Arquivos da etiqueta: net-art

TKB: Ferramentas e base de coñecemento para as artes performativas dixitais

tkb3No Centro de Lingüística da Universidade Nova de Lisboa naceu o proxecto TKB (A Transmedia Knowledge-Base for Performing Arts), que se declara “nos intersticios entre a lingüística e os estudos de artes performativas” e que ten como obxectivo construír unha base de coñecemento aberta e multimodal para documentar e apoiar a creación de pezas de danza contemporánea. O proxecto comezou no 2009 e neste 2013 chega á súa fin.

Nel colaboran a Faculdade de Ciências e Tecnologia da Universidade Nova de Lisboa (Interactive Multimedia Group), o  Centro Coreográfico O Espaço do Tempo: Montemor-o-Novo e a  AHK: Amsterdam Hogeschool voor de Kunsten da Universidade de Amsterdam.

Os principais resultados que se acadaron neste proxecto foron un software para a creación de danza contemporánea e unha base web para agrupar o coñecemento xerado en torno á esta disciplina e as súas relacións cos medios dixitais.

O software chámase polo de agora Creation Tool e trátase dun anotador de vídeo que serve para axudar no proceso creativo dos coreógrafos e funciona como un caderno dixital onde se poden facer anotacións en tempo real sobre un vídeo de danza. O desenvolvemento desta ferramenta seguiu un proceso de deseño iterativo no que participaron dous coreógrafos e que foi testado con bailaríns internacionais durante unha residencia-taller de danza contemporánea. O software pódese descargar na web do proxecto, canda un manual e diversas ilustracións e exemplos de uso.

A Knowledge-Base  lanzarase durante este ano e foi concebida como un recurso aberto e dinámico que funcionará como unha plataforma de relacións para todos os creadores, artistas e investigadores das artes performativas que queiran compartir os seus procesos creativos, métodos de traballo ou pezas rematadas.

Outra das actividades que realizou este ano o proxecto TKB foi o congreso internacional Multimodal Communication: Language, Performance and Digital Media, que se no mes de maio en Lisboa, en no que se presentaron os recursos mencionados. Podemos ler unha completa crónica na revista Digicult, e tamén este vídeo no que se resumen as principais ponencias do congreso.

Últimos días para concorrer ao iNTERFACES, concurso de arte interactiva no Porto

interfacesO 31 de marzo finaliza o prazo para presentar traballos a iNTERFACES, o concurso de arte interactiva convocado polo CITAR (Centro de Investigação em Ciência e Tecnologia das Artes) daUniversidade Católica Portuguesa, no seu centro rexional do Porto.

Tal e como explica o texto de presentación na súa web, a iniciativa nace “da necesidade de promover a creación artística dixital contemporánea e de dar a coñecer obras interactivas de artistas nacionais e internacionais”. Baixo tema aglutinador é o interface (sistema ou dispositivo a través do cal entidades non relacionadas poden interactuar), “son admitidos a concurso traballos artísticos nas máis diversas áreas: da instalación audiovisual interactiva á internet, da performance á arte electrónica, da realidade virtual ao cinema interactivo”.

As obras a concurso e as vencedoras mostraranse no 10º Festival Internacional Audiovisual Black&White da Escola das Artes da Universidade Católica Portuguesa. Tamén se porán a disposición do público de todo o mundo a través dun repositorio dixital.

Na web do concurso pódese descargar o regulamento e tamén a ficha de inscrición para participar.

Un bosque exquisito, novo experimento interactivo de Aaron Koblin e Chris Milk para Google e a Tate Modern

Un proxecto para a web que é ao mesmo tempo unha instalación para a Tate Moden é This Exquisite Forest, o último experimento artístico de Chris Milk e Aaron Koblin para Google Labs, despois de xa colaboraren xuntos en traballos como The Wilderness Downtown (o primeiro vídeo interactivo de Arcade Fire). Desta volta trátase de facer un cadáver exquisito, directamente inspirado no xogo literario que hai un século concebiran Paul Éluard e André Bretón, aberto a calquera persoa que queira colaborar neste relato colectivo composto de palabras, sons e debuxos.

Así, a interface que os artistas crearon para a visualización do relato é a metáfora dun bosque, formado por diversas árbores que representan cada unha unha historia, desde a semente ata as distintas ramas, que son posibles liñas narrativas, e as follas, que son a contribución de cada usuaario.

Ademais dos usuarios da rede están convidados a participar os visitantes á exposición na Tate Modern (onde estará ata finais de ano), así como algúns artistas emerxentes, que contribúen curando as historias.

Máis información neste vídeo explicativo e nesta reportaxe de Roberta Bosco e Stefano Caldana en El País.

O asturiano Pelayo Méndez, seleccionado para o ELO 2012 Media Art Show

Falta pouco máis dun mes para que se celebre en Morgantown (sede da West Virginia Univesity) a conferencia anual da Electronic Literature Organization (ELO), baixo o lema “Electrifying Literature, Affordances and Constraints”. Este ano o evento inclúe unha mostra de arte dixital na que moitos dos autores máis recoñecidos da e-lit compartirán espazo con novos creadores que foron seleccionados mediante convocatoria pública para amosar as súas pezas de literatura electrónica, net-art, vídeo, animacións, arte sonora, multimedia experimental, e locative media. Un deles é o asturiano Pelayo Méndez, que presentará a súa obra ACITEOP.

