Arquivos da etiqueta: Romance Notes

“Cibercartografías de la ciudad. ‘Arquitecturas líquidas en el ciberespacio'”, artigo de Mª Teresa Vilariño na revista Romance Notes

A revista Romance Notes vén de publicar o seu número 51.3, de 2011, que contén catro artigos dedicados a “Literature and Media” seleccionados por Rui Torres e escritos por Débora Silva, Pedro Reis, Manuel Portela e María Teresa Vilariño Picos, membro do proxecto Le.es. O título do artigo escrito por esta profesora da USC é “Cibercartografías de la ciudad. ‘Arquitecturas líquidas en el ciberespacio'”, e nel fala da importancia dos mapas na narrativa e poéticas dixitais, da aparición de anti-narrativas e de alternativas artísticas descentradas que fan repensar o tema do espazo nas obras literarias, a partir dos espazos virtuais e dos cibertextos.

Na rede pódese ser un fragmento deste artigo, e dos outros textos que compoñen o último número de Romance Notes. No caso de Débora Silva trátase do texto titulado “Un Coup de Dés: la lyrique à venir”, no que fala da técnica poética usada por Mallarmé (elipse, discontinuidade, fragmentación), e o concepto de constelación que lle acae moi ben aos novos tipos de textos actuais. Pedro Reis asina un artigo titulado “Primórdios da poesia em computador – anos 60, 70 e 80 do século XX”, no que fai unha xenealoxía da poesía feita con ordenadores, amosando exemplos dos anos 60 e 70. O artigo de Manuel Portela titúlase “Between Code and Motion: Generative and Kinetic Poetry in French, Portuguese, and Spanish”, fala das ferramentas de autoría electrónica e a súa relación co propio autor, e os beneficios do estudo da literatura electrónica á hora de analizar as relacións entre discurso, código, significado e cultura.