Andrea Álvarez Pino

Andrea Álvarez Pino naceu en Compostela en 1982. É licenciada en Filoloxía Hispánica, especialista en Estudos teatrais e de Performance, especialista en Arte e Crítica Contemporáneas e Máster Oficial en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura con especialidade en Interartes, Escrituras Emerxentes e Teatralidade pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou seis cursos de posgrao en Filosofía e Política Feministas na Universidade de Utrecht, Holanda, baixo a coordinación de Rosi Braidotti. Foi co-creadora e actriz, actriz e axudante de dirección, e axudante de produción de distintos espectáculos de cabaré, teatro e danza contemporáneos en Galicia e Portugal, respectivamente nas compañías Virxes, Nut Teatro e Paulo Ribeiro/Centro Coreográfico Galego.

Estivo vinculada á Equipa de Investigación GI – 1927 CIDACOM, participando na elaboración dos informes O tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación galegos 2007 e 2008. Na actualidade, é bolseira do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e colaboradora habitual en diversas publicacións galegas como crítica literaria e de espectáculos. Como investigadora, é membra do Proxecto INCITE09 204039 PR: Literatura electrónica en España. Inventario e estudo dende a súa creación en 2009, ocupándose canda a María López Suárez da coordinación e contidos de Magmática, o blog sobre performance e tecnoloxía que se integra na web deste proxecto. Compaxina estas actividades coa realización da tese de doutoramento baixo a dirección do profesor titular da USC Anxo Abuín González.