Arquivos da etiqueta: e-book

O congreso ‘Writing in a Digital Age’ analiza en Londres os novos retos dos escritores e do sector editorial

Os vindeiros días 8 e 9 de xuño celebrarase en Londres a conferencia ‘Writing in a Digital Age”, organiza por The Literary Consultancy dentro da súa The Literary Conference. Nesta ocasión abordaranse os novos retos que afrontan os escritores, como a creación e venda de e-books, a escolla entre a autopublicación ou as vías tradicionais, a exploración dos mercados internacionais emerxentes, o uso de redes sociais e outras ferramentas promocionais, e, finalmente, o xeito en que a tecnoloxía muda as formas literarias.

Un dos partners desta conferencia é The Literary Platform, que ofrecerá unha mesa redonda titulada “How multimedia is bringing books to life”, con Tony White, Jonas Lennermo, Julian McCrae e Sophie Rochester, que reflexionarán sobre o que supón a tecnoloxía para a arte de contar historias. Por exemplo, usando apps, xogos e outras plataformas. E pregutnaranse se a novela tradicional é aínda a forma pola que os escritores deben seguir máis atraídos á hora de escribir.

Entre os participantes están autores moi relevantes no ámbito británico e figuras da súa industria editorial, como Hari Kunkzru, Kate Mosse, Nicola Morgan, Simon Trewin, Maria Rejt, Cathryn Summerhayes, Linda Grant, David Godwin, Robert Kroese ou Karolina Sutton. Tamén participarán algúns dos máis innovadores editroes e axentes literarios deste país, que falarán sobre o seu traballo e proxectos editoriais.

Programa completo de Writing in the Digital Age.

‘Literatura e internet’ en Página 2, de TVE: moito e-book e pouca e-lit

O pasado domingo o programa de La 2 de TVE dedicado aos libros “Página 2, emitiu un especial baixo o título Literatura e internet, no que participan os escritores Alberto Vázquez Figueroa e Fernando Trujillo (que explican a súa experiencia de publicar na rede), os editores Ernest Folchde B de Books e Cristina Fallarás de Sigueleyendo.com (que reflexionan sobre a maneira de editar en internet), as revistas dixitais Revista de Letras e El Sindicato (que mostran o seu traballo con novos soportes para promocionar os libros), Alberto Olmos e Luisge Martín (blogueiros reputados que dialogan sobre a importancia dos blogs literarios). Tamén se falou de como están a cambiar as presentacións de libros (seguindo por streaming a presentación da novela Aire de Dylan, de Enrique Vila-Matas), e o papel cada vez máis importante que xogan as redes sociais, con Rafael Reig contando a súa experiencia en Twitter e Antonio Orejudo explicando a súa en Facebook.

O programa pódese ver enteiro na web de RTVE.

O que nos estrañou, e botamos en falta, foi a ausencia total da literatura electrónica, entendida como literatura que aproveita o soporte dixital para experimentar con novas linguaxes,como o hipertexto, o multimedia ou outras formas. A ausencia é significativa, aínda que é bastante normal que no ámbito español cando se fala de literatura e internet se fale de soportes editoriais e non da propia materia literaria que favorece o dixital. O certo é que a literatura electrónica é moi descoñecida aínda para o gran público, e que carece de autores destacados que poidan tirar dun posible movemento ou abrir unha vía de mercado. E isto acontece en España mais tamén no ámbito anglosaxón. É a e-literatura unha revolución fallida? Por que aínda non chega á sociedade? Chegará algún día? De verdade interesa máis a distribución que a creación cando falamos de literatura e internet? Que falla? Aquí deixamos estas preguntas para a reflexión e o debate.