Ferret, Ton

Ton Ferret é un dos máis destacados escritores cataláns de literatura electrónica. Entre as súas obras destacan Retorn a la Comallega e a súa obra The Fugue Book, que funciona como unha aplicación API para Facebook, e consiste nunha obra narrativa que interactúa coa información do noso perfil virtual e nos envía mensaxes ao correo, ou nos increpa desde os comentarios do noso perfil.

Gañadora no 2008 do Premio Ciutat de Vinaròs de literatura electrónica como mellor obra en catalán, esta pequena alfaia narrativa emprega todo tipo de recursos para mergullarnos na súa historia, que se vai creando de maneira personalizada a través da información que a aplicación obtén do noso perfil de Facebook e comunicándose connosco a través do correo electrónico. A partir dos e-mails que imos recibindo dos distintos personaxes da obra imos desenguedellando un argumento que nos leva a diferentes páxinas ficticias de internet, como blogs ou Wikipedia, nas que o noso perfil dixital é o protagonista. Ao longo da historia os nosos datos reais vanse mesturando nunha biografía póstuma composta por retallos das nosas interaccións, os nosos datos reais e os textos da obra.

A programación en PHP aproveita as virtudes desta linguaxe para o post-proceso de plantillas de HTML variabilizadas, o acceso á API de Facebook e o envío de e-mails, aproveitando con moito sentido narrativo estes recursos.

The Fugue Book foi incluído no volume 2 da Electronic Literature Collection. Aínda que desde a páxina da ELO pode verse un vídeo da navegación da obra, experimentar a súa lectura resulta moi interesante.

[ficción hipertextual, mash-up, redes sociais]

Deixa unha resposta