Estévez, Eduardo

Eduardo Estévez (Bos Aires, 1969), é un poeta galego que publica e experimenta en distintos soportes, pero que destaca polo emprego dos blogs e da rede como lugar para a creación poética.

Desde que se instala en Galicia a mediados dos noventa comeza a súa produción en galego, que ve luz por vez primeira en 1998. E empeza a gañar premios: accésit en 1997 do premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña, finalista do premio Tivoli Europa dese en 1999, premio de poesía Concello de Carral e premio Eusebio Lorenzo Baleirón (ambos en 2002). Os seus textos aparecen incluídos en diversos volumes colectivos e publicacións periódicas. En outubro de 2008 inicia a columna poética esca e pedra dentro da páxina web culturagalega.org.

Participa da fundación de Letras de Cal, editora cooperativa da que será activo membro ata a súa desaparición en 2001. Funda -con Estevo Creus e Rafa Villar- Retagarda Edicións, efémero proxecto de edicións dixitais (2000).

Colaborou en diversas publicacións periódicas (O Correo Galego, A Nosa Terra, Faro de Vigo) e foi responsábel dos blogs O ollo da vaca, En construción e Mirar para este lado.

En construción era un blog onde o autor ía construíndo un poemario día a día compartindo o proceso creativo cos lectores. Cos poemas resultantes elaborou un poemario que en 2008 recibiu o premio González Garcés de poesía, que aos poucos días foi impugnado no que foi unha interesante polémica sobre os soportes, as obras e a autoría. Así o recollía o xornal Vieiros.

Na actualidade Eduardo Estévez mantén o seu blog persoal e publica haikus no seu espazo Lúa gris, que previamente foi unha web dedidada á poesía máis experimental.

[blogpoesía]

Deixa unha resposta