Arquivos da etiqueta: Le.es

Ve a luz o novo número do Boletín Galego de Literatura, dedicado á textualidade dixital

O número 46 do Boletín Galego de Literatura, coordinado por María Teresa Vilariño Picos, do proxecto Le.es, vén de saír publicado co título Textos a escape: a literatura e a cultura na era dixital.

O volume inclúe artigos de Anxo Abuín González («Co debido respecto”: unha introdución a The Soprano’s Studies»), Ana Cabaleiro López («Nacemento e declive da utopía tecnolóxica: o ciberactivismo artístico a finais do século XX»), Jara Calles («A invención de códigos [hacking + bioarte + literatura = enxeñería social] powered by Século21»), Manuel Cebral Loureda («Que é teatro resoante?»), Óscar Cornago («Barroco teatro da modernidade (para unha construción crítica do presente)»), Fabrice Corrons («”Novo dramaturgo/a e director(a) de Cataluña pretende conectar co público. Razón aquí”. Reflexións sobre a relación teatral nas novas dramaturxias catalás»), Juan Fernández Navazas («A lectura performativa e a performance da personalidade en Facebook»), Ícaro Ferraz Vidal («Participação alienante, distância empancipatória. Novas textualidades, hermenêutica e ambivalência»), María López Suárez («Entre a continxencia do corpo e a deconstrución do xénero: a acción e a obxección no ideal performativo da cultura contemporánea»), David Muíño Barreiro («Tecnoloxía, subxectividade e política: poéticas na paisaxe dixital»), Manuel del Río («”Prison, my lord?” Lecturas gnósticas da cidade, a literatura e o cine”»), Saúl Rivas («Ser diferente é ser existente. A literatura electrónica en Galicia»), Alfonso Rivera («Pina Bausch e Lloyd Newson. O teatro na danza, a danza no teatro físico»), María José Sabo («Novas prácticas no ciberespazo: tensión, impugnación e distanciamento das formas tradicionais»), Samuel SolleiroSignum crucis: a historia do cinema como encrucillada en Jean-Luc Godard e Harun Farocki»), María Teresa Vilariño Picos («A poesía dixital cítase coa oralidade»), Telémaco 1.0 e María Yáñez («Shakespeare en 140 caracteres»).

Tamén se inclúe unha entrevista de Andrea Álvarez Pino ao creador Eduardo Kac, e no apartado de libros a revista contén recensións do libro de Emmanuelle Garnier Les dramaturges femmes dans l’Espagne contemporaine. Le traquique au féminin, feita por María López Suárez, do volume de Henry Jenkins e outros Confonting the Challenges of Participatory Culture – Media Education for the 21st Century feita por Serena Bilanceri, do libro de Eduardo Kac Telepresencia y bioarte. Interconexión en red de humanos, robots y conejos, feita por David Muíño e, por último, Alba Méndez recensiona tres volumes dedicados ás series de televisión publicados na editorial Errata Naturae: Los Soprano forever: antimanual de una serie de culto, The Wire: 10 dosis de la mejor serie de la televisión e Teleshakespeare.

Ademais, este número do Boletín Galego de Literatura leva ilustracións de debuxantes galegos de última xeración como Héctor Barros, María Gilino, Alberto Guitián, Emma Ríos e Sole Rei.

O proxecto Le.es estará presente na sección “cine e novas tecnoloxías” da Conferencia Internacional de Cine de Viana

A XII edición dos Encontros de Viana,organizada pola asociación Ao Norte de Viana do Castelo (Portugal), acolle este 11 de maio a Conferencia Internacional de Cinema de Viana – Cinema e Escola, que se celebrará na Escola Superior de Educação de Viana do Castelo. Este ano os temas que se tratarán son: Práticas de cinema na escola, Interculturalidades, migrações e turismo no cinema, Caleidoscópio de imagens, e Cinema, novas narrativas e novas tecnologias. Neste último apartado insírese a ponencia “Documental interactivo: Fragmentación, inmersión e participación para construír o real” que fará María Yáñez, membro do proxecto Le.es.

