Arquivos da etiqueta: ciberliteratura

Poétic@, a ambiciosa obra e-literaria de Fran Alonso

O escritor Fran Alonso (Vigo, 1963) publicou na primavera de 2015 a que ata agora é a obra de literatura electrónica máis ambiciosa das letras galegas. Baixo o título de “Poétic@” e en soporte web, o autor buscou con esta obra abordar «a poesía dixital e transmedia, explorando as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías na creación literaria a través dun discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos».

Seguir lendo Poétic@, a ambiciosa obra e-literaria de Fran Alonso

ELO 2016: estado da cuestión la literatura electrónica mundial

A pasada fin de semana celebrouse na Universidade de Victoria, Canadá o cuarto congreso da Electronic Literature Organization, e o máis ambicioso en canto a número de asistentes e actividades. Perto de 200 persoas expertas participaron na ELO 2016, que este ano se inseriu dentro do Digital Humanities Summer Institute (DHSI2016), algo que propiciou a asistencia e o intercambio e fixo da conferencia deste ano un dos máis grandes encontros sobre literatura electrónica.

Á conferencia académica sumouse un festival, polo que as actividades incluiron paneis, obradoiros, performances e palestras de artistas, proxeccións, instalacións de son e unha exposición. Ademais entregáronse os ELO 2016 Awards,  que se dividen no premio Katherine Hayles ao mellor traballo académico (que foi para Jessica Pressman, Mark C. Marino e Jeremy Douglass por Reading Project: A Collaborative Analysis of William Poundstone’s Project for Tachistoscope {Bottomless Pit}”)  e no premio Robert Coover á mellor creación de literatura electrónica producida no último ano e medio (que levaron Roderick Coover, Scott Rettberg, Daria Tsoupikova e Arthur Nishimoto por Hearts and Minds: The Interrogations Projectcon mención especial ao 6º episodio de Inanimate Alice, titulado “The Last Gas Station”).

En canto aos paneis, presentacións e charlas, os asistentes á #ELO2016 puideron gozar dun programa amplo e variado, onde se atenderon algúns dos temas máis importantes a día de hoxe para o estado da cuestión da E-Lit: dende a preservación dos traballos dixitais ata a pedagoxía, a narrativa, as relacións co audiovisual ou novas tendencias da literatura xerativa como os bots que operan en distintas redes sociais.

A próxima conferencia da ELO será en 2017 na cidade do Porto (Portugal).

Próximo congreso da ELO en Canadá

O Congreso da Electronic Literature Organization celebrarase na Universidade de Victoria, en Canadá, no vindeiro mes de xuño. Nesta edición o evento medra en ambición e tamaño, combinando o congreso académico cun festival onde se poderán ver as últimas novidades na literatura e artes dixitais e tamén competirán obras polos premios New Horizons 2016.

Proxeccións, lecturas, exposicións, debates, actuacións e ata un programa en directo conformarán todo o despregue performativo e multimedia desta edición da ELO Conference, que prestará especial atención ás novidades en aplicacións móbiles, realidade virtual e aumentada, robótica, vídeo, net.art, arte sonora e outras formas multimedia e transmediais que lle dan un novo tratamento á literatura nesta década.

Máis información na web da ELO 2016.

Vídeo-ensaio de Talan Memmott sobre o momento actual da literatura electrónica

A ELMCIP vén de presentar The Exquisite Corpus: Issues in Electronic Literature, un vídeo-ensaio documental no que Talan Memmott entrevista a 17 expertos e creadores de literatura electrónica, que reflexionan sobre o momento actual e o futuro desta disciplina.

As preguntas inclúen temas como “ten futuro a literatura electrónica?”, “é Google a fin do mundo?”, “que hai na intersección entre texto e a imaxe?”, “onde está o autor e que é un experto?”, “pode haber unha e-literatura nacional?”, “cal é a atracción das tecnoloxías que se poden tocar?” ou  “cal é o lugar das poéticas dixitais nas políticas globais?”.

Os entrevistados son Mark Amerika, Simon Biggs, Serge Bouchardon, J. R. Carpenter, John Cayley, Cris Cheek, Maria Engberg, Jerome Fletcher, Maria Mencia, Nick Montfort, Jörg Piringer, Jill Walker Rettberg, Scott Rettberg, Alexandra Saemmer, Roberto Simanowski, Christine Wilks e Jaka Železnikar.

O documental está dispoñible en Vimeo: