Arquivos da etiqueta: axóuxere

Axóuxere Editora presenta ‘Ensaios Radioativos’ de Márcio-André

A editorial Axóuxere continúa coa colección de pensamento Polimnia editando Ensaios Radioativos, un libro do poeta sonoro cinético e radioativo brasileiro Marcio-André que se presenta este xoves 12 de abril en Compostela, na galería A punto de fuga (Preguntoiro, 28), ás 20:30h. O evento contará coa presenza de Márcio-André, e será presentado polo tamén poeta e profesor de literatura portuguesa da Universidade de Santiago Carlos Quiroga.

Nos seus Ensaios Radioativos, dende a visión da «Contaminación» que o propio autor viviu (segundo el mesmo nos conta) en Pripyat: «ali (…) circundado pelo silêncio do fim do mundo, eu fazia, ainda que sem saber, um hino às contaminaçôes, além, claro, de me contaminar, tornando-me, provavelmente, o primeiro poeta radioativo do mundo», déixanos un feixe de escritos -orixinalmente publicados no Brasil (Confraria do Vento, 2008)- que van da poesía até a deriva nómade a través de cidades diversas, ao modo dun tuareg á procura dun eixo sagrado nos elementos do mundo posmoderno. Dende Edward Hooper até a física cuántica, Márcio-André, escritor, poeta, performer e músico brasileiro de alto carácter contaminante, proponnos no seu libro un aprofundamento divertido, lúcido e irónico sobre unha realidade que estamos acostumados a definir en termos tan estreitos e paradoxais que, ás veces, parece quedar pequena, aburrida e triste. Trátase dun fresco e intenso conxunto de ensaios.

Márcio-André (Rio de Janeiro, 1978). Escritor, artista sonoro e visual. Deu clases de escrita creativa e poesía sonora na Universidade de Coimbra e na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Como tradutor, publicou textos de Ghérasim Luca, Gilles Ivain, Serge Pey, Mathieu Bénézet, Hagiwara Sakutaro e Forrest Gander. No 2008, recibeu a Bolsa Fundação Biblioteca Nacional, polo libro de ensaios Poética das Casas e, no 2009, foi poeta residente en Monsanto, Portugal. É tamén editor da editorial brasileira Confraria do Vento e curador do Cidade aTravessa, evento literario e performático que acontece nas cidades de Lisboa, Rio de Janeiro e São Paulo. Autor de catro libros de poesía e ensaios, colaborou con diversos xornais, entre eles O Globo, Jornal do Brasil ou O Estado de Minas; e con revistas brasileiras e internacionais. Os seus poemas foron traducidos a oito idiomas. Está integrado en diversas antoloxías como Poesia do Mundo; O que é poesia?; Todo começo é involuntário – a poesia brasileira no início do Sec. 21; Poétes Brésiliens d´aujourd´hui; e 24 letras por segundo; entre outras. Poeta experimental, con obras na área da poesía visual e sonora, da instalación e da performance, realizou traballos no Reino Unido, Francia, Portugal, Ucrania, Perú, así como tamén en diversas cidades do Brasil, traballando con poetas como Bruce Andrews, Stephen Rodefer, Arjen Duinker e Jonathan Morley. Actualmente vive en Lisboa.

Axóuxere, proxecto editorial configurado por un grupo aberto de creadores independentes que comezou a súa andaina o pasado mes de xuño, continúa así a colección Polimnia. Cadernos de Combate, e o seu compromiso con novas voces galegas e foráneas, impulsando dende este recuncho atlántico a creación dun tecido polifónico xerador de novas perspectivas e puntos de análise críticos e heterodoxos da contemporaneidade, perante unha realidade que os poderes tecnocráticos tenden a facer unívoca e dogmática.

Zoopolitik, un proxecto de ‘escrita interactiva’ sobre o 15-M feito desde Galicia

A editorial Axóuxere, en colaboración coa Universidade Invisíbel, lanza Zoopolitik, un novo espazo de experimentación para a escrita colaborativa dun libro sobre o #15m.

Con este proxecto a Universidade Invisíbel, grupo de activistas e teóricos galegos vencellados á Universidade Nómade, quere constituír “unha colección de pensamento e activismo contemporáneo chamada [expect us], na que, para comezar co proceso co-creador, se definiu un espazo aberto de experimentación ensaística sobre o fenómeno do #15M. Chamamos a este espazo: Zoopolitik, Reinvención Democrática & Política de Movemento”.

Tal como explican dende Axóuxere, “en consonancia coas formas 2.0 que caracterizan as prácticas organizativas e deliberativas d@s indignad@s, a escrita deste libro proponse como un ensaio ou experimentación na produción textual, aberta e colaborativa”. Deste xeito, na web da iniciativa irán aparecendo os epígrafes e capítulos, “ofrecidos como punto de partida aos cibernautas para propiciar debates e recombinacións das ideas e dos seus contidos”. O mecanismo que teñen as lectoras e lectores para participar desta proposta non se especifica, pero pódese facer usando o mail ou os comentarios da web.

Sobre o recoñecemento do autor, apuntan: “Aquilo que no texto mellore grazas á túa achega, será oportunamente recoñecido cunha cita. Se o que posteas é simplemente demasiado bo, incluirémolo integramente como un anexo. Neste último caso, se nos deixas o teu contacto enviarémosche unha copia gratis do libro impreso. E é que, saia o que saia da colaboración aquí proposta, a editorial Axóuxere, temeraria ela, comprometeuse a publicalo.”

Unha análise interdisciplinar do #15m

Zoopolitik, Reinvención democrática & política de movemento, é unha análise interdisciplinar do #15M cuxos textos iniciais foron redactados por catro membros da Universidade Invisíbel: os antropólogos Antón Fernández de Rota e Carlos Diz, o sociólogo Martín Cebreiro e o filósofo e blogger Rosendo González, todos eles especializados no estudo da cultura política e os novos movementos sociais. O eixo do libro é a conceptualización e a interpretación histórica do que os impulsores chaman “modos de vida”. Consideran que para comprender o que aconteceu dende a Primavera Árabe até o Occupy Wall Street, pasando polo #15M, é preciso atender ás transformacións da vida cotiá no último medio século. Para pensar as mutacións do vello animal político, Zoopolitik non dubida en botar man das Ciencias da Vida e a Filosofía e Socioloxía da Ciencia, para dar conta do seu modo de vivir en rede nunha sorte de “bestiario da disidencia”.

Fronte ao berro “Steal this Book!”(Rouba este libro), co que a Abbie Hoffman e os Yippies dos anos 60 protestaban en contra das dinámicas da industria cultural, a Universidade Invisíbel aposta por unha transformación na produción e difuminación dos saberes e a cultura resumida na consigna “Write and Share this Book!” (Escribe e comparte este libro). En Zoopolitik, a experimentación con formas participativas de escrita vai acompañada por unha crítica da figura do copy right e a privatización dos saberes, e garantida pola licencia creative commons. Esta reivindicación do “dereito a compartir” é a mesma que fai súa a editorial independente Axóuxere, os reponsábeis da súa edición en galego.