Arquivos da etiqueta: Barcelona

Transmedia Literacy: seminario en Barcelona

O seminario Transmedia Literacy. From Storytelling to Intercreativity in the Era of Distributed Authorship, que organiza o programa de investigación en cultura dixital da IN3 – Universitat Oberta de Cataluya, celebrarase en Barcelona o vindeiro 10 de decembro. A chamada para presentar propostas de comunicación está aberta e o prazo remata este venres 15  ás 23h.

Entre os temas que a xornada quere abordar de xeito preferente están os novos conceptos de autoría, os modelos e procesos narrativos do chamado “transmedia storyelling”, as teorías da ficción e da representación, as teorías da recepción no tocante aos estudos de medios e de xénero, a retórica e a estética da información, a cultura participatoria e fan, o crowdfunding e o crowdsourcing na produción transmedia, ou a escrita e a semiótica dos novos medios. Serán especialmente benvidas as achegas interdisciplinares.

Os conferenciantes confirmados neste momento son Derrick de Kerckhove (IN3 — Universitat Oberta de Catalunya, Spain) coa ponencia “Connective Intelligence from Writing to the Web”, Asun López-Varela (Harvard University, USA), que falará de “Spatio-temporal Metamorphosis and the Ecologies of Representation: From Analogue to Digital Formats”, Raine Koskimaa (University of Jyväskylä, Finland) con “Playing with Time in New Media Fiction” e Carlos Scolari (Pompeu Fabra University, Spain) coa conferencia “Towards an Archeology of Transmedia Storytelling”.

As propostas de comunicación remitiranse en inglés co formato suxerido na web do seminario. As que sexan admitidas poderán transformarse en artigos para o vindeiro número do International Journal of Transmedia Literacy.

 

Viaxe ás relacións entre teatro e cinema catalán da man de Marcel·lí Antúnez, Joaquim Jordà e Esteve Riambau

eldibuixant

O ciclo céntrase nas relacións entre teatro e cinema por medio de cinco propostas de diversa natureza. El dibuixant e El peix Sebastiano achégannos ao proceso creativo e ao universo privado do artista Marcel·lí Antúnez, figura senlleira da arte electrónica e a experimentación escénica, ademais de cofundador de La Fura dels Baus, compañía teatral de recoñecido prestixio internacional. Pola súa banda, Numax presenta e Veinte años no es nada, do director Joaquim Jordà, reconstrúe a experiencia de autoxestión dos traballadores da fábrica Numax por medio de senllos documentais nos que o teatro é incorporado como recurso narrativo. Finalmente, Màscares de Esteve Riambau, Director da Filmoteca de Catalunya, culmina este percorrido pola relación entre teatro e cinema invadindo, de xeito privilexiado, o espazo entre bastidores dun actor, Josep M. Pou, na preparación dunha das súas obras.

Intermedialidades conta coa colaboración do CEFILMUS (Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela) e mais o apoio do Institut Ramon Llull e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.

A asistencia e participación neste ciclo é convalidable como seminario (certificado de 20 horas).

INFORMACIÓN: anxo.abuin@usc.es

Inscrición gratuíta

Prazo de inscrición até o 30 de maio de 2013

PROGRAMA

Xoves, 30 maio

19:00 – 19:30 h. Inauguración do ciclo. Relatorio de Marcel·lí Antúnez Roca, ­ figura senlleira da arte electrónica e da experimentación escénica; cofundador de La Fura dels Baus

19:30-20:30 h. Proxección de El dibuixant (60 min) de Marcel·lí Antúnez Roca

20:30-21:00 h. Pausa

21:00-21:30 h. Proxección de El peix Sebastiano (32 min) de Marcel·lí Antúnez Roca

21:30 h. Coloquio coa presenza do director.

