Arquivos da etiqueta: apps

Camiños para a app-literatura (II): a poesía expandida

Por ser unha das manifestacións literarias máis libres en canto ao formato e ao soporte, a poesía vén sendo no ámbito da literatura electrónica o xenéro máis experimental e experimentado, a través do que se poñen a proba os distintos dispositivos textuais e paratextuais, e os novos tropos que poden xurdir da conxugación de diferentes medios e o código numérico.

Mais esta profunda vinculación co soporte fai que a evolución tecnolóxica condicione a evolución poética e en moitas ocasións as circunstancias do trebello prevalezan sobre o contido. Así, moitos xulgan moi pasada de modaa poesía que se facía en CD-Roms ou os poemas visuais que se facían para a web con soporte flash, pola propia obsolescencia do soporte máis que porque o contido quede obsoleto. Iso, se somos capaces de separar contido de soporte cando este determina a forma do poema, a súa esencia, que moitas veces non se pode trasladar a un formato que evolucione cos tempos.

Deste xeito, a experiencia dos últimos vinte anos advírtenos da futilidade de abrazar calquera tecnoloxía e as súas posibilidades, ao tempo que nos fai albergar esperanzas sobre se o dixital nos brindará algún soporte da solidez e perdurabilidade do libro, ou nada diso pasará e a poesía será cada vez máis voluble e etérea, máis inaprensible como cando estaba vencellada ao oral. En calquera caso, os novos códigos están aí e, sobre todo, o público está accedendo a eles con novos mecanismos.

Si, falamos de público e falamos de poesía. E xa centrándonos imos falar de como un soporte destinado ao consumo máis ou menos comercial de contidos como é o iPad está a acoller a poesía para darlle unha volta e achegala a novos públicos, en busca, se non dun éxito comercial, si dunha visibilidade e dun atractivo que pasa pola integración de contidos multimedia máis alá do textual (imaxes, son, vídeo, etc), e da interactividade, as máis das veces a partir da hipertextualidade e de poder manipular o texto navegando sobre el.

Neste capítulo repasaremos algunhas das obras que se definen como poéticas lanzadas especificamente para iPad (moitas delas tamén para iPhone), e veremos as súas características e como, desde un punto de vista sistémico, se están a publicar e a achegar ao público. Intuímos que o ecosistema editorial arredor da poesía se está a revolver para mutar noutro ecosistema no que quen edita e como o edita terá pouco que ver co pasado e si máis en común con outras industrias relacionadas co lecer interactivo.

E así, advertimos outra tendencia, a de expander a poesía e quitarlle o máximo rendemento en canto ás súas pobilidades discursivas (texto, voz, performance, imaxe) e tamén ao seu contexto e á forma de experimentala. Será frecuente vermos en edicións dixitais de poemas coñecidos información multimedia sobre o seu autor ou época de publicación, os lugares polos que transita, con mapas interactivos que permiten unha certa inmersión no mundo do poema… Todos son mecanismos que xa se usan noutros contidos e que agora se experimentan coa poesía. Chegarán a institucionalizarse?

Os exemplos, iso si, polo de agora son na súa maioría en inglés. Iremos aumentando e actualizando este artigo a medida que aparezan novos casos merecentes de mención, e agradeceremos as achegas dos lectores.

Anterior: Camiños para a app-literatura. Introdución

María Yáñez

Camiños para a app-literatura (I). Introdución

A irrupción no mercado das tabletas dixitais está a gran tendencia na mudanza de soportes que vive a industria cultural no último ano, e promete ir para longo. Atrás queda o efémero protagonismo dos “e-books”: todo o mercado parece estar de acordo en que os lectores-consumidores non nos conformamos con tras pasar o clásico formato textual a un dispostivo electrónico portátil. Dous anos despois de lanzar o Kindle, Amazon agora estrea o Kindle Fire, un aparello de baixo custe que será un híbrido entre o famoso e-book e a tableta multimedia. Todo indica que, despois de coñecer as posibilidades da web e das aplicacións móbiles, as lectoras e lectores esiximos contidos enriquecidos con multimedia e interactividade.

Ademais, o uso cotián de tabletas e, sobre todo, de teléfonos intelixentes que funcionan a través de aplicacións nativas está a modificar a nosa propia relación con internet. Dunha rede aberta baseada na web pasamos á internet das apps, moito máis pechada e cautiva (sobre todo no mundo iTunes) pero tamén máis atractiva e intuitiva para o usuario. No verán do 2010 a revista Wired anunciaba a fin da web tal como a coñecemos: para que a queriamos, tendo aplicacións para todo, incluído o novo ecosistema das redes sociais? Mais non todo o mundo o ten tan claro: a web segue a ser o espazo aberto, libre e horizontal que os pioneiros da Rede soñaron, un sitio no que, coñecendo a linguaxe HTML podemos facer moito máis que consumir, compartir fotos e enlaces e darlle ao “Gústame”. Por outro lado, que se pode facer nunha aplicación que non se poida facer na web? Só unha cousa: cobrar pola súa descarga. O que non deixa de ser interesante para moitos sectores da industria cultural.

Ante iso, e pensando nun mercado ameazado pola copia dixital, pero tamén nos novos retos expresivos que nos propón o novo soporte, autores e editoriais, sobre todo independentes, comezan a facer as súas probas, algunhas máis experimentais e outras máis comerciais, para levar a literatura ás novas pequenas pantallas. O iPhone e sobre todo o iPad son polo de agora o campo de xogo. O iPad é un soporte pensado para ler, para ver vídeos e para xogar, fundamentalmente. Deses tres actos humanos van saír as novas propostas literarias que se propoñen superar o libro: a nova e-literatura pódese ler, ver, escoitar e xogar. E teremos aínda que ver moitos destes novos experimentos para lograr saber que achega o formato móbil, sexa teléfono ou tableta, ao que xa coñeciamos de literatura feita para a web ou para o CD-ROM. Por de pronto ocórresenos sinalar algúns aspectos propios da mobilidade: a posibilidade de conectar o contido co lugar onde se produce ou onde se le, a través do GPS, a xeolocalización e a realidade aumentada. Por outro lado, a interface baseada no tacto tamén ofrece algunha leve novidade en canto á interacción e á experiencia do usuario.

Para observar as novas posibilidades que nos ofrecen estas aplicacións literarias iniciamos aquí unha guía que, en diferentes entregas, nos levará a través da poesía, da narración, do ensaio, do cómic e da literatura infantil e xuvenil, e que tamén quere ser un espazo de debate. Podemos falar dun novo chanzo na literatura electrónica despois do hipertexto en CD-ROM dos 90 e a literatura na web dos anos 2000? Ata que punto os soportes conviven, substitúen ou limitan a evolución da linguaxe? Sábenos aproveitar os distintos axentes do mundo da literatura? Está algunha revolución por chegar dende o mundo das tabletas ou só nos servirán para consumir e facer o mesmo de maneira máis cómoda? Veremos se ao final da serie atopamos algunha resposta ou só novamente máis preguntas. Comezaremos por falar da poesía visual interactiva na vindeira entrega.

María Yáñez