Manuel del Río Rodríguez

Manuel del Río Rodríguez (Bournemouth, R.U., 1980) é licenciado en Historia (especialidades Antiga e Medieval) e Filoloxía Inglesa, especialista en Estudos teatrais e Máster Oficial en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura (especialidades en Cibercultura, Escrituras Emerxentes e Teatralidade) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). No seo desta tamén ten realizado estudos de doutoramento: primeiramente no curso “Economía y sociedad en la historia: épocas medieval y moderna” e no momento presente, en etapa de tese, no departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC; uns estudos que compaxina co exercicio da función docente como profesor de ensinanza secundaria (inglés).

Ten participado en congresos e seminarios, entre os que podemos citar o II coloquio de primavera ‘Os usos do Clásico’ (Universidades de Santiago, Coimbra e Minho), o programa intensivo Urbes europaeae, con varias ponencias nas universidades de Kiel (Christian-Albrechts), París 8 (Université de Vincennes à Saint-Denis) e Santiago de Compostela, e as xornadas de Literaturas en la era digital (Komunikazioa Multimedia EHU-EITB Masterra), na Universidade do País Vasco.

Canto ás publicacións, destacar “A outra revolución: aproximacións á vangarda, o cine e o teatro soviéticos dos anos 20” (en Boletín Galego de Literatura nº 33, 1º semestre, 2005, p. 159-231) e o capítulo “Mapping the Unmappable: giro espacial, ciudad posmoderna, ciberciudad” en Javier Gómez Montero & Christina Bischoff (eds.), Urbes Europaeae. Modelos e imaginarios urbanos para el siglo XXI. En espera de publicación están varios traballos sobre remediación fílmica e William Shakespeare e sobre o concepto de ‘narración gnóstica’ aplicada ao cine, á literatura, ao urbanismo e ás artes emerxentes.

A súa liña fundamental de investigación céntrase nas interrelacións da literatura, as artes, o urbanismo e as novas tecnoloxías con moitas das correntes intelectuais e filosóficas da modernidade e posmodernidade. Neste eido prepara na actualidade a súa tese de doutoramento baixo a dirección do Profesor Titular de Universidade Anxo Abuín González.