Venres, 31 maio

10:30-12:30 h. Numax presenta (105 min) de Joaquim Jordà

12:30-13:00 h. Pausa

13:00-13:30 h. Relatorio sobre O universo teatral de Joaquim Jordà, a cargo de Xosé Nogueira Otero, Profesor de Historia da Arte (Historia do Cine) da USC e Secretario do (CEFILMUS) Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela

13:30 h. Coloquio

16:00-18:00 h. Veinte años no es nada (117 min) de Joaquim Jordà

18:00-18:30 h. Pausa

18:30-20:30 h. Proxección de Màscares (90 min) de Elisabet Cabeza e Esteve Riambau. Coa presenza do cineasta Esteve Riambau, Director da Filmoteca de Catalunya, Profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona e Vicepresidente da (FIAF) Federación Internacional de Arquivos Fílmicos

20:30-21:00 h. Pausa

21:00 h. Mesa redonda e coloquio coa participación de Marcel·lí Antúnez, Esteve Riambau, Ángel LuisHueso e Xosé Nogueira

Rosa Sánchez, creación e investigacion na escena interactiva telemática

(De magmática)

A galega Rosa Sánchez (Narón,1951) leva anos afincada en Barcelona e traballando no mundo da performance dixital, e xunto a Alain Baumann impulsa desde 1990 a plataforma Kònic Thtr, desde a que promoven “o encontro e a colaboración con artistas, teóricos e tecnólogos de diversas disciplinas e países, que son convidados a compartir as súas propostas creativas ou de investigación”.

Rosa Sánchez
O seu traballo pivota entre o que eles chaman escena interactiva e telemática, e conxuga diversas disciplinas como o vídeo, a danza, a arte sonora, a instalación o teatro ou a performance, investigando e usando novas tecnoloxías dixitais.

Aquí podedes ver unha conferencia na que amosan e explican o seu traballo:

Convidámosvos a visitar a súa web para coñecer máis a fondo o traballo destes artistas e o seu labor non só como creadores senón tamén en investigación e formación.

Marcel·lí Antúnez achégase aos móbiles e ás redes sociais no seu último traballo, ‘Pseudo’

O performer catalán Marcel·lí Antúnez, un dos máis implicados do panorama europeo na investigación e uso da tecnoloxía no seu traballo, estreará o vindeiro 24 de xullo no festival Grec de Barcelona o seu novo traballo, unha performance / instalación interactiva que leva por título Pseudo.

Neste traballo o autor aplica o concepto de sistematurxia, un neoloxismo creado por el para designar a “dramatuxia dos sistemas computacionais”, e reflexionar sobre o novo paradigma da interacción tecnolóxica.

Tal e como explica na súa web, o argumento de Pseudo arrinca de Cotrone, espactáculo que Antúnez realizou en Italia no 2010. Aquela narración está repleta de microrrelatos que teñen como eixo temático un cuarto acto inventado d’Os xigantes da montaña, de Pirandello, que repasa a nova vida dunha boa parte dos personaxes da obra. Pseudo parte deses relatos, reescritos e producidos de novo para axustalos á participación do público a través de diferentes estratexias, como a acción xestual e sonora sobre interfaces, a participación a través de sistemas de realidade aumentada –videotraking, face traking e detección de imaxes- e, eventualmente, unha participación indirecta coa utilización consentida de bancos de imaxes dos perfís dos espectadores en internet (Facebook, Flickr ou Youtube).

A recomposición das pezas narrativas que o espectador leva a termo coa súa actuación sobre as interfaces (algunhas delas con clara vontade simbólica) condicionan tamén o número de espectadores, que debe ser reducido con tal de potenciar a proximidade e propiciar a participación.

O proceso de traballo de Pseudo está a ser documentado por Antúnez no seu blog, no que podemos ver algunha imaxe do making of, como este vídeo:

Audiovisual 2.0 e os novos hipertextos

A revista Anàlisi, unha publicación electrónica impulsada pola Universitat Autònoma de Barcelona e a Universitat Oberta de Catalunya, vén de publicar un monográfico no número correspondente a febreiro do 2012, co título Audiovisual 2.0: Narratives, recepció i consum en els nous hipertextos.

