Arquivos da etiqueta: móbiles

Chema Paz Gago presenta un libro de poemas pensados para WhatsApp

whatsappaO escritor e académico coruñés Chema Paz Gago presenta esta tarde na Coruña o seu libro Wha(ts)appa. Piropoemas para mensajes de móvil, un poemario pensado para ser usado na aplicación móbil de chat “WhatsApp” coa intención de namorar.

Paz Gago é catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade da Coruña, e ten publicados xa dous outros libros na mesma editorial, Pigmalion: Manual para enamorar princesas e Guía de lugares inexistentes. O tema do amor fou e do ‘Don Juan’ seguen presentes nesta nova obra de “piropoemas” composta de 21 apartados que se corresponden con 21 letras do abecedario, presididas por termos que empezan por cada unha delas.

O libro preséntase hoxe, 31 de outubro, ás 20h no Sporting Club Casino da Coruña, e o autore estará acompañado da escritora Blanca Riestra, o xornalista Pati Blanco e o editor, Basilio R. Cañada.

Camiños para a app-literatura (III): a poesía expandida. Exemplos

Vén do post anterior.

The Waste Land, de T.S. Eliot, por TouchPress.

“Revivir o poema máis revolucionario dos últimos cen anos para unha audiencia do século XXI” é o que se propón a editorial interactiva TouchPress para esta aplicación literaria que ata o de agora é unha das máis premiadas e recoñecidas polo seu sector, ao proporcionar unha auténtica expansión dos contidos e posibilidades arredor do poema The Waste Land, de T.S. Eliot.

A app está deseñada para o iPad e comercialízase na AppStore por 13,99 dólares. Nela podemos atopar distintos contidos contextuais que enriquecen o texto, como unha reprodución do manuscrito orixinal, entrevistas a 35 expertos na obra, como Seamos Heaney, notas interactivas que axudan a comprender todas as referencias e alusións que contén o poema, e tamén unha performance feita pola actriz Fiona Shaw e gravada pola BBC. Tamén podemo escoitar diferentes lecturas do poema feita polo propio Eliot e por grandes voces da escena como sir Alec Guinness.

Velaquí unha demostración

What They Speak When They Speak to Me, de Victor Keegan, e o resto de creacións de (P.o.E.M.M.)

Jason E. Lewis e Bruno Nadeau forman o equipo de Poems for Excitable Mobile Media (P.O.E.M.), que explora as interfaces táctiles como a do iPad / Iphone, pero tamén grandes pantallas para exposicións, para compoñer poemas que usan a interactividade de tocar coa man para facer moverse os elementos textuais, imaxes, sons, etc. A súa primeira obra foi What They Speak When They Speak to Me, de Victor Keegan, que consiste nunha pantalla negra coas letras do alfabeto en branco aboiando libre mente. Cando se empezan a tocar e mover cos dedos as letras comezan a formar frases se se moven nunha dirección, e as frases inversas se se moven na outra. Tamén se poden facer formas coas palabras, e segundo a forma e o debuxo vanse formando unhas frases ou outras.

Outras das pezas poéticas editadas por P.O.E.M.M son Buzz Aldrin Doesn’t Know Any Better, The Great Migration ou No Choice About the Terminology, cuxa aparición anuncian para decembro.

Composition No.1 for iPad, de Visual Editions e Universal Everything

Em 1962 o novelista francés Marc Saporta publicou Composition No. 1, unha novela chamada prehipertextual cuxas páxinas estaban sen encadernar e se podían ler en orde aleatoria. Así o indicaba o seu autor: “Prégase que o lector dispoña destas páxinas coma dunha baralla de cartas. Que corte, se o desexa, coa man esquerda, coma se fose unha cartomántica. A orde na que as follas saian da baralla orientará o destino de X”. Case 50 anos máis tarde, a editorial británica Visual Editions reeditou estes libro nun fermoso formato, ao tempo que investigaba a comercialización da traslación lóxica deste “hipertexto en papel” a o soporte dixital.

