Arquivos da etiqueta: Paul Martin

Novo número da revista Game Studies

A revista Game Studies, que edita un equipo dirixido por Espen Aarseth (profesor do Center for Computer Games Research, da IT University de Copenhague), acaba de lanzar á rede o 3º número do seu undécimo ano, o 2011, composta por catro artigos de Michael Hitchens, Miguel Sicart, Paul Martin e William Gibbons.

O artigo de Hitchens, titulado “A Survey of First-person Shooters and their Avatars”, mostra os resultados dunha enquisa feita a un corpus de 566 xogos do tipo FPS (First Person Shooter), examinando as características dos avatares que mostran segundo a súa raza, xénero, etc. O artigo de Sicart titúlase “Against Procedurality” e propón unha revisión crítica da crítica procedural na literatura, dende unha perspectiva do deseño de xogo, mostrando as súas carencias e os novos retos que os estudos dos videoxogos presentan. A peza de Martin é “The pastoral and the sublime in Elder Scrolls IV: Oblivion“, analiza a importancia da paisaxe no xogo de rol multixogador de Elder Scrolls IV: Oblivion (Bethesda, 2006). Por último, o artigo de Gibbons estuda a presenza da música popular nos videoxogos a partir do caso de Bioshock (2K Games, 2007), e titúlase “Wrap Your Troubles in Dreams: Popular Music, Narrative, and Dystopia in Bioshock“.

A revista Game Studies ten como misión explorar o vizoso xénero cultural dos xogos, darlles aos académicos un foro de revisión entre pares para as súas ideas e teorías, e fornecer unha canle académica para os actuais debates sobre videoxogos e o acto de xogar. No seu comité cienfítico están nomes coma os de Ian Bogost, Mary-Laure Ryan, Gonzalo Frasca, Jesper Juul, Siobhan Thomas ou a española Susana Pajares Tosca.  Publícase varias veces ao ano en www.gamestudies.org.