúen temas como “ten futuro a literatura electrónica?”, “é Google a fin do mundo?”, “que hai na intersección entre texto e a imaxe?”, “onde está o autor e que é un experto?”, “pode haber unha e-literatura nacional?”, “cal é a atracción das tecnoloxías que se poden tocar?” ou  “cal é o lugar das poéticas dixitais nas políticas globais?”.

Os entrevistados son Mark Amerika, Simon Biggs, Serge Bouchardon, J. R. Carpenter, John Cayley, Cris Cheek, Maria Engberg, Jerome Fletcher, Maria Mencia, Nick Montfort, Jörg Piringer, Jill Walker Rettberg, Scott Rettberg, Alexandra Saemmer, Roberto Simanowski, Christine Wilks e Jaka Železnikar.

O documental está dispoñible en Vimeo:

A Asociación de Humanidades Digitales Hispánicas celebrou o seu primeiro congreso na Coruña

cartelHDH2013A Universidade da Coruña acolleu do 9 ao 12 de xullo o I Congreso da asociación HDH:  Humanidades Digitales Hispánicas. Sociedad Internacional, recentemente constituída. Baixo o título Humanidades Digitales: desafíos, logros y perspectivas de futuro, o congreso deu a oportunidade de coñecer e darlles visibilidade aos proxectos sobre Humanidades Dixitais que se desenvolven en España, establecer relacións entre os investigadores e outros interesados neste eido de coñecemento.

As áreas temáticas que quixo explorar a HDH nesta convocatoria van desde a edición dixital ata a preservación de textos en bibliotecas e arquivos dixitais, as aplicacións informáticas e o software deseñado para as humanidades dixitais, a minaría de datos, a web semántica, as ferramentas dos novos medios, as redes sociais ou o papel das HD na docencia e no currículo académico.

As ponencias plenarias correron a cargo de José Luis Canet Vallés, catedrático de Literatura Española na Universitat de Valencia, que abriu cunhas “Reflexiones sobre las Humanidades Digitales”; o profesor da Monash University John Griffiths (“Música, informática, y la vihuela en el siglo XXI”), o catedrático da Universidad de Alcalá Pedro Sánchez-Prieto Borja (“Hacia un nuevo humanismo (digital): edición de textos, lectura y educación”), o profesor Paul Spence do departamento de Digital Humanities do King’s College de Londres (“Centros y fronteras: el panorama internacional de las humanidades digitales”), e Xavier Agenjo Bullón, director de proxectos da Fundación Ignacio Larramendi, coa ponencia “La digitalización de los materiales bibliográficos y las herramientas del humanismo digital: estado de la cuestión y perspectivas de futuro”.

A totalidade do programa do congreso, que incluíu diversos talleres prácticos sobre posibilidades do entorno dixital nas humanidades, pódese ver na web do congreso.

A asociación Humanidades Digitales Hispánicas, presidida pola catedrática da Universidade da Coruña Sagrario López Poza, continuará a súa actividade despois de verán, que se pode seguír a través da súa web.

El interlector, blog sobre ficción interactiva de Xavier Carrascosa

sorceryAínda que a ficción interactiva e as aventuras conversacionais parece un xénero da e-literatura (ou dos videoxogos?) non dos máis populares neste momento, conta cunha ampla e fiel comunidade de seareiros en España, que leva anos aglutinada arredor da plataforma CAAD (Comunidad de Aventuras Conversacionales y Relatos Interactivos) compartindo e comentando as últimas novidades, a través de foros, wikis e outros recursos para os fans. Dese universo nace en 2012 El interlector, o blog de Xavier Carrascosa, un autor de ficción interactiva e diseñador gráfico barcelonés, como un espazo de crítica, teoría e práctica das novas narrativas dixitais.

Ademais de comentar e facer crítica das obras que van aparecendo no mundo ficción interactiva, Carrascosa tamén pon a disposición do público as súas propias obras, con títulos como La casa del olvido, Orfeo, Pitufos Crisis, La Musa, Wiz Lair, Diana v.925 ou Ke rulen los petas.  Eríxese así como un dos creadores máis prolíficos deste xénero en España, así como un dos expertos aos que seguirlle a pista para estar ao tanto das novidades dunha parte da narrativa dixital que aínda ten por acadar o prestixio que merece pola súa capacidade experimental á hora de contar historias, mais tamén e sobre todo pola súa parte lúdica.

Para facernos unha perspectiva máis ampla sobre a ficción interactiva, as súas principais obras e autores de referencia, no mundo e particularmente en españa, na CAAD fixeron unha enciclopedia colaborativa das aventuras conversacionais que contén o maior arquivo de relatos interactivos en español, chamada WikiCAAD e está accesible online non só para a súa consulta senón para que todos os amantes do xénero poidan axudar a ampliala e mellorala.

 

I ♥ E-Poetry, un novo espazo para a análise da poesía dixital

iloveepoetryNo pasado mes de decembro abríase o blog I ♥ E-Poetry, un espazo para  a reflexión informal sobre a poesía dixital creado polo portorricense Leonardo Flores, no que propón a revisión dunha obra de poesía electrónica cada día, e trata de aproximar o xénero a un público amplo tratando de achegar contexto poético, teórico e tecnolóxico a cada peza, axudándolle aos potenciais lectores a ler e entender mellor a obra. Este obxectivo de ampliar a audiencia da poesía dixital fóra do ámbito académico, aínda que tamén como un revulsivo desde dentro, materialízase non só no blog senón tamén en redes sociais como Facebook ou Twitter.
I ♥ E-Poetry ofrece unha metodoloxía moi interesante para o comentario e clasificación de obras de e-poesía, segundo a tipoloxía que Flores desenvolvera xa no seu traballo Typing the Dancing Signifier: Jim Andrews’ (Vis)Poetics.

Non hai acordo no vocabulario a utilizar para describir as características extralingüísticas dos textos nos medios dixitais, para alén das xa establecidas para textos impresos. Por ese motivo propoño unha tipoloxía de comportamentos que describen as posibles características textuais en medios electrónicos/programables. Son as seguintes:

  • Os textos estáticos son os que por defecto usamos nos medios impresos. Os que non se moven na pantalla.
  • Os textos cinéticos teñen palabras que se moven na pantalla: este movemento pode ser lineal ou espiral, aleatorio, programado ou de resposta a accións do lector.
  • Os textos receptivos (responsive) son os que aproveitan a interface do ordenador para permitir a intervención do lector, que virá fundamental mente do rato e do teclaro. Estes puntos de acción (enlaces, iconas e comandos do teclado) poden estar explícitos ou agochados, permitir a interacción voluntaria ou involuntaria, ou ter reaccións inmediatas ou pospostas sobre o input do lector.
  • Os textos mutables supoñen cambios programados ou aleatorios e poden tamén cambiarse pola interacción do lector.
  • Os textos programados poden irse revelando co tempo, que pode ser lineal ou en loop. Poden tamén forzar certa cantidad de lectura desaparecendo ou facendo scroll. Tamén poden desencadear eventos sobre un calendario programado ou aleatorio.
  • Os textos aurais teñen un compoñente sonoro, sexa verbal, musical ou un ruído.

Leonardo Flores ofrece esta tipoloxía como guía para o lector, pero non prescritiva nin tampouco completa. E convida os lectores do blog e a calquera persoa interesada a contribuír neste espazo enviando os seus propios comentarios e análises de obras, e utilizando as guías de envío, formato e revisión que expón no mesmo. Ata o de agora leva máis de 500 entradas, con case outras tantas análises de poemas dixitais.