Arquivos da etiqueta: Hermeneia

Presenza do proxecto LE.ES no congreso Mapping E-lit de Barcelona

A Universitat de Barcelona (UB) acolleu o 24 e 25 de novembro o congreso internacional Mapping E-Lit: Lectura y análisis de la literatura digital, organizado polo Grupo de Investigación Hermeneia, que dirixe Laura Borràs. Durante dous intensos días investigadores, críticos e autores de Europa, Canadá, Estados Unidos e América Latina intercambiaron ideas e comunicacións sobre o presente da literatura electrónica, tanto no que respecta á creación e a lectura de obras dixitais, como no tocante á creación de redes internacionais que vertebren os estudos en e-lit e a poñan tamén en relación co contexto editorial profesional.

No congreso participaron tres membros do proxecto Le.es, os investigadores David Muiño, Manuel del Río e María Yáñez. David Muiño presentou unha ponencia titulada ““Cityscapes: Social Poetics/Public Textualities”: Una aproximación a la poesía digital de María Mencía” na que estuda a obra desta artista española afincada no Reino Unido, considerando os aspectos políticos e estéticos que a conforman, na procura de novos modelos de subxectividade.

Comunicación de David Muíño. Foto: Hermeneia

Pola súa parte, Manuel del Río participou co estudo “Del Libro de Arena al Libro de la Almohada. Las propuestas de cine hipertextual de Peter Greenaway”, no que reflexiona sobre as posibilidades da aplicación do formato hipertextual ao mundo do cine, un tipo de arte en xeral marcado por varias características dominantes (unilinealidade, secuenciación, ‘naturalismo’) que fan a priori difícil a incorporación del hipervínculo e da narración activa e fragmentada en diferentes sendeiros, centrándose no caso do cineasta galés. Por último, María Yáñez presentou unha comunicación titulada “La máquina de recolectar emociones: una aproximación a la narrativa visual interactiva de Jonathan Harris”, na que analiza a dimensión poética da visualización de datos e o seu potención para o desenvolvemento da narrativa dixital de non ficción, a partir das obras Lovelines e We feel fine.

María Yáñez en Mapping E-Lit. Foto: Hermeneia

O congreso abriuno Laura Borràs cunha sesión de introdución na que fixo un repaso polo estado da cuestión da literatura electrónica e da evolución dos seus estudos nos dez anos que leva funcionando o grupo de investigación Hermeneia. Despois seguiron unha serie de conferencias a cargo de distintos membros de Hermeneia: Jaime Alejandro Rodríguez Ruiz presentou o proxecto Narratopedia, Giovanna Di Rosario falou de e-poesía e xénero analizando a obra de tres mulleres, e Domingo Sánchez-Mesa presentou as súas reflexións sobre a obra Amor de Clarice, de Rui Torres. O propio Rui Torres tamén participou nesta primeira sesión da xornada coa súa particular lectura da obra Húmus, un poema ensamblado no que Heriberto Helder en 1967 deconstrúe e reconstrúe a novela de Raul Brandão de 1917.

Tras esta sesión de conferencias iniciais houbo dúas mesas paralelas, unha relativa ao panorama europeo coas ponencias de Michael J. Maguire e Fabio de Vivo, e outra máis achegada ao caso catalán na que participaron Mireia Munmany, Bàrbara Peris e Nieves Rosendo, presentadas por Pablo Martín. Pola tarde Scott Rettberg presentou a Jerome Fletcher, que presentou a peza ConT\act\il, e a J.R. Carpenter, que falou da súa obra GENERATION[S]. Máis tarde os mesmos ponentes participaron nunha mesa redonda na que se abordaron as posibilidades e oportunidades para coordinar as distintas redes europeas de investigación sobre Literatura dixital.

Jerome Fletcher, J.R. Carpenter, Scott Rettberg en Mapping E-Lit. Foto: Hermeneia

A xornada do venres comezou coas comunicacións de Stefano Calzati (University of Amsterdam)), Enrico Bocciolesi (Università per Stranieri di Perugia), Fernanda Bonacho (Escola Superior de Comunicação Social/IPL, Lisboa, Centro de Estudos de Comunicação e Linguagem -CECL-), María Goicoechea (Univ. Complutense de Madrid), Ángela Celis (Univ. de Castilla La Mancha), Pablo Martín (Université de Lille 3 i Univ. de Granada), Federica A. Sala (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62) e María Yáñez (Univ. Santiago de Compostela). A continuación Scott Rettberg, da universidade de Bergen, deu a conferencia Mapping Electronic Literature Networks: The ELMCIP Knowledge Base and the Apparatus of Electronic Literature, presentando o proxecto de investigación que coordina, ELMCIP (Electronic Literature as a Model of Creativity and Innovation in Practice).

Unha das sesións máis interesantes foi a das lecturas dialogadas a dúas voces, nas que investigadores vinculados a Hermeneia conversaban con distintos autores facendo unha crítica das súas obras. Foi o caso de Doménico Chiappe comentado por Bryan Barrachina, de Rui Torres comentado por Sandra Hurtado e de Ton Ferret comentado por Oreto Doménech.

