Fernández Campos, Leonardo (O Leo)

O Leo i Arremecághona!!! é o nome do proxecto musical como cantautor punk de Leonardo Fernández Campos, nado en Matamá en 1974, que é un artista polifacético, filólogo e poeta.

A traxectoria musical d’O Leo i Arremecághona!!! iníciase sobre o ano 1997, aínda que comeza a ser coñecido cando é chamado para abrir os concertos da xira galega de Albert Pla en 1998. Do mesmo 1998 é o seu primeiro disco Suspiros de Kaña, reeditado en 2006 por A Regueifa Plataforma. Tamén forma arte doutros proxectos musicais, como Labregos do tempo dos Sputniks (xunto a García, de Dios ke te crew) e Das Kapital (xunto a Daniel Salgado e Marcos Payno).

Experimentou coa poesía en formato blog coa experiencia Hai cu, na que ía escribindo haikus periodicamente, que foron recollidos nun libro de poesía homónimo editado por Xerais en 2007. As presentacións, nese mesmo ano, baseáronse nun espectáculo chamado Espectáculo Multimerda, semellante ao monólogo humorístico onde se ían recitando os distintos poemas. Tamén ao longo do 2007 acompañou musicalmente a presentación do libro de Anxo Angueira Fóra do sagrado por distintas cidades galegas.

Deixa unha resposta