Bernat, Roger

Roger Bernat naceu en Barcelona en 1968.

Durante o período 1997-2001 funda e dirixe General Elèctrica con Tomàs Aragay, un Centro de Creación de Teatro e Danza. É autor e dirixiu entre outras as pezas teatrais 10.000 Kg (Premio Especial da Crítica 96/97); Confort Domèstic (Premio da Crítica ao Texto Dramático 97/98), Àlbum, Trilogia 70, a serie de 6 pezas Bona Gent, LALALALALA, Amnèsia de Fuga, Tot és perfecte ou Das Paradies Experiment. Tamén realizou vídeos e instalacións: Polar, La Tribu (3 contes patriòtics), Vero ou El que sap tothom i ningú no gosa dir.

Bernat é un artista interdisciplinar que concibe o teatro como un acto de intervención social no que a tecnoloxía debe contribuír a garantir a participación do público, implicado activamente nos procesos de creación e interpretación. A peza breve De la imposibilidad de estar en todas partes, por exemplo, comezaba, segundo describe José Antonio Sánchez, cos actores chamando aos teléfonos móbiles dos espectadores, a quen se lles preguntara o número na entrada: os actores pedían aos espectadores que transmitisen datos ou executasen accións. En Domini Públic (2008), os espectadores convértense en actores, no seu vagar por espazos públicos, grazas ás instrucións que reciben polos seus auriculares. O propio Bernat define os seus últimos proxectos (Domini públic, Pura coincidència ou La consagració de la primavera) pola imposición dunha confrontación necesaria do espectador coa mediatización dun “dispositivo” que desubica e cuestiona o seu papel na recepción espectacular.

[teatro, catalán, techformance]