Arquivos da etiqueta: Iria Castro

Un novo volume de ‘Urbes Europaeae’ percorre as cidades virtuais da man do proxecto Le.es

A construción de imaxinarios e a súa xestión, a articulación mediante imaxes ou textos dos discursos da cidade e aspectos do patrimonio simbólico das cidades europeas son tema do grupo de estudo e investigación Urbes Europaeae, que vén de editar unha nova publicación co título Imaginarios culturales ante la globalización, editada por Javier Gómez-Montero, Christina Johanna Bischoff e Anxo Abuín, coordinador do proxecto Le.es.

Este novo volume, o segundo da colección Urbes Europaeae, que vén de publicar a editorial alemana Ludwig, contén unha sección dedicada a cidades virtuais na que participan varios autores vinculados á USC e en concreto ao proxecto Le.es, como Iria Castro López, que escribe un artigo titulado “Ciudades Virtuales. A propósito de Alletsator y Second Life”; Manuel del Río, cun artigo titulado “”Through the (Broken) Looking Glass”: gnosticismo urbano y cinematográfico”, e María Teresa Vilariño Picos, que escribe sobre “Ciudad y Trans-Urbanismo en los espacios virtuales”.

Outros investigadores da USC que participan son Samuel Solleiro, cun artigo titulado “La cámara recíproca: Amsterdam Global Village de Johan van der Keuken y la confrontación con lo real en el espacio urbano”, ou Rubén Lois González, con “De la ciudad a la postmetrópoli”. Do ámbito peninsular e europeo participan outros autores como Anne-Marie Autisser, Wiebke Best, Christina Johanna Bischoff, Anna Cerbo, Ur Apalategi, Ana Isabel Erdozáin, Joan Ramón Resina, Dirk Shubert, Jüri Talvet ou Ricardo Tejada.

Este volume é o resultado do segundo encontro do programa Urbes Europaeae, que se celebrou na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela no 2009 cun seminario intensivo titulado «Cidades europeas ante a globalización. Identidades, hibridación e posibilidades da cultura», no que participaron ademais dos citados distintos académicos e escritores como Darío Villanueva, Suso de Toro, José Antonio Aldrey, Pedro de Llano ou Manuel Delgado.