Arquivos da etiqueta: combinatoria

Homenaxe aos cen mil millóns de poemas de Queneau

En 1961 publicouse en París un libro mítico, Cent Mille Milliards de Poèmes, da man de Raymond Queneau. Este libro, insignia do Oulipo (abreviatura do que sería «obradoiro de literatura potencial») propón 10 sonetos cuxos versos son combinables e riman entre si, podendo xerar ata cen mil millóns de combinacións posibles.

A finais do 2011 a editorial Demipage publicou Cien mil millones de poemas, un libro de homenaxe a Raymond Queneau no que participan diversos escritores españois como Jordi Doce, Rafael Reig, Fernando Aramburu, Francisco Javier Irazoki, Santiago Auserón, Pilar Adón, Javier Azpeitia, Marta Agudo, Julieta Valero e Vicente Molina Foix.

Cada un destes dez autores escribiu para o libro un soneto cuxos versos se poden combinar e, igual que facían os dez sonetos da obra orixinal de Queneaou, xerar cen mil millóns de poemas posibles, nun exercicio de poesía combinatoria intertextual que neste caso ten autoría colectiva e que eleva a potencia catorce estes dez sonetos que riman entre si.

Neste vídeo a editorial explica como é o libro e o xogo proposto aos lectores.

Para os que nunca tiveran o libro orixinal de Queneau nas mans, tamén existe unha versión web dos Cen mil millóns de poemas.