Muntadas, Antoni

Considerado como o pai do net.art español, Antoni Muntadas naceu en Barcelona en 1942, cidade na que estudou Enxeñería Industrial. Vive en Nova York desde 1971. Foi profesor na Universidade de San Diego, na Escola de Belas Artes de Burdeos e Grenoble, na Escola Nacional de Belas Artes de París, no Instituto de Arte de San Francisco e na Universidade de São Paulo, entre outras. Recibiu en 2005 o Premio Nacional de Artes Plásticas de España.

Foi tamén galardoado cos premios Solomon R. Guggenheim Foundation, the Rockefeller Foundation, the National Endowment for the Arts, the New York State Council on the Arts, Arts Electronica in Linz (Austria), Laser d’Or en Locarno (Suiza), o Premio de Artes Plásticas da Generalitat de Cataluña e o Premio Velázquez de Artes Plásticas. A súa obra baséase no uso de tecnoloxías audiovisuais, como resposta crítica aos medios de masas.

Entre os seus proxectos destacan Media Eyes (1981), Stadium (1982-1992), The Board Room (1987), The File Room (1994) e, especialmente para a nosa materia, On Translation: The Internet Project. Trátase dunha caste de web-ensaio que se presenta como “unha serie de traballos que exploran os problemas da transcrición, da interpretación e da adaptación. Da linguaxe aos códigos. Da ciencia á tecnoloxía, da subxectividade á obxectividade. Do consenso á guerra. Do privado ao público. Da semioloxía á criptoloxía. E o papel da tradución/ dos tradutores como un feito visible/invisible”.

[arte dixital, hipertexto, web-ensaio]

Deixa unha resposta