O resultado foi a app Composition No.1. que, igual que What They Speak When They Speak to Me, permite xogar coas letras na pantalla táctil, e fai doada, e moi lóxica,a proposta de ler cada páxina aleatoriamente empezando pola que se queira. Aínda que o acaimento do soporte pareza lóxico, o certo é que a proposta perde forza precisamente por esta lóxica, porque no dixital o hipertexto, a non-linealidade, é o natural, non se forza o texto nin a experiencia lectora como o fai o formato das páxinas soltas do libro descosido. Non deixa de ser un gran paradoxoo que a forza do hipertexto físico dilúese no hipertexto dixital. Vexamos a diferenza nestes dous vídeos.

60 years in 60 poems, de The Space

Esta é unha curiosa rareza en forma de web-app que se creou para celebrar con literatura as vodas de diamante da raíña de Inglaterra. Cun deseño gráfico e de interacción moi traballado, navegar por esta web permítenos explorar a historia dos últimos 60 anos a través de poemas coñecidos, clasificados por diversos temas como o tempo, a identidade, a vixilancia, a migración, o recordo, a perda, o cambio, a descuberta, a celebración, o zeitgeist ou o desexo. Podemos navegar por eles e ir lendo os poemas ou escoitándoos en diversas voces, ver fotos do ano en que foron feitos… Trátase así dunha visualización estética dunha base de datos composta por poemas, seguindo unha tendencia moi recente como é a visualización de datos, que abrazan teóricos como Lev Manovich. E sobre todo trátase de ampliar o significado destes poemas engadíndolles un contexto e un criterio de selección que lles outorga interese e valor para chegar ao público, ou a outro público, de outra maneira.

POETRY, de The Poetry Foundation

Esta é tamén a intención da aplicación para iPhone e iPad, POETRY, que contén unha vasta base de datos de poemas que podemos explorar, buscar e seleccionar seguindo diferentes parámetros temáticos (amor, nostalxia, compromiso, familia, natureza, espiritualidade…), e que podemos despois ler, escoitar e compartir cos nosos amigos. A idea é podemos botar man dun poema para cada momento, e atopar na poesía o conforto e a inspiración que precisamos para sobrevivir ao día a día. O corpus está sacado da literatura universal, e de autores como T.S. Eliot, Emily Dickinson, Pablo Neruda… aínda que a lingua usada é o inglés.

Camiños para a app-literatura (II): a poesía expandida

Por ser unha das manifestacións literarias máis libres en canto ao formato e ao soporte, a poesía vén sendo no ámbito da literatura electrónica o xenéro máis experimental e experimentado, a través do que se poñen a proba os distintos dispositivos textuais e paratextuais, e os novos tropos que poden xurdir da conxugación de diferentes medios e o código numérico.

Mais esta profunda vinculación co soporte fai que a evolución tecnolóxica condicione a evolución poética e en moitas ocasións as circunstancias do trebello prevalezan sobre o contido. Así, moitos xulgan moi pasada de modaa poesía que se facía en CD-Roms ou os poemas visuais que se facían para a web con soporte flash, pola propia obsolescencia do soporte máis que porque o contido quede obsoleto. Iso, se somos capaces de separar contido de soporte cando este determina a forma do poema, a súa esencia, que moitas veces non se pode trasladar a un formato que evolucione cos tempos.

Deste xeito, a experiencia dos últimos vinte anos advírtenos da futilidade de abrazar calquera tecnoloxía e as súas posibilidades, ao tempo que nos fai albergar esperanzas sobre se o dixital nos brindará algún soporte da solidez e perdurabilidade do libro, ou nada diso pasará e a poesía será cada vez máis voluble e etérea, máis inaprensible como cando estaba vencellada ao oral. En calquera caso, os novos códigos están aí e, sobre todo, o público está accedendo a eles con novos mecanismos.