Velaquí o resumo da ponencia:

Nos últimos anos vén emerxendo na rede un artefacto, o documental interactivo (ou i-doc), no que están a converxer boa parte das técnicas e experimentos narrativos da non ficción dos últimos anos. Trátase dun formato ou xénero híbrido que combina hipertexto, multimedia, narración inmersiva procedente dos videoxogos, performatividade, locative media, espíritu colaborativo baseado da filosofía do crowdsourcing… Son tantas as posibilidades que o documental interactivo nos ofrece que moitas veces até é complicado delimitar cando falamos dun i-doc ou doutra cousa. Polo tanto, este novo artefacto suxírenos moitas preguntas que nos fan reflexionar sobre o momento que vivimos tanto no mundo audiovisual, como no xornalístico, como no da propia internet. Que é un documental interactivo? Existe xa algunha tipoloxía? Cales son os mellores exemplos de i-doc dos últimos anos? Cara a onde camiña? Quen está a producir e a crear i-docs? Formularemos estas preguntas tratando de atopar as respostas na produción máis recente, pero tamén trataremos de buscar a súas orixes artísticas para así proxectar as posibilidades no futuro.

Na web da Associacão Ao Norte pódese consultar o programa e o resto das actividades dos Encontros de Viana, que inclúen workshops, conferencias proxeccións e o certame Primeiro Olhar, do que Yáñez tamén será parte do xurado.

Teatro e Cibercultura, seminario na Universidade de Granada a finais de abril

A Aula de Artes Escénicas da Universidade de Granada organiza o seminario “Teatro y cibercultura” para a semana do 23 ao 27 de abril, no Gabinete de Teatro do Palacio de la Madraza desa cidade. Nel participarán diversos expertos do ámbito peninsular e europeo, entre eles o coordinador do proxecto Le.es, Anxo Abuín.

Este é o programa privisional:

23 de abril:

19:00 h. Domingo Sánchez-Mesa “Los estudios sobre la cibercultura y los new media. Nuevas fronteras de la literatura comparada”.

19. 40 h. Jerome Fletcher: “Digital Literature as Performance Writing”

24 de abril:

19:00 h. Anxo Abuín: “De listas y números. La estética de base de datos en el teatro actual.”

19. 40 h. Teresa López Pellisa: “Ciberteatro, actores virtuales y robots en escena”

25 de abril:

19:00 h. Virgilio Tortosa. “La carne y el píxel: de la representación al simulacro y viceversa.”

19. 40 h. Theótima Amo: “Dramaturgia y arte. El cuerpo expandido.”

26 de abril

19:00 h. Carlos Padrissa: “Burbuja Cero-Una”

27 de abril: Clausura

19:00 h. Laura Borràs: “El teatro de la cibercultura.”

Ciberliteratura e comparatismo

As actas do XVIII Simposio da Sociedad Española de la Literatura General y Comparada (SELGYC), que se celebrou en setembro do 2010 na Universidade de Alicante, veñen de ser publicadas no volume titulado Ciberliteratura i Comparatisme (Ciberliteratura y comparatismo), no que figuran como editores Rafael Alemany Ferrer e Francisco Chico Rico.

As comunicacións recollidas neste libro son as que participaron na sección dedicada á reflexión teórica e crítica sobre a ciberliteratura desde a perspectiva teórico-metodolóxica comparatista. Segundo os seus editores “tratábase, por un lado, de favorecer a exploración das formas coas que a literatura electrónica ten creado e introducido xa diferenzas aprezables no interior do sistema da literatura e, por outro, de valorar os modos segundo os cales a comunicación artística en xeral e a lectura literaria en particular se levan modificado coa aparición e o desenvolvemento do dominio do ciberespazo”.

Os profesores Darío Villanueva (membro do proxecto Le.es) e Dolores Romero (Universidade Complutense de Madrid), foron os encargados de dar as ponencias plenarias deste congreso. Villanueva ao mesmo tempo formou parte, canda Laura Borràs e Dámaso López, do comité científico do simposio, que seleccionou as propostas de comunicacións libres. Outro membro do proxecto Le.es, Saúl Rivas, participou como autor dunha destas ponencias, baixo o título “La ciudad mecánica en los juegos de rol. Una lectura marxista de Final Fantasy VII”. Pódese descargar en pdf aquí.

Entre o resto dos ponentes atopamos traballos de Laura Borràs (“La literatura digital bajo el estigma de la comparación”), Francisco Chico Rico (“La narración literaria analógica y la narración literaria digital. Análisis interdiscursivo de Il castello dei destini incrociati, de Italo Calvino, y Gabriella Infinita, de Jaime A. Rodríguez Ruiz”), Antonio José Bonome (“Los primeros pasos de una literatura ergóidca. William S. Burroughs y sus máquinas de producción textual”), Jordi Bermejo (“El videojuego: cibertexto y cajón de arena”), Yolanda de Gregorio (“Aproximación a Fitting the Pattern de Christine Wilks”), Covadonga Fouces (“Espacios ciberliterarios en la narrativa italiana actual. Un análisis interdiscursivo”), Sandra Hurtado (“El videolit. Una eina educativa al servei de la literatura comparada”), Isabel Marcillas (“Una aproximació a la noció de ciberteatre”), Amelia Sanz (“Literaturas e-comparadas: hacia un mapa de utilidades electrónicas para un comparatismo de hoy”) ou Begoña Regueiro (“¿Qué es poesía?: la literariedad en la poesía digital”).

