Adell i Pitarch, Joan Elies

Joan-Elies Adell Pitarch naceu en Vinaroz (Castellón) en 1968. É doutor en Filoloxía Catalana e licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Valencia. Na actualidade desempeña o cargo de profesor de Teoría Literaria na Universitat Oberta de Catalunya e é un dos membros fundadores do proxecto internacional sobre estudos literarios e tecnoloxías dixitais Hermeneia, dirixido por Laura Borrás.

Escribiu múltiples obras de poesía: La matèria del temps (1994), Oceà immòbil (1995), A curt termini (1997), Un mateix cel (2000), Encara una olor (2003), La degradació natural dels objectes (2004) e Pistes Falses (2006). Os seus textos inclúense en antoloxías como Bengales en la fosca (1998), Dotze poetes valencians (2000), Vint-i-un poetes del segle XXI (2001) e Imparables (2004).

Na súa faceta de crítico e teórico, publicou diversos ensaios centrados na música e a cultura dixital: Música i simulacre a l’era digital (1997) La música en la era digital (1998), e (ed.) Indústria musical i cultural popular (2005). O seu fundamental artigo “Las palabras y las máquinas. Una aproximación a la creación poética digital” aparece integrado no volume colectivo Literatura y Cibercutura (Madrid, Arco/Libros, 2004).