Arquivos da etiqueta: cinema

Viaxe ás relacións entre teatro e cinema catalán da man de Marcel·lí Antúnez, Joaquim Jordà e Esteve Riambau

eldibuixant

O ciclo céntrase nas relacións entre teatro e cinema por medio de cinco propostas de diversa natureza. El dibuixant e El peix Sebastiano achégannos ao proceso creativo e ao universo privado do artista Marcel·lí Antúnez, figura senlleira da arte electrónica e a experimentación escénica, ademais de cofundador de La Fura dels Baus, compañía teatral de recoñecido prestixio internacional. Pola súa banda, Numax presenta e Veinte años no es nada, do director Joaquim Jordà, reconstrúe a experiencia de autoxestión dos traballadores da fábrica Numax por medio de senllos documentais nos que o teatro é incorporado como recurso narrativo. Finalmente, Màscares de Esteve Riambau, Director da Filmoteca de Catalunya, culmina este percorrido pola relación entre teatro e cinema invadindo, de xeito privilexiado, o espazo entre bastidores dun actor, Josep M. Pou, na preparación dunha das súas obras.

Intermedialidades conta coa colaboración do CEFILMUS (Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela) e mais o apoio do Institut Ramon Llull e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.

A asistencia e participación neste ciclo é convalidable como seminario (certificado de 20 horas).

INFORMACIÓN: anxo.abuin@usc.es

Inscrición gratuíta

Prazo de inscrición até o 30 de maio de 2013

PROGRAMA

Xoves, 30 maio

19:00 – 19:30 h. Inauguración do ciclo. Relatorio de Marcel·lí Antúnez Roca, ­ figura senlleira da arte electrónica e da experimentación escénica; cofundador de La Fura dels Baus

19:30-20:30 h. Proxección de El dibuixant (60 min) de Marcel·lí Antúnez Roca

20:30-21:00 h. Pausa

21:00-21:30 h. Proxección de El peix Sebastiano (32 min) de Marcel·lí Antúnez Roca

21:30 h. Coloquio coa presenza do director.

Venres, 31 maio

10:30-12:30 h. Numax presenta (105 min) de Joaquim Jordà

12:30-13:00 h. Pausa

13:00-13:30 h. Relatorio sobre O universo teatral de Joaquim Jordà, a cargo de Xosé Nogueira Otero, Profesor de Historia da Arte (Historia do Cine) da USC e Secretario do (CEFILMUS) Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela

13:30 h. Coloquio

16:00-18:00 h. Veinte años no es nada (117 min) de Joaquim Jordà

18:00-18:30 h. Pausa

18:30-20:30 h. Proxección de Màscares (90 min) de Elisabet Cabeza e Esteve Riambau. Coa presenza do cineasta Esteve Riambau, Director da Filmoteca de Catalunya, Profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona e Vicepresidente da (FIAF) Federación Internacional de Arquivos Fílmicos

20:30-21:00 h. Pausa

21:00 h. Mesa redonda e coloquio coa participación de Marcel·lí Antúnez, Esteve Riambau, Ángel LuisHueso e Xosé Nogueira

Steven Soderberg escribe unha novela en Twitter

bichtuationO director norteamericano Steven Soderbergh, despois de anunciar en varias ocasións que se retira do cine, comeza a explorar outros soportes para contar historias, e dende hai unhas semanas ten en marcha un experimento narrativo en Twitter. Trátase dunha novela de misterio titulada Glue que se vai publicando en forma de tuits desde a conta @Bitchuation, que o propio Soderbergh confirmou que era del, e no momento de publicar este artigo conta con algo máis de once mil seguidores.