Este número especial, coordinado por Charo Lacalle e Jordi-Sánchez Navarro, recolle unha serie de “reflexións e debates sobre as diferentes formas dos contidos audiovisuais contemporáneos e as trasformacións que os novos procesos tecnolóxicos, sociais e comunicativos están a provocar nos diferentes medios, e nos ámbitos da construción de relatos, a produción, e o consumo e a recepción”.

Abordando estes temas aparecen os seguintes artigos: “Audiovisual 2.0: Narratives, recepció i consum en els nous hipertextos”, de Charo Lacalle e Jordi Sánchez-Navarro, “Narració i cognició”, de Josep María Català Domènech, “El pla en primera persona. Noves formes de subjectivitat entre el cinema i les xarxes intermèdia”, de Ruggero Eugeni, “Tensions de la narrativa serial en el nou sistema mediàtic”, de Rosa Álvarez Berciano, “Interpretació i análisis de contingut cross media: el cas de Televisió de Catalunya”, de Rosa Franquet e María Isabel Villa Montoya, “Sang fresca publicitària: True Blood i les transfusions de la ficció”, de Raúl Rodríguez Ferrándiz, “Les transformacions dels continguts audiovisuals i la influència dels dispositius mòbils en el nou escenari transmèdia”, de Alberto Tognazzi Drake, “Experiències memorables en l’era de la música instantània”, de Héctor Fouce, e “Un estudi de cas de recepció transmediàtica: Comunitats de fans en Facebook i temes socials en la telenovela brasilera Passione”, de Maria Immacolata Vassallo de Lopes.

Todos os artigos están dispoñibles en pdf.

Presenza do proxecto LE.ES no congreso Mapping E-lit de Barcelona

A Universitat de Barcelona (UB) acolleu o 24 e 25 de novembro o congreso internacional Mapping E-Lit: Lectura y análisis de la literatura digital, organizado polo Grupo de Investigación Hermeneia, que dirixe Laura Borràs. Durante dous intensos días investigadores, críticos e autores de Europa, Canadá, Estados Unidos e América Latina intercambiaron ideas e comunicacións sobre o presente da literatura electrónica, tanto no que respecta á creación e a lectura de obras dixitais, como no tocante á creación de redes internacionais que vertebren os estudos en e-lit e a poñan tamén en relación co contexto editorial profesional.

No congreso participaron tres membros do proxecto Le.es, os investigadores David Muiño, Manuel del Río e María Yáñez. David Muiño presentou unha ponencia titulada ““Cityscapes: Social Poetics/Public Textualities”: Una aproximación a la poesía digital de María Mencía” na que estuda a obra desta artista española afincada no Reino Unido, considerando os aspectos políticos e estéticos que a conforman, na procura de novos modelos de subxectividade.

Comunicación de David Muíño. Foto: Hermeneia

Pola súa parte, Manuel del Río participou co estudo “Del Libro de Arena al Libro de la Almohada. Las propuestas de cine hipertextual de Peter Greenaway”, no que reflexiona sobre as posibilidades da aplicación do formato hipertextual ao mundo do cine, un tipo de arte en xeral marcado por varias características dominantes (unilinealidade, secuenciación, ‘naturalismo’) que fan a priori difícil a incorporación del hipervínculo e da narración activa e fragmentada en diferentes sendeiros, centrándose no caso do cineasta galés. Por último, María Yáñez presentou unha comunicación titulada “La máquina de recolectar emociones: una aproximación a la narrativa visual interactiva de Jonathan Harris”, na que analiza a dimensión poética da visualización de datos e o seu potención para o desenvolvemento da narrativa dixital de non ficción, a partir das obras Lovelines e We feel fine.

