Arquivos da etiqueta: cadáver exquisito

Un bosque exquisito, novo experimento interactivo de Aaron Koblin e Chris Milk para Google e a Tate Modern

Un proxecto para a web que é ao mesmo tempo unha instalación para a Tate Moden é This Exquisite Forest, o último experimento artístico de Chris Milk e Aaron Koblin para Google Labs, despois de xa colaboraren xuntos en traballos como The Wilderness Downtown (o primeiro vídeo interactivo de Arcade Fire). Desta volta trátase de facer un cadáver exquisito, directamente inspirado no xogo literario que hai un século concebiran Paul Éluard e André Bretón, aberto a calquera persoa que queira colaborar neste relato colectivo composto de palabras, sons e debuxos.

Así, a interface que os artistas crearon para a visualización do relato é a metáfora dun bosque, formado por diversas árbores que representan cada unha unha historia, desde a semente ata as distintas ramas, que son posibles liñas narrativas, e as follas, que son a contribución de cada usuaario.

Ademais dos usuarios da rede están convidados a participar os visitantes á exposición na Tate Modern (onde estará ata finais de ano), así como algúns artistas emerxentes, que contribúen curando as historias.

Máis información neste vídeo explicativo e nesta reportaxe de Roberta Bosco e Stefano Caldana en El País.