Tamén se pode consultar en pdf un resumo das comunicacións.

Presenza do proxecto LE.ES no congreso Mapping E-lit de Barcelona

A Universitat de Barcelona (UB) acolleu o 24 e 25 de novembro o congreso internacional Mapping E-Lit: Lectura y análisis de la literatura digital, organizado polo Grupo de Investigación Hermeneia, que dirixe Laura Borràs. Durante dous intensos días investigadores, críticos e autores de Europa, Canadá, Estados Unidos e América Latina intercambiaron ideas e comunicacións sobre o presente da literatura electrónica, tanto no que respecta á creación e a lectura de obras dixitais, como no tocante á creación de redes internacionais que vertebren os estudos en e-lit e a poñan tamén en relación co contexto editorial profesional.

No congreso participaron tres membros do proxecto Le.es, os investigadores David Muiño, Manuel del Río e María Yáñez. David Muiño presentou unha ponencia titulada ““Cityscapes: Social Poetics/Public Textualities”: Una aproximación a la poesía digital de María Mencía” na que estuda a obra desta artista española afincada no Reino Unido, considerando os aspectos políticos e estéticos que a conforman, na procura de novos modelos de subxectividade.

Comunicación de David Muíño. Foto: Hermeneia

Pola súa parte, Manuel del Río participou co estudo “Del Libro de Arena al Libro de la Almohada. Las propuestas de cine hipertextual de Peter Greenaway”, no que reflexiona sobre as posibilidades da aplicación do formato hipertextual ao mundo do cine, un tipo de arte en xeral marcado por varias características dominantes (unilinealidade, secuenciación, ‘naturalismo’) que fan a priori difícil a incorporación del hipervínculo e da narración activa e fragmentada en diferentes sendeiros, centrándose no caso do cineasta galés. Por último, María Yáñez presentou unha comunicación titulada “La máquina de recolectar emociones: una aproximación a la narrativa visual interactiva de Jonathan Harris”, na que analiza a dimensión poética da visualización de datos e o seu potención para o desenvolvemento da narrativa dixital de non ficción, a partir das obras Lovelines e We feel fine.

María Yáñez en Mapping E-Lit. Foto: Hermeneia

O congreso abriuno Laura Borràs cunha sesión de introdución na que fixo un repaso polo estado da cuestión da literatura electrónica e da evolución dos seus estudos nos dez anos que leva funcionando o grupo de investigación Hermeneia. Despois seguiron unha serie de conferencias a cargo de distintos membros de Hermeneia: Jaime Alejandro Rodríguez Ruiz presentou o proxecto Narratopedia, Giovanna Di Rosario falou de e-poesía e xénero analizando a obra de tres mulleres, e Domingo Sánchez-Mesa presentou as súas reflexións sobre a obra Amor de Clarice, de Rui Torres. O propio Rui Torres tamén participou nesta primeira sesión da xornada coa súa particular lectura da obra Húmus, un poema ensamblado no que Heriberto Helder en 1967 deconstrúe e reconstrúe a novela de Raul Brandão de 1917.

Tras esta sesión de conferencias iniciais houbo dúas mesas paralelas, unha relativa ao panorama europeo coas ponencias de Michael J. Maguire e Fabio de Vivo, e outra máis achegada ao caso catalán na que participaron Mireia Munmany, Bàrbara Peris e Nieves Rosendo, presentadas por Pablo Martín. Pola tarde Scott Rettberg presentou a Jerome Fletcher, que presentou a peza ConT\act\il, e a J.R. Carpenter, que falou da súa obra GENERATION[S]. Máis tarde os mesmos ponentes participaron nunha mesa redonda na que se abordaron as posibilidades e oportunidades para coordinar as distintas redes europeas de investigación sobre Literatura dixital.

