María Yáñez

María Yáñez Anllo (Lugo, 1978) é xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais. Dende marzo do 2011 coordina a web do proxecto de investigación Le.es (Literatura Electrónica en España) da Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, ao tempo que investiga en narrativas dixitais e cursa o Master en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura na mesma Universidade.

É socia fundadora de A Navalla Suíza, unha empresa de comunicación dixital especializada no desenvolvemento de aplicacións web e ferramentas de vídeo online, coa que puxo en marcha entre outros proxectos o portal Flocos.TV (o cineclube do audiovisual galego), xa desaparecido.

Ten unha ampla experiencia nos medios dixitais en Galicia, tamén na industria do cinema, e como guionista e directora de documentais e programas de televisión. En 2003 publicou o blog Todo Nada, que foi un dos primeiros en expandir a comunidade de blogs en galego, e que pechou tres anos máis tarde. Desde entón participou en diversos blogs especializados e colaborou en distintos medios como El País, 20 minutos, Radio Galega ou Vieiros, desaparecido xornal electrónico no que foi directora no 2006.

En 2005 fundou Ediciós da Rotonda, a primeira editorial dixital en galego, coa que publicou a novela O home inédito, de Carlos G. Meixide.

Na actualidade está interesada na investigación comparada de narrativas dixitais e transmedia, e no desenvolvemento de conceptos como o documental interactivo, open source cinema, cultura do remix e cinema colaborativo e de base de datos. Con A Navalla Suíza está a explorar as posibilidades do HTML5 para mellorar a experiencia de ver video online, e axudar a realizadores a construír narrativas complexas mesturando vídeo e linguaxe web. Entre outros traballos, colaboran no proxecto Web Made Movies coa Fundación Mozilla e o National Film Board de Canadá. En 2010 o seu equipo gañou o certame “Content 360º” do MIPTV de Cannes, dentro da categoría “Next Generation Online Video Experience”, co proxecto Augmented Films.

Como investigadora independente colabora co proxecto EMBED (audiovisual integrado), e coa comunidade i-Docs, que organiza o festival do mesmo nome na cidade de Bristol (UK). Formou parte, entre outros, dos comités de valoración de proxectos nas axudas do ICAA (Ministerio de Cultura) a obras audiovisuais feitas con novas tecnoloxías.

Deixa unha resposta