Arquivos da etiqueta: Página 2

‘Literatura e internet’ en Página 2, de TVE: moito e-book e pouca e-lit

O pasado domingo o programa de La 2 de TVE dedicado aos libros “Página 2, emitiu un especial baixo o título Literatura e internet, no que participan os escritores Alberto Vázquez Figueroa e Fernando Trujillo (que explican a súa experiencia de publicar na rede), os editores Ernest Folchde B de Books e Cristina Fallarás de Sigueleyendo.com (que reflexionan sobre a maneira de editar en internet), as revistas dixitais Revista de Letras e El Sindicato (que mostran o seu traballo con novos soportes para promocionar os libros), Alberto Olmos e Luisge Martín (blogueiros reputados que dialogan sobre a importancia dos blogs literarios). Tamén se falou de como están a cambiar as presentacións de libros (seguindo por streaming a presentación da novela Aire de Dylan, de Enrique Vila-Matas), e o papel cada vez máis importante que xogan as redes sociais, con Rafael Reig contando a súa experiencia en Twitter e Antonio Orejudo explicando a súa en Facebook.

O programa pódese ver enteiro na web de RTVE.

O que nos estrañou, e botamos en falta, foi a ausencia total da literatura electrónica, entendida como literatura que aproveita o soporte dixital para experimentar con novas linguaxes,como o hipertexto, o multimedia ou outras formas. A ausencia é significativa, aínda que é bastante normal que no ámbito español cando se fala de literatura e internet se fale de soportes editoriais e non da propia materia literaria que favorece o dixital. O certo é que a literatura electrónica é moi descoñecida aínda para o gran público, e que carece de autores destacados que poidan tirar dun posible movemento ou abrir unha vía de mercado. E isto acontece en España mais tamén no ámbito anglosaxón. É a e-literatura unha revolución fallida? Por que aínda non chega á sociedade? Chegará algún día? De verdade interesa máis a distribución que a creación cando falamos de literatura e internet? Que falla? Aquí deixamos estas preguntas para a reflexión e o debate.