Jerome Fletcher, J.R. Carpenter, Scott Rettberg en Mapping E-Lit. Foto: Hermeneia

A xornada do venres comezou coas comunicacións de Stefano Calzati (University of Amsterdam)), Enrico Bocciolesi (Università per Stranieri di Perugia), Fernanda Bonacho (Escola Superior de Comunicação Social/IPL, Lisboa, Centro de Estudos de Comunicação e Linguagem -CECL-), María Goicoechea (Univ. Complutense de Madrid), Ángela Celis (Univ. de Castilla La Mancha), Pablo Martín (Université de Lille 3 i Univ. de Granada), Federica A. Sala (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62) e María Yáñez (Univ. Santiago de Compostela). A continuación Scott Rettberg, da universidade de Bergen, deu a conferencia Mapping Electronic Literature Networks: The ELMCIP Knowledge Base and the Apparatus of Electronic Literature, presentando o proxecto de investigación que coordina, ELMCIP (Electronic Literature as a Model of Creativity and Innovation in Practice).

Unha das sesións máis interesantes foi a das lecturas dialogadas a dúas voces, nas que investigadores vinculados a Hermeneia conversaban con distintos autores facendo unha crítica das súas obras. Foi o caso de Doménico Chiappe comentado por Bryan Barrachina, de Rui Torres comentado por Sandra Hurtado e de Ton Ferret comentado por Oreto Doménech.

Pola tarde houbo máis tempo para as comunicacións e o debate coas ponencias de Ana Cuquerella (Univ. Complutense de Madrid), David Muiño, Manuel del Río (USC), Victòria Miró (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62, TV3), Maite Boscà (Màster en literatura en l’era digital UB/Grup 62, IES Albal), Valentina Vannimartini (Univ. de A Coruña), e Laura Borràs, que fixo unha lectura da ultimísima obra de Isaías Herrero, titulada 5000 palabras.

O congreso pechouse coa mesa redonda Influencias, mutaciones e hibridez entre la literatura impresa y la literatura digital, na que participaron Jordi Carrión, Agustín Fernández Mallo e Vicente Luis Mora, escritores que publican en papel pero que se serven dos soportes e formatos dixitais para experimentar coa linguaxe usada nas súas obras. A mesa estivo moderada por Doménico Chiappe, e ao seu remate Laura Borràs fixo a clausura do congreso.

Jordi Carrión, Agustín F. Mallo, Vicente Luis Mora e Doménico Chiappe na mesa. Foto: Hermeneia

Foron dous días de debate moi estimulante e de reflexión e cuestionamento sobre cara a ónde camiña a literatura electrónica, tanto no ámbito académico como no ámbito da creación. As actas do congreso publicaranse nos vindeiros meses, pero iremos publicando nesta alomenos parte dos contidos das ponencias que os membros de Le.es presentaron neste Mapping E-Lit.

Máis información na web de Hermeneia.

“Espacio….., ciberespacio….. y….. literatura…..”, capítulo de Mª Teresa Vilariño Picos no libro ‘Literatura e internet. Nuevos textos, nuevos lectores’.

O libro que recolle as actas do XX Congreso de Literatura Española Contemporánea. Literatura e Internet: Nuevos Textos, Nuevos Lectores, celebrado en Málaga no pasado mes de decembro xa saíu do prelo. Nel inclúese o capítulo “Espacio….., ciberespacio….. y….. literatura…..” da doutora María Teresa Vilariño Picos, membro do proxecto Le.es e profesora de Ciberliteratura na USC.

O artigo a autora explora a relación entre os conceptos de ciberespazo e espazo físico e como a creación artística dixital, en especial a literaria, trata de conectar estes dous mundos. Recomendamos a súa lectura neste pdf: Espacio, ciberespacio y literatura

“Lectura y nativos digitales”, novo libro de Darío Villanueva

O catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, e membro do proxecto Le.es Darío Villanueva, vén de publicar “Lectura e nativos digitais”, un libro que recolle a conferencia que pronunciou no acto de recollida do I Premio internacional de investigación humanística co que a Real Sociedad Menéndez Pelayo o galardou o 14 de maio do 2010.

Nesta publiación, que conta cun limiar-laudatio do seu compañeiro de área na USC, o profesor José Manuel González Herrán, Villanueva reflexiona sobre a transformación dos hábitos de lectura, e da propia escritura, que propician os novos soportes.

Pódese ler enteira neste pdf: Lectura y nativos digitales

Referencia bibliográfica:

    Villanueva, Darío. Lectura y nativos digitales. Real Sociedad Menéndez y Pelayo, Conferencias y discursos. Santander, 2011. ISBN: 978-84-936065-7-2.