Si, falamos de público e falamos de poesía. E xa centrándonos imos falar de como un soporte destinado ao consumo máis ou menos comercial de contidos como é o iPad está a acoller a poesía para darlle unha volta e achegala a novos públicos, en busca, se non dun éxito comercial, si dunha visibilidade e dun atractivo que pasa pola integración de contidos multimedia máis alá do textual (imaxes, son, vídeo, etc), e da interactividade, as máis das veces a partir da hipertextualidade e de poder manipular o texto navegando sobre el.

Neste capítulo repasaremos algunhas das obras que se definen como poéticas lanzadas especificamente para iPad (moitas delas tamén para iPhone), e veremos as súas características e como, desde un punto de vista sistémico, se están a publicar e a achegar ao público. Intuímos que o ecosistema editorial arredor da poesía se está a revolver para mutar noutro ecosistema no que quen edita e como o edita terá pouco que ver co pasado e si máis en común con outras industrias relacionadas co lecer interactivo.

E así, advertimos outra tendencia, a de expander a poesía e quitarlle o máximo rendemento en canto ás súas pobilidades discursivas (texto, voz, performance, imaxe) e tamén ao seu contexto e á forma de experimentala. Será frecuente vermos en edicións dixitais de poemas coñecidos información multimedia sobre o seu autor ou época de publicación, os lugares polos que transita, con mapas interactivos que permiten unha certa inmersión no mundo do poema… Todos son mecanismos que xa se usan noutros contidos e que agora se experimentan coa poesía. Chegarán a institucionalizarse?

Os exemplos, iso si, polo de agora son na súa maioría en inglés. Iremos aumentando e actualizando este artigo a medida que aparezan novos casos merecentes de mención, e agradeceremos as achegas dos lectores.

Anterior: Camiños para a app-literatura. Introdución

María Yáñez

Marcel·lí Antúnez achégase aos móbiles e ás redes sociais no seu último traballo, ‘Pseudo’

O performer catalán Marcel·lí Antúnez, un dos máis implicados do panorama europeo na investigación e uso da tecnoloxía no seu traballo, estreará o vindeiro 24 de xullo no festival Grec de Barcelona o seu novo traballo, unha performance / instalación interactiva que leva por título Pseudo.

Neste traballo o autor aplica o concepto de sistematurxia, un neoloxismo creado por el para designar a “dramatuxia dos sistemas computacionais”, e reflexionar sobre o novo paradigma da interacción tecnolóxica.

Tal e como explica na súa web, o argumento de Pseudo arrinca de Cotrone, espactáculo que Antúnez realizou en Italia no 2010. Aquela narración está repleta de microrrelatos que teñen como eixo temático un cuarto acto inventado d’Os xigantes da montaña, de Pirandello, que repasa a nova vida dunha boa parte dos personaxes da obra. Pseudo parte deses relatos, reescritos e producidos de novo para axustalos á participación do público a través de diferentes estratexias, como a acción xestual e sonora sobre interfaces, a participación a través de sistemas de realidade aumentada –videotraking, face traking e detección de imaxes- e, eventualmente, unha participación indirecta coa utilización consentida de bancos de imaxes dos perfís dos espectadores en internet (Facebook, Flickr ou Youtube).

A recomposición das pezas narrativas que o espectador leva a termo coa súa actuación sobre as interfaces (algunhas delas con clara vontade simbólica) condicionan tamén o número de espectadores, que debe ser reducido con tal de potenciar a proximidade e propiciar a participación.

O proceso de traballo de Pseudo está a ser documentado por Antúnez no seu blog, no que podemos ver algunha imaxe do making of, como este vídeo:

Camiños para a app-literatura (I). Introdución

A irrupción no mercado das tabletas dixitais está a gran tendencia na mudanza de soportes que vive a industria cultural no último ano, e promete ir para longo. Atrás queda o efémero protagonismo dos “e-books”: todo o mercado parece estar de acordo en que os lectores-consumidores non nos conformamos con tras pasar o clásico formato textual a un dispostivo electrónico portátil. Dous anos despois de lanzar o Kindle, Amazon agora estrea o Kindle Fire, un aparello de baixo custe que será un híbrido entre o famoso e-book e a tableta multimedia. Todo indica que, despois de coñecer as posibilidades da web e das aplicacións móbiles, as lectoras e lectores esiximos contidos enriquecidos con multimedia e interactividade.

Ademais, o uso cotián de tabletas e, sobre todo, de teléfonos intelixentes que funcionan a través de aplicacións nativas está a modificar a nosa propia relación con internet. Dunha rede aberta baseada na web pasamos á internet das apps, moito máis pechada e cautiva (sobre todo no mundo iTunes) pero tamén máis atractiva e intuitiva para o usuario. No verán do 2010 a revista Wired anunciaba a fin da web tal como a coñecemos: para que a queriamos, tendo aplicacións para todo, incluído o novo ecosistema das redes sociais? Mais non todo o mundo o ten tan claro: a web segue a ser o espazo aberto, libre e horizontal que os pioneiros da Rede soñaron, un sitio no que, coñecendo a linguaxe HTML podemos facer moito máis que consumir, compartir fotos e enlaces e darlle ao “Gústame”. Por outro lado, que se pode facer nunha aplicación que non se poida facer na web? Só unha cousa: cobrar pola súa descarga. O que non deixa de ser interesante para moitos sectores da industria cultural.

Ante iso, e pensando nun mercado ameazado pola copia dixital, pero tamén nos novos retos expresivos que nos propón o novo soporte, autores e editoriais, sobre todo independentes, comezan a facer as súas probas, algunhas máis experimentais e outras máis comerciais, para levar a literatura ás novas pequenas pantallas. O iPhone e sobre todo o iPad son polo de agora o campo de xogo. O iPad é un soporte pensado para ler, para ver vídeos e para xogar, fundamentalmente. Deses tres actos humanos van saír as novas propostas literarias que se propoñen superar o libro: a nova e-literatura pódese ler, ver, escoitar e xogar. E teremos aínda que ver moitos destes novos experimentos para lograr saber que achega o formato móbil, sexa teléfono ou tableta, ao que xa coñeciamos de literatura feita para a web ou para o CD-ROM. Por de pronto ocórresenos sinalar algúns aspectos propios da mobilidade: a posibilidade de conectar o contido co lugar onde se produce ou onde se le, a través do GPS, a xeolocalización e a realidade aumentada. Por outro lado, a interface baseada no tacto tamén ofrece algunha leve novidade en canto á interacción e á experiencia do usuario.

Para observar as novas posibilidades que nos ofrecen estas aplicacións literarias iniciamos aquí unha guía que, en diferentes entregas, nos levará a través da poesía, da narración, do ensaio, do cómic e da literatura infantil e xuvenil, e que tamén quere ser un espazo de debate. Podemos falar dun novo chanzo na literatura electrónica despois do hipertexto en CD-ROM dos 90 e a literatura na web dos anos 2000? Ata que punto os soportes conviven, substitúen ou limitan a evolución da linguaxe? Sábenos aproveitar os distintos axentes do mundo da literatura? Está algunha revolución por chegar dende o mundo das tabletas ou só nos servirán para consumir e facer o mesmo de maneira máis cómoda? Veremos se ao final da serie atopamos algunha resposta ou só novamente máis preguntas. Comezaremos por falar da poesía visual interactiva na vindeira entrega.

María Yáñez

Eugenio Tisselli presenta ‘El turista miope – exposición / performance’

Eugenio Tisselli presenta “El turista miope”, an exhibition celebrating the 10th anniversary of MIDIPoet, a digital tool for manipulating text and image with MIDI instruments.

You can see the performance”wen”;, in which MIDIPoet be controlled by a mobile phone.

3rd December 2009, at 8 pm. Galeria MX Espai (c. Llibreteria, 7, pral.), Barcelona.