Pola tarde houbo máis tempo para as comunicacións e o debate coas ponencias de Ana Cuquerella (Univ. Complutense de Madrid), David Muiño, Manuel del Río (USC), Victòria Miró (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62, TV3), Maite Boscà (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62, IES Albal), Valentina Vannimartini (Univ. de A Coruña), e Laura Borràs, que fixo unha lectura da ultimísima obra de Isaías Herrero, titulada 5000 palabras.

O congreso pechouse coa mesa redonda Influencias, mutaciones e hibridez entre la literatura impresa y la literatura digital, na que participaron Jordi Carrión, Agustín Fernández Mallo e Vicente Luis Mora, escritores que publican en papel pero que se serven dos soportes e formatos dixitais para experimentar coa linguaxe usada nas súas obras. A mesa estivo moderada por Doménico Chiappe, e ao seu remate Laura Borràs fixo a clausura do congreso.

Jordi Carrión, Agustín F. Mallo, Vicente Luis Mora e Doménico Chiappe na mesa. Foto: Hermeneia

Foron dous días de debate moi estimulante e de reflexión e cuestionamento sobre cara a ónde camiña a literatura electrónica, tanto no ámbito académico como no ámbito da creación. As actas do congreso publicaranse nos vindeiros meses, pero iremos publicando nesta alomenos parte dos contidos das ponencias que os membros de Le.es presentaron neste Mapping E-Lit.

Máis información na web de Hermeneia.

Mapping E-Lit: Congreso sobre literatura electrónica en Barcelona a finais de novembro

O grupo de investigación Hermeneia e a Universitat de Barcelona organizan o congreso ‘Mapping e-lit: Lectura y análisis de la literatura digital’, que se celebrará no CaixaForum Barcelona os días 24 e 25 de novimbro de 2011.

Segundo contan na web de Hermeneia, “o congreso está baseado na investigación que leva a cabo HERMENEIA: Estudos Literarios e Tecnoloxías Dixitais (grupo da Universitat de Barcelona consolidado pola Generalitat de Catalunya -SGR 2009-529-). Pretende ser un punto de encontro e reflexión en torno a unha disciplina, a literatura dixital, que o grupo Hermeneia leva traballado dende o ano 2000, pero que segue a ser unha liña emerxente no noso país. Nesta década, a presenza da literatura electrónica (ou E-lit na forma popularizada e apocopada de Electronica Literature) nas diferentes universidades españolas e europeas foi indo en aumento ata o punto que, neste mesmo curso académico, as dúas asociacións de referencia nos estudos literarios en España -a Sociedad Española de Literatura General y Comparada (SELGUC) e a Asociación Española de Teoría de la Literatura (ASETEL)- téñenlle adicado importantes espazos monográficos nos seus respectivos congresos. O carácter fundacionalmente internacional de HERMENEIA permitiulle establecer vínculos con grupos europeos e americanos que agora tecen xa unha espesa rede de relacións. Neste congreso queremos abordar a análise e comentario da literatura dixital, así como tamén a influencia do dixital na literatura impresa máis contemporánea.

O congreso, pois, quere ofrecer unha inmersión no campo da literatura electrónica a través da participación e do diálogo de especialistas nacionais e internacionais na materia, ao mesmo tempo que brinda a oportunidade de establecer un contacto directo cos autores e críticos de obras dixitais e de coñecer as diversas prácticas de lectura posibles. Deste xeito, poderase observar e estudar o estado da cuestión da literatura dixital desde perspectivas diversas e complementarias, así como tamén avaliar a cuestión do canon a raíz da publicación en 2011 do volume 2 da Electronic Literature Collection da ELO, institución de referencia na materia.

Someterase a estudo a viaxe da páxina á pantalla e á inversa, é dicir, as contaminacións e influencias entre as dúas linguaxes expresivas -imprenta e dixital. Por último, tamén se analizarán as redes de estudo a nivel europeo que se foron implementando: a recente concesión do proxecto ELMCIP e a inminente aparición pública do grupo DDD-Lit (Digital, Digital, Digitale Littérature), do que HERMENEIA tamén forma parte do seu núcleo fundador (creado en marzo do 2011)”.

Call for papers e inscrición

As propostas de comunicación, de 15 minutos de duración, deben presentarse antes do 10 de outubro de 2011, co título e un resumo que non exceda as 300 palabras. As propostas enviaranse por correo electrónico a mapping@hermeneia.net. Serán inmediatamente avaliadas polo Comité Científico e antes do 20 de outubro de 2011 comunicarase se foron aceptadas.

Para a inscrición hai un primeiro prazo antes do 1 de novembro, cun prezo de 200 euros para os asistentes con comunicación. A partir do dous de novembro os asistentes con comunicación que se inscriban deberán pagar 250. Para os asistentes sen comunicación o prezo, independentemente da data de inscrición, será de 250 euros, e para os estudantes 150.

Para facer a inscrición cómpre enviar un correo a mapping@hermeneia.net. O Grupo de Investigación HERMENEIA certificaralles aos participantes a presentación das súas comunicacións.

Máis información.