Cañas, Dionisio

Dionisio Cañas (Ciudad Real, 1949) é poeta e profesor de Literatura na Universidade de Nova York, cidade na que vive dende 1972.

Defínese como escritor-artista, e leva dende hai 30 anos publicando poesía en formato convencional e tamén explorando e investigando as posibilidades da poesía noutros formato como o vídeo, a performance ou a instalación artística. Así o conta o propio autor:

“Desde as miñas primeiras accións poéticas fun explorando (a través das instalacións e performances) o potencial de interacción que poden posuír os meus textos e a palabra en xeral. A través da ampliación de poemas, que eran pegados nas paredes dos espazos públicos, da creación de carteles con palabras e imaxes atopadas en calquera medio, de intervencións con máscaras, vídeo, música, do uso de contestadores e teléfonos móbiles, de recollida de palabras no lixo, intentei levar a palabra ao punto máximo das súas posibilidades significativas, tanto no plano social como individual. Partindo do concepto básico de “reciclar, tanto na miña poesía publicada en forma de libro como nas miñas accións poéticas, o que procuro é todo o contrario ao que as vangardas históricas fixeron (aínda que me sirva da súa enerxía): destruír a linguaxe para convertela nunha forma da expresión artística. Eu, pola contra, o que intento é reciclar a linguaxe, expremela, estrullala, engordala, ata revelar todas as súas posibilidades de significación no dobre sentido do contexto social e do persoal. Algúns títulos das miñas accións creo que ilustrarán ben cal é a intencionalidade do meu proxecto poético”.

Xunto con Carlos González Tardón, que lle axudou a programar e deseñar a actividade de algúns dos seus poemas, escribiu o libro ¿Puede un computador escribir un poema de amor? Tecnorromanticismo y poesía electrónica, a partir dun artigo co mesmo título.

A súa obra pódese consultar e seguir na súa web persoal.

[videopoesía, performance]

Deixa unha resposta