Aguirrezabala, Roberto

Roberto Aguirrezabala naceu en Sestao en 1971. Dende 1995, centra o seu traballo no net.art e os medios audiovisuais. Os temas da identidade, a estraña dimensión que esta asume no entorno telemático e as relacións interpersoais xa están presentes nas súas primeiras creacións online, como what:you:get (1999) e seguen sendo explorados en obras recentes como Easyfriend (2006).

Nos seus traballos para internet, a participación do usuario é un referente constante. Por exemplo en what:you:get o punto de partida é a historia de dous personaxes de ficción que contan as súas propias experiencias (e expoñen a súa forma de pensar, de actuar, os seus conflitos nas relacións e en definitiva as súas dificultdes para a comunicación), que acabaconverténdos nunha historia real onde o participante xoga a representar un personaxe sustituíndo aos dous protagonistas. A medida que avanza pola historia ten que tomar máis decisións véndose na necesidade de actuar, de intervir, contactar con alguén, chatear, escribir, etc. Navega pola web sen decatarse de que todos os seus movementos son controlados por un programa, semellante a como funcionan os sistemas de control de publicidade personalizada en internet.

En Easyfriend o autor explora un novo formato de narración en internet, a cabalo entre o cine e o net.art, que parten dun deseño narrativo propio onde conflúen diversos elementos como o vídeo, a Intelixencia Artificial Emocional, a identidade e a idea de comunidade virtual como soporte para as relacións.

Na actualidade, Aguirrezabala investiga o desenvolvemento de sistemas narrativos cinematográficos online.

[Net-art, cine interactivo, narración interactiva]