Arquivos da etiqueta: República Checa

Mutamorphosis, un congreso en Praga que homenaxea a incertidume

Co título MutaMorphosis celébrase por segunda vez en Praga un congreso que trata de examinar os retos da arte, da ciencia e da tecnoloxía nun futuro mutante marcado pola crise e a incertidume. Tribute to Uncertainty é o tema elixido para esta edición que se celebrará en decembro e que, aínda que pechou a recepción de abstracts, facilita o seguimento na web dos distintos asuntos e comunicacións propostas.

O primeiro congreso MutaMorphosis, subtitulado “Challenging Arts and Sciencies”, celebrouse en Praga en novembro do 2007 dentro das celebracións do 40 aniversario de Leonardo | Journal of Arts, Sciences and Technology. As comunicacións presentadas nesa ocasión, máis de 70 papers, pódense consultar no blog desa edición.

Cinco anos despois o encontro proponse revisitar os intrigantes tema propostos na primeira e a introducir algúns novos, relexionando sobre as transformacións recentes e previstas para o futuro próximo na intersección entre artes, ciencias e cambio social. Para iso facilitan unha serie de ideas iniciais e convidan a ir mirando os distintos fíos de interés que formulan, para seren discutidos no grupo de Facebook que crearon para a ocasión.

Na organización do evento deste ano colaboran a Academia das Ciencias da República Checa e o Centro para a ciencia, tecnoloxía e estudos sociais do Instituto de Filosofía e Planetary Collegium, unha plataforma internacional para a investigación na arte, a tecnoloxía e o coñecemento, con base na Universidade de Plymouth.