Arquivos da etiqueta: RedeNasa

Amores prohibidos 2.0: teatro popular nas redes sociais

A compañía compostelá Chévere, en colaboración con Redenasa.TV, está a preparar un experimento teatral que levará a obra de Romeo e Xulieta ao contexto dun instituto Boirés e será representada polos rapaces deste institutuo a través da web e das redes sociais. A obra leva por título Amores Prohibidos 2.0 e ten como transfondo o conflito lingüístico, substituíndo as familias rivais dos Montesco e os Capuleto por dúas pandillas enfrontadas polo uso da lingua, uns galegofalantes e outros castelánfalantes.

O desenvolvemento desta particular función realizarase en tempo real durante 6 días -aproximadamente o tempo narrativo que emprega Shakespeare na obra orixinal para contar a historia- entre o 20 e o 25 do vindeiro mes de abril. O público poderá seguir os acontecementos que se narren a través dun sitio específico creado dentro de RedeNasa.TV, e tamén a través doutras redes sociais como Tuenti, Facebook ou Twitter. Cada personaxe terá un perfil en Redenasa e nas redes que máis se lle axeiten, e contará a historia mediante diálogos, fotos ou vídeos que eles mesmos suban. Como apoio existirá a figura dun narrador, Xesp1r, encargado de comentar o que fagan ou digan os personaxes e enfiar unha narración de natureza fragmentada e deconstruída.

Non é a primeira vez que esta obra de Shakespeare é usada como experimento de narrativa transmedial: en 2010 a Royal Shakespeare Company levou a cabo unha experiencia similar pero usando soamente Twitter, e estirando a narración en tempo real a 5 semanas. A partir dese concepto, e dunha idea previa que tiña Chévere de adaptar Romeo e Xulieta ao conflito lingüístico, xestouse o proxecto Amores Prohibidos 2.0.

O equipo de dirección desta obra está formado por Xesús Ron, Xana García e María Yáñez, esta última tamén investigadora do proxecto Le.es. Polo de agora o proxecto poderá seguirse a través do seu blog.