Arquivos da etiqueta: Santiago de Compostela

Xelís de Toro inaugura en Santiago a exposición sobre ‘O libro das pontes invisibles’

Este xoves 13 de setembro presentouse na galería Metro de Santiago de Compostela O libro das pontes invisibles e a exposición que o acompaña, que forma parte dunha obra multidisciplinar formada por 30 textos de Xelís de Toro, trasladados ao inglés por John Rutherford, e unha colección de distintas obras de arte creadas por 14 artistas internacionales inspiradas nestes textos. O conxunto adquiriu forma de libro + DVD, editado por Pighog Press, e tamén dunha exposición que fixo este ano en Brighton, cidade inglesa na que vive o escritor, e que agora trae á súa cidade natal nun formato reducido.

Na web do proxecto, Xelís de Toro explica o proceso de O libro das pontes invisibles, que é tan importante como o resultado: unha vez que a colección de textos foi escrita e traducida pasóuselle a catorce artistas colaboradores, tanto do Reino Unido como de Galicia. Durante un período de tres meses cada un deles creou unha obra única na súa práctica respectiva, inspirada por un texto, por un fragmento ou por varios textos. Estas colaboracións preséntanse na última parte do libro e no DVD que o acompaña, e algunhas delas pódense ver