No texto que presenta ACITEOP, Méndez parte da función poética da linguaxe delimitada por Jakobson como “aquela rexida polos principios de selección e ordenación. Baixo esta visión o poeta sería o encargado de seleccionar e ordenar dunha determinada maneira as palabras para conseguir o efecto poético”.  Así, ACITEOP é “un programa que tenta agrupar distintas ferramentas experimentais de construción de narrativas poéticas -textuais e visuais- a partir da deconstrución da función poética da linguaxe a través de diferentes algoritmos. O resultado, sempre distinto en cada lectura ou interacción, é un texto deconstruído e ao mesmo tempo unha nova obra xerada por ese proceso de deconstrución. Esta primeira versión é un exemplo sinxelo do programa que crea unha narrativa baseada en texto, audio e imaxes que comeza coa deconstrución dun poema que Octavio Paz lle dedicou ao lingüísta ruso tras a súa morte e que titulou Entre lo que veo y digo”.

Pelayo Méndez naceu en Asturias en 1977 e licenciouse en Ciencias da Información na Universidade de Salamanca, con especialización en Recursos Multimedia. Tamén se gradou recenetemente en Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Barcelona. Nesta cidade reside actualmente e e combina o ensino co seu traballo como programador multimedia en arte e o literatura. Ten publicado un bo número de poemas, artigos e relatos en varios formatos online e desenvolvido obras dixitais con artistas visuais. No 2011 comezou a producir as súas propias obras como artista, combinando o mundo da literatura e a escrita creativa coa arte visual usando código.

O XXII congreso da AILCFH abordará o ciberfeminismo

A Asociación Internacional de Literatura y Cultura Femenina Hispánica (AILCFH) organiza este ano o seu XXII Congreso, que se celebrará do 8 ao 10 de novembro na Grand Valley State University, no estado norteamericano de Michigan, baixo o título “Entre la tierra y el ciberespacio”. Preséntase do seguinte xeito:

A primera vista el ecofeminismo y el ciberfeminismo pudieran parecer tendencias opuestas, de hecho representan modos diferentes de crítica cultural de las presunciones sobre los cuerpos de las mujeres, nuestras vidas y nuestros textos. En conjunto, estas metodologías analíticas nos brindan perspectivas holísticas para analizar la producción cultural de las mujeres en un amplio espectro, desde lo natural y material hasta lo artificial y virtual, y todo lo que se incluye entre ambas categorías. L@s participantes pueden considerar cualquier época en sus ensayos y pueden abordar los siguientes temas:

    Nuevas tecnologías y el mundo virtual
    La construcción del ciborg: cuerpo, género y representación artística.
    Monstruos y monstruosidades.
    Las incursiones de la mujer y su producción artística en la red virtual.
    La alianza entre la mujer y la máquina: nuevas representaciones.
    ¿Matriz?/Madre/ “Otr@”.
    El hipertexto y la hiperescritura: ¿una escritura de la diferencia?
    La mujer como ‘mascarada’, ficción, construcción artificial.
    Utopías vs. distopías: ciencia ficción, ficción de horror.
    Ecofeminismo: cuerpo, género y representaciones artísticas.
    La naturaleza del transgénero y sus respresentaciones.
    Daños ambientales: ruinas, desastres ecológicos.
    Nuevas/otras espiritualidades.
    Las prácticas de ruptura como acciones políticas de concienciación.
    Los movimientos sociales y las formas de resistencia en las artes, el cine y la literatura.
    Raza, género y activismo.
    Resistencias indígenas.
    Los feminismos de la Tercer Ola.

O prazo para a presentación de propostas remata o 16 de abril. O comité organizativo está formado polas profesoras Mayra Fortes, Zulema Moret, Gabriela Pozzi, Keith Watts e Diane Wright.

O propósito da AILCFH é fomentar o estudo da literatura hispánica (española, hispanoamericana, luso-brasileña, afro-latinoamericana, US latina) escrita por mulleres. A Asociación ofrecerá a oportunidade para a presentación de ponencias, a través do seu congreso anual, que servirá de foro para o intercambio profesional, e para la divulgación da investigación, por medio do seu órgano oficial, a revista académica, Letras Femeninas, e o boletín electrónico semestral, Grafemas.

Máis información na web da AILCFH.

O Instituto Franklin organiza un congreso en Alcalá de Henares sobre e-literatura e arte virtual

O Instituto Franklin e a Universidade de Alcalá de Henares organizan este ano a First International Conference on Electronic Literature and Virtual Art, un congreso onde investigadores de todo o mundo compartirán as súas últimas pesquisas en literatura electrónica, e-poesía, ciberdrama, narrativas dixitais e obras artísticas do new media, os días 4,5 3 6 de outubro deste 2012.

O tema do congreso é A humanists enquiry into the digital field, e haberá tres áreas principais de discusión: a) Literatura electrónica nos Estados Unidos, Latinoamérica e Europa; b) o ensino da literatura electrónica e as funcións pedagóxicas do hipertexto, con especial atención nas metodoloxías, estratexias e prácticas para levar a cabo nas aulas; c) xénero e identidade no ciberespazo: ciberactivismo, postfeminismo e como as políticas de xénero, identedade e sexo son reflectidas nas obras de literatura electrónica.

Outros posibles asuntos de interese son: literatura electrónica e sustentabilidade, a raza na literatura electrónica / ciberespazo, os videoxogos, os webcomics, os problemas relativos a gardar, arquivar e preservar a literatura electronica, e tamén serán benvidas propostas de actividades para a rede de investigación, como proxectos de arquivo, publicacións, facer unha revista, recuros pedagóxicos, etc.

A data límite para o envío de propostas é o 30 de maio do 2012. O 15 de xuño notificarase a aceptación das mesmas. As linguas do congreso será o inglés e o castelán, aínda que a lingua de uso preferente será o inglés. O congreso celebrarase en Alcalá de Henares (Madrid) do 4 ao 6 de outubro. Máis información na web do congreso.