González Tardón, Carlos

Carlos González Tardón é un investigador nacido en Madrid en 1982. Licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Barcelona en 2004, céntrase no campo da interacción humano-ordenador. Dende 2007 funda e coordina People & VIDEOGAMES, iniciativa de asesoramento, desenvolvemento e xestión de proxectos sobre videoxogos que conta coa colaboración de profesionais especializados en diversas áreas do sector.

Dende esta plataforma realiza traballos de investigación e divulgación sobre o impacto psicolóxico do uso de videoxogos a nivel individual e social. Participou no deseño de modelos de vida artificial, intelixencia artificial e robótica traballando nas súas aplicacións cruzadas coa psicoloxía. Coordinou o festival ArsGames 2008, evento especializado no videoxogo como manifestación artística, e deseñou e coordinou as xornadas de formación Jóvenes y Videojuegos en colaboración co Consejo de Juventud de Castilla-La Mancha. Imparte talleres, seminarios e conferencias en centros e programas arredor de todo o mundo e prepara a tese de doutoramento sobre a inmersión en videoxogos.

Selección de obras relacionadas coa literatura dixital:

    Artigos: en colaboración con Dionisio Cañas “¿Puede un ordenador escribir un poema de amor?” (Poesía Digital, 9|06, Documentos). O artigo deu lugar ao libro ¿Puede un computador escribir un poema de amor? (Ed. Devenir, Madrid). Outros artigos destacables son “Poesía y Videojuegos” e “Cuentos Emergentes”, os dous publicados en La Comunidad Inconfesable en 2010.

    Conferencias: “Narratividad y Videojuegos” de Kosmópolis 06: CCCB (2006); “Robótica Social: Realidad y Ficción”, dentro do proxecto de cine e divulgación científica do Centro Cultural Sant Josep (2008); “Creatividad y Videojuegos. El jugador como creador” en Ars Games, Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid (2007).

    Ponencia “Emerging Poetry and Videogames”, no E-Poetry Festival 09.

    Cursos e talleres: en colaboración con Dionisio Cañas, “Poesía, Naturaleza y Tecnología” (2005) e Taller “Videopoesía” (2007).

    Documentación, programación e desenvolvemento dos programas interactivos E-Poem: The Last thought (2009), E-Poem: PoeticFlow (2009),  E-Game-Poem: PoetHero, Be a Poet… (2009).

    Artes Visuais, Novas Tecnoloxías e Intervención Social: Emerging Poetry and Videogames, (vídeo, 2009); Sin Palabras [01-10] (2006, videopoemas que despois foron publicados en formato DVD canda o libro Cañas, D. (2007) Videopoemas. 2002-2006. Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha, Toledo; PoemaAlAzar 1.0, modelo de Vida Artificial que crea poemas a través da interacción dos axentes (2005).

Webs:

[Videoxogos, programación, e-poetry]