Toro, Xelís de

Xelís de Toro (Santiago de Compostela, 1962) é escritor pero tamén é un artista multimedia. Cursou os estudos de Filoloxía Galega e foi lector de galego nas universidades de Birmingham (1991-93) e Oxford (1993-97). Nun afán por reunir na súa persoa a figura de artista polifacético foi, tamén, cantante de “Os quinindiola”, realizou performances multimedia con Terminal e con O buscapeixe e, en 1990, fundou con Francisco Macías “Edicións positivas”. Iniciouse como novelista con Seis cordas e un corazón (1989), baixo o seudónimo de Roque Monteiro. Dentro da súa obra narrativa pódense salientar Non hai misericordia (1990), premio Cidade de Lugo, Terminal (1994), Os saltimbanquis no paraíso (2000), The Corunna boats (2004), e Riofero (2009); aínda que tamén publicou numerosos títulos de literatura infantil. Colaborou co xornal dixital Vieiros. Na actualidade reside en Inglaterra, onde traballa como editor internacional freelance.

Na obra de Xelís de Toro, Terminal (1994), obsérvanse moitos dos trazos atribuídos normalmente aos textos electrónicos, como o dinamismo, a organización espacial, a liberdade do lector, ou a discontinuidade, entre outros. De feito, podería definirse, cunha simple ollada, como unha obra multimediática e híbrida na que se mestura texto con imaxes, poemas visuais, fotografías, advertencias ao lector, banda deseñada, collage, montaxe, etc. Neste sentido, a concepción desta obra vencéllase directamente coa concepción da narrativa hipertextual, na que se postula a aparente liberdade do lector fronte á obra, o carácter lúdico da mesma ou a idea de obra en movemento. Así, Terminal de Xelís de Toro pode incluirse entre os innumerábeis antecedentes literarios impresos aducidos habitualmente como precedentes do modelo hipertextual e cómpre salientala como un dos mellores exemplos de protohipertextualidade dentro da literatura galega.

En 2012 o autor presentou O libro das pontes invisibles, unha obra multidisciplinar formada por 30 textos escritors por el e trasladados ao inglés por John Rutherford, e unha colección de distintas obras de arte creadas por 14 artistas internacionales inspiradas nestes textos. O conxunto adquiriu forma de libro + DVD, editado por Pighog Press, e tamén dunha exposición que fixo este ano en Brighton, cidade inglesa na que vive o escritor, e que despois levou á súa cidade natal, Santiago de Compostela, nun formato reducido.

Na web do proxecto Xelís de Toro explica o proceso de O libro das pontes invisibles, que é tan importante como o resultado: unha vez que a colección de textos foi escrita e traducida pasóuselle a catorce artistas colaboradores, tanto do Reino Unido como de Galicia. Durante un período de tres meses cada un deles creou unha obra única na súa práctica respectiva, inspirada por un texto, por un fragmento ou por varios textos. Estes artistas son, ademais do propio Xelís de Toro, Ed Briggs, Chévere, Simon Wilkinson [circa69], Bruno Humberto, Yael Karavan, Fredrik Lloyd, Linda Remahl, Fran Pérez (Narf), Matt Rudkin, Dolores Sanchez Calvo, Jim Sanders, Jonathan Swain e Prue Waller.

Deixa unha resposta