Arquivos da etiqueta: narrativa

Amores prohibidos 2.0: teatro popular nas redes sociais

A compañía compostelá Chévere, en colaboración con Redenasa.TV, está a preparar un experimento teatral que levará a obra de Romeo e Xulieta ao contexto dun instituto Boirés e será representada polos rapaces deste institutuo a través da web e das redes sociais. A obra leva por título Amores Prohibidos 2.0 e ten como transfondo o conflito lingüístico, substituíndo as familias rivais dos Montesco e os Capuleto por dúas pandillas enfrontadas polo uso da lingua, uns galegofalantes e outros castelánfalantes.

O desenvolvemento desta particular función realizarase en tempo real durante 6 días -aproximadamente o tempo narrativo que emprega Shakespeare na obra orixinal para contar a historia- entre o 20 e o 25 do vindeiro mes de abril. O público poderá seguir os acontecementos que se narren a través dun sitio específico creado dentro de RedeNasa.TV, e tamén a través doutras redes sociais como Tuenti, Facebook ou Twitter. Cada personaxe terá un perfil en Redenasa e nas redes que máis se lle axeiten, e contará a historia mediante diálogos, fotos ou vídeos que eles mesmos suban. Como apoio existirá a figura dun narrador, Xesp1r, encargado de comentar o que fagan ou digan os personaxes e enfiar unha narración de natureza fragmentada e deconstruída.

Non é a primeira vez que esta obra de Shakespeare é usada como experimento de narrativa transmedial: en 2010 a Royal Shakespeare Company levou a cabo unha experiencia similar pero usando soamente Twitter, e estirando a narración en tempo real a 5 semanas. A partir dese concepto, e dunha idea previa que tiña Chévere de adaptar Romeo e Xulieta ao conflito lingüístico, xestouse o proxecto Amores Prohibidos 2.0.

O equipo de dirección desta obra está formado por Xesús Ron, Xana García e María Yáñez, esta última tamén investigadora do proxecto Le.es. Polo de agora o proxecto poderá seguirse a través do seu blog.

O futuro do libro “que nunca se produciu”

O escritor Paul Lafargue pregúntase nun artigo publicado en Salon por que as novelas hipertextuais, que foron o hype literario dos anos 90, deixaron de producirse. E faino coincidindo co lanzamento da súa propia hipernovela, Luminous Airplanes, mentres se pregunta “coma un neno que chega á escola un día de nevarada, onde está todo o mundo?”.

«Que pasou coa ficción hipertextual? Se vostede era unha persoa viva e alfabetizada nos 90, poderá lembrar o hype co que o hipertexto foi promocionado como ‘the next big thing’: un medio que tiña o potencial de transformar a narrativa na era post-Gutenberg, do mesmo xeito que os tipos móbiles lle deron pulo á novela. Publicáronse hipertextos, primeiro en disquete, despois en CD-ROM, despois nae Web. A recensión de Robert Coover sobre o hipertexto “Victory Garden”, creado por Stuart Moulthrop en 1993, estivo na primeira páxina da New York Times Book Review.

E despois… non pasou nada. A entrada da Wikipedia para a ficción hipertextual non lista ningunha obra posterior a 2001 (…). Desconcerta que a forma estea desaparecendo, tendo en conta que nos últimos dez anos temos asistido ao nacemento do e-book e o e-reader, de proxectos vizosamente animados como “O libro da selva” de Electric Type, e de aventuras editoriais innovadoras como a Red Lemonade de Rishard Nash -e, se cadra non foi coincidencia, unha crise no sector editorial tradicional. Un non pode tirar unha pedra en certos barrios de Manhattan cercanos a Union Square sen que apareza alguén preguntando polo futuro do libro. Se algunha vez houbo un tempo para que a novela hipertextual chegase ao seu apoxeo, pensariamos que era este. Pero ata o de agora, nada (e debería mencionar aquí que eu mesmo estiven traballando nunha ficción hipertextual. Si, hai pouco. Si, poden vela. E síntome coma o rapaz que aparece na escola nun día de nevarada, preguntándome: onde está todo o mundo?»

