Franco, Camilo

Camilo Franco Iglesias naceu en Ourense en 1963. É escritor, xornalista e crítico teatral. A súa traxectoria literaria caracterizouse pola experimentación con formatos narrativos breves e en distintos soportes, dende os seus primeiros libros de relatos A lúa no cénit e outros textos (Ediciós do Castro, 1988) e En malos pasos (Xerais, 1995) ata as súas primeiras apostas pola rede con Por conto alleo, unha experiencia realizada en colaboración co xornal electrónico Vieiros en 1999, na que Franco se puxo o reto de escribir cada noite un relato a partir das palabras que propuxeran os internautas o día anterior, e publicalo á mañá seguinte no xornal. Os relatos resultantes recompiláronse nun libro electronico publicado por Vieiros, que despois imprimiu a Editorial Galaxia en 2003.

Tras o éxito da experiencia de Por conto alleo, Camilo Franco e Vieiros volveron colaborar en 2001 cunha proposta chamada Necesariamente X, nas que o autor escribía, a partir dunha das fotografías pornográficas que subisen os lectores, “un relato ou un ‘pensamento’ non necesariamente erótico”.

En 2006 publica Palabras contadas, outro libro que reúne distintas pezas de narrativa breve, como microrrelatos, relatos e argumentos de novela. Esta publicación tamén trascendeu o soporte libro, cunha exposición na Fundación Luís Seoane da Coruña.

En 2011 proponse volver á literatura inmediata en internet, utilizando desta volta unha rede social: Facebook. Así, escribe Balada Triste de Moqueta, un “folletín 2.0” protagonizado por un político galego en campaña electoral, e que coincidía coa campaña das eleccións municipais dese ano. Esta experiencia literaria publicouse no espazo do Facebook do pub Casa das Crechas de Compostela, no que podemos considerar unha das primeiras obras literarias galegas patrocinadas por unha casa comercial.

[Ficción interactiva e colaborativa, redes sociais]

Deixa unha resposta