Narrada en segunda persoa, a novela conta como unha persoa (“ti”, ou sexa, o usuario) presencia o seu propio funeral e vese envolta nunha viaxa que a levará a percorrer distintas capitais europeas para atopar un obxecto ou substancia perigosa chamada, e vaise encontrando con distintos personaxes, incluída unha femme fatal de nome D. Trátase de aforrar caracteres e tamén os elementos da historia que poidan estar de máis para destilar un estilo literario que segundo algúns críticos recorda a Dashiel Hammet, Samuel Beckett e algo da noveau roman dos anos 50, pero non se desliga do pulso narrativo dos filmes de Soderberth.

Algúns usuarios da ferramenta Storify (que permite construír relatos lineais a partir do que se produce nas redes sociais) están a ordenar os tuits de @Bitchuation de xeito que se pode ler Glue desde o comezo.

Últimos días para concorrer ao iNTERFACES, concurso de arte interactiva no Porto

interfacesO 31 de marzo finaliza o prazo para presentar traballos a iNTERFACES, o concurso de arte interactiva convocado polo CITAR (Centro de Investigação em Ciência e Tecnologia das Artes) daUniversidade Católica Portuguesa, no seu centro rexional do Porto.

Tal e como explica o texto de presentación na súa web, a iniciativa nace “da necesidade de promover a creación artística dixital contemporánea e de dar a coñecer obras interactivas de artistas nacionais e internacionais”. Baixo tema aglutinador é o interface (sistema ou dispositivo a través do cal entidades non relacionadas poden interactuar), “son admitidos a concurso traballos artísticos nas máis diversas áreas: da instalación audiovisual interactiva á internet, da performance á arte electrónica, da realidade virtual ao cinema interactivo”.

As obras a concurso e as vencedoras mostraranse no 10º Festival Internacional Audiovisual Black&White da Escola das Artes da Universidade Católica Portuguesa. Tamén se porán a disposición do público de todo o mundo a través dun repositorio dixital.

Na web do concurso pódese descargar o regulamento e tamén a ficha de inscrición para participar.

O proxecto Le.es estará presente na sección “cine e novas tecnoloxías” da Conferencia Internacional de Cine de Viana

A XII edición dos Encontros de Viana,organizada pola asociación Ao Norte de Viana do Castelo (Portugal), acolle este 11 de maio a Conferencia Internacional de Cinema de Viana – Cinema e Escola, que se celebrará na Escola Superior de Educação de Viana do Castelo. Este ano os temas que se tratarán son: Práticas de cinema na escola, Interculturalidades, migrações e turismo no cinema, Caleidoscópio de imagens, e Cinema, novas narrativas e novas tecnologias. Neste último apartado insírese a ponencia “Documental interactivo: Fragmentación, inmersión e participación para construír o real” que fará María Yáñez, membro do proxecto Le.es.

Velaquí o resumo da ponencia:

Nos últimos anos vén emerxendo na rede un artefacto, o documental interactivo (ou i-doc), no que están a converxer boa parte das técnicas e experimentos narrativos da non ficción dos últimos anos. Trátase dun formato ou xénero híbrido que combina hipertexto, multimedia, narración inmersiva procedente dos videoxogos, performatividade, locative media, espíritu colaborativo baseado da filosofía do crowdsourcing… Son tantas as posibilidades que o documental interactivo nos ofrece que moitas veces até é complicado delimitar cando falamos dun i-doc ou doutra cousa. Polo tanto, este novo artefacto suxírenos moitas preguntas que nos fan reflexionar sobre o momento que vivimos tanto no mundo audiovisual, como no xornalístico, como no da propia internet. Que é un documental interactivo? Existe xa algunha tipoloxía? Cales son os mellores exemplos de i-doc dos últimos anos? Cara a onde camiña? Quen está a producir e a crear i-docs? Formularemos estas preguntas tratando de atopar as respostas na produción máis recente, pero tamén trataremos de buscar a súas orixes artísticas para así proxectar as posibilidades no futuro.

Na web da Associacão Ao Norte pódese consultar o programa e o resto das actividades dos Encontros de Viana, que inclúen workshops, conferencias proxeccións e o certame Primeiro Olhar, do que Yáñez tamén será parte do xurado.