Poden seguir lendo a interesante reflexión de Lafargue na revista Salon

María Yáñez

Próximo congreso sobre ‘Digital Storytelling’ en Valencia

Autora: langwitches / / CC BY-NC-SA 2.0

O Instituto Interuniversitario de Lenguas Modernas Aplicadas de la Comunitat Valenciana (IULMA) e o Departament de Filologia Anglesa i Alemanya acollen a Conferencia Internacional sobre Relato Digitalque se celebrará en Valencia dende o 21 ata o 23 de marzo de 2012.

Tal e como explican os organizadores na web do congreso, “o relato dixital é a expresión moderna da antiga arte de contar historias. O poder dos relatos dixitais obtense ao entrelazar a música, a narrativa e a voz, dándolle así unha dimensión profunda e unhas cores vivas ás personaxes, ás situacións, ás experiencias e á comprensión dos distintos caracteres. Conta agora a túa historia dixitalmente Leslie Rule, Center For Digital Storytelling“.

“O relato dixital (…) estase a usar na actualidade en máis de 80 países con aplicacións moi distintas que inclúen a educación, o marketing e a autoexpresión, entre outras. Combina a arte da narración clásica cunha gran variedade de ferramentas multimedia, incluíndo as gráficas, o audio, os vídeos de animación e as publicacións na Web. O relato dixital converteuse nun fenómento educativo e cultural que, sen dúbida, outórgalle un novo enfoque á arte antiga de contar historias”.

“Neste congreso esperamos reunir en Valencia a aqueles que queiran contarnos as súas experiencias co relato dixital e a aqueles que queiran aprender máis acerca de como o uso da narrativa unido ás novas tecnoloxías leva axudado a transformar a experiencia do relato dixital nalgo máis persoal e ao alcance de todo o mundo”.

A convocatoria para presentar comunicacións ou video-posters remata o 15 de outubro. Máis información.

Presentación do libro ‘Narratopedia’ de Jaime Alejandro Rodríguez

O pasado 10 de maio o teórico e escritor colombiano Jaime Alejandro Rodríguez Ruiz presentou na feira do libro de Bogotá o libro Narratopedia. Reflexiones sobre narrativa digital, creación colectiva y cibercultura, que coordina como editor académico. Na presentación participaron algúns dos autores que participan no libro, como Offray Luna, Mario Morales, Luis Carlos Díaz e Jairo Antonio Pérez. Ademais de subir este vídeo coa presentación, Jaime Alejandro Rodríguez colgou na plataforma Scribd os capítulos dos que é autor, que se poden ler e descargar en pdf.

Balada triste de moqueta, un “folletín 2.0” de Camilo Franco

O escritor ourensán continúa a experimentar coa narrativa en internet, utilizando nesta ocasión a web pero sobre todo o Facebook para escribir unha novela por entregas condicionada pola actualidade e polos lectores.

A finais do século pasado Camilo Franco propúxose experimentar coa literatura na rede cun proxecto chamado Por conto alleo no portal Vieiros. Durante 50 días (e noites), os internautas que quixeron participar, enviaron dúas palabras que cada día a redacción de Vieiros seleccionaba e lle remitía ao autor, para que escribira (entre as sete da tarde e as 11 da mañá) un conto a partir delas.

No 2001 chegou Necesariamente X, tamén con Vieiros. Un experimento similar no que os internautas enviarían unha imaxe pornográfica que motivase o autor para escribir un relato ou un ‘pensamento’ non necesariamente erótico.

Dez anos máis tarde, Camilo Franco volve á carga usando desta volta as redes sociais, en concreto Facebook, co “folletín 2.0” Balada triste de moqueta. Faino publicando no espazo en Facebook do pub santiagués Casa das Crechas, de maneira que non só é o primeiro escritor galego que escribe para esta rede social, senón tamén o primeiro en facelo nun espazo patrocinado por unha casa comercial.

Seguir lendo Balada triste de moqueta, un “folletín 2.0” de Camilo Franco