María Yáñez en Mapping E-Lit. Foto: Hermeneia

O congreso abriuno Laura Borràs cunha sesión de introdución na que fixo un repaso polo estado da cuestión da literatura electrónica e da evolución dos seus estudos nos dez anos que leva funcionando o grupo de investigación Hermeneia. Despois seguiron unha serie de conferencias a cargo de distintos membros de Hermeneia: Jaime Alejandro Rodríguez Ruiz presentou o proxecto Narratopedia, Giovanna Di Rosario falou de e-poesía e xénero analizando a obra de tres mulleres, e Domingo Sánchez-Mesa presentou as súas reflexións sobre a obra Amor de Clarice, de Rui Torres. O propio Rui Torres tamén participou nesta primeira sesión da xornada coa súa particular lectura da obra Húmus, un poema ensamblado no que Heriberto Helder en 1967 deconstrúe e reconstrúe a novela de Raul Brandão de 1917.

Tras esta sesión de conferencias iniciais houbo dúas mesas paralelas, unha relativa ao panorama europeo coas ponencias de Michael J. Maguire e Fabio de Vivo, e outra máis achegada ao caso catalán na que participaron Mireia Munmany, Bàrbara Peris e Nieves Rosendo, presentadas por Pablo Martín. Pola tarde Scott Rettberg presentou a Jerome Fletcher, que presentou a peza ConT\act\il, e a J.R. Carpenter, que falou da súa obra GENERATION[S]. Máis tarde os mesmos ponentes participaron nunha mesa redonda na que se abordaron as posibilidades e oportunidades para coordinar as distintas redes europeas de investigación sobre Literatura dixital.

Jerome Fletcher, J.R. Carpenter, Scott Rettberg en Mapping E-Lit. Foto: Hermeneia

A xornada do venres comezou coas comunicacións de Stefano Calzati (University of Amsterdam)), Enrico Bocciolesi (Università per Stranieri di Perugia), Fernanda Bonacho (Escola Superior de Comunicação Social/IPL, Lisboa, Centro de Estudos de Comunicação e Linguagem -CECL-), María Goicoechea (Univ. Complutense de Madrid), Ángela Celis (Univ. de Castilla La Mancha), Pablo Martín (Université de Lille 3 i Univ. de Granada), Federica A. Sala (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62) e María Yáñez (Univ. Santiago de Compostela). A continuación Scott Rettberg, da universidade de Bergen, deu a conferencia Mapping Electronic Literature Networks: The ELMCIP Knowledge Base and the Apparatus of Electronic Literature, presentando o proxecto de investigación que coordina, ELMCIP (Electronic Literature as a Model of Creativity and Innovation in Practice).

Unha das sesións máis interesantes foi a das lecturas dialogadas a dúas voces, nas que investigadores vinculados a Hermeneia conversaban con distintos autores facendo unha crítica das súas obras. Foi o caso de Doménico Chiappe comentado por Bryan Barrachina, de Rui Torres comentado por Sandra Hurtado e de Ton Ferret comentado por Oreto Doménech.

Pola tarde houbo máis tempo para as comunicacións e o debate coas ponencias de Ana Cuquerella (Univ. Complutense de Madrid), David Muiño, Manuel del Río (USC), Victòria Miró (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62, TV3), Maite Boscà (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62, IES Albal), Valentina Vannimartini (Univ. de A Coruña), e Laura Borràs, que fixo unha lectura da ultimísima obra de Isaías Herrero, titulada 5000 palabras.

O congreso pechouse coa mesa redonda Influencias, mutaciones e hibridez entre la literatura impresa y la literatura digital, na que participaron Jordi Carrión, Agustín Fernández Mallo e Vicente Luis Mora, escritores que publican en papel pero que se serven dos soportes e formatos dixitais para experimentar coa linguaxe usada nas súas obras. A mesa estivo moderada por Doménico Chiappe, e ao seu remate Laura Borràs fixo a clausura do congreso.

Jordi Carrión, Agustín F. Mallo, Vicente Luis Mora e Doménico Chiappe na mesa. Foto: Hermeneia

Foron dous días de debate moi estimulante e de reflexión e cuestionamento sobre cara a ónde camiña a literatura electrónica, tanto no ámbito académico como no ámbito da creación. As actas do congreso publicaranse nos vindeiros meses, pero iremos publicando nesta alomenos parte dos contidos das ponencias que os membros de Le.es presentaron neste Mapping E-Lit.

Máis información na web de Hermeneia.

Mapping E-Lit: Congreso sobre literatura electrónica en Barcelona a finais de novembro

O grupo de investigación Hermeneia e a Universitat de Barcelona organizan o congreso ‘Mapping e-lit: Lectura y análisis de la literatura digital’, que se celebrará no CaixaForum Barcelona os días 24 e 25 de novimbro de 2011.

Segundo contan na web de Hermeneia, “o congreso está baseado na investigación que leva a cabo HERMENEIA: Estudos Literarios e Tecnoloxías Dixitais (grupo da Universitat de Barcelona consolidado pola Generalitat de Catalunya -SGR 2009-529-). Pretende ser un punto de encontro e reflexión en torno a unha disciplina, a literatura dixital, que o grupo Hermeneia leva traballado dende o ano 2000, pero que segue a ser unha liña emerxente no noso país. Nesta década, a presenza da literatura electrónica (ou E-lit na forma popularizada e apocopada de Electronica Literature) nas diferentes universidades españolas e europeas foi indo en aumento ata o punto que, neste mesmo curso académico, as dúas asociacións de referencia nos estudos literarios en España -a Sociedad Española de Literatura General y Comparada (SELGUC) e a Asociación Española de Teoría de la Literatura (ASETEL)- téñenlle adicado importantes espazos monográficos nos seus respectivos congresos. O carácter fundacionalmente internacional de HERMENEIA permitiulle establecer vínculos con grupos europeos e americanos que agora tecen xa unha espesa rede de relacións. Neste congreso queremos abordar a análise e comentario da literatura dixital, así como tamén a influencia do dixital na literatura impresa máis contemporánea.

O congreso, pois, quere ofrecer unha inmersión no campo da literatura electrónica a través da participación e do diálogo de especialistas nacionais e internacionais na materia, ao mesmo tempo que brinda a oportunidade de establecer un contacto directo cos autores e críticos de obras dixitais e de coñecer as diversas prácticas de lectura posibles. Deste xeito, poderase observar e estudar o estado da cuestión da literatura dixital desde perspectivas diversas e complementarias, así como tamén avaliar a cuestión do canon a raíz da publicación en 2011 do volume 2 da Electronic Literature Collection da ELO, institución de referencia na materia.

Someterase a estudo a viaxe da páxina á pantalla e á inversa, é dicir, as contaminacións e influencias entre as dúas linguaxes expresivas -imprenta e dixital. Por último, tamén se analizarán as redes de estudo a nivel europeo que se foron implementando: a recente concesión do proxecto ELMCIP e a inminente aparición pública do grupo DDD-Lit (Digital, Digital, Digitale Littérature), do que HERMENEIA tamén forma parte do seu núcleo fundador (creado en marzo do 2011)”.

Call for papers e inscrición

As propostas de comunicación, de 15 minutos de duración, deben presentarse antes do 10 de outubro de 2011, co título e un resumo que non exceda as 300 palabras. As propostas enviaranse por correo electrónico a mapping@hermeneia.net. Serán inmediatamente avaliadas polo Comité Científico e antes do 20 de outubro de 2011 comunicarase se foron aceptadas.

Para a inscrición hai un primeiro prazo antes do 1 de novembro, cun prezo de 200 euros para os asistentes con comunicación. A partir do dous de novembro os asistentes con comunicación que se inscriban deberán pagar 250. Para os asistentes sen comunicación o prezo, independentemente da data de inscrición, será de 250 euros, e para os estudantes 150.

Para facer a inscrición cómpre enviar un correo a mapping@hermeneia.net. O Grupo de Investigación HERMENEIA certificaralles aos participantes a presentación das súas comunicacións.

Máis información.