Ruiz Montesinos, Antonio

Antonio Ruiz Montesinos naceu en Ronda (Málaga) no ano 1979. Estudou en Sevilla e Valencia, onde rematou Belas Artes. Cursou o Máster de Aplicaciones Multimedia para Internet na Universitat Politècnica de Velència e o Máster de Artes Digitales na Universitat Pompeu Fabra. Na actualidade, traballa como docente no Istituto Europeo di Design.

A súa obra foi exposta por diferentes lugares da xeografía española. É membro fundador do colectivo D_forma e do espazo de produción independente Rampa. Tamén forma parte de Prisma e El Deseo de Andar. Colabora nos blogs colectivos Aptitud para las Armas e Agua Cocida. A súa obra e o seu currículo poden ser consultados na súa páxina persoal, dende a cal é posíbel acceder aos diferentes espazos que mantén na rede, sobre todo nas redes sociais.

Entre os seus proxectos destaca Narraciones Caminadas, un experimento no que trata de relacionar os diferentes espazos reais e virtuais para constuír un significado/narración. Para isto inspirouse nos escritores peripatéticos, nos flaneurs de Baudelaire e no concepto da deriva experimentado por Thomas Quincey e desenvolvido pola Internacional Situacionista.

[Arte dixital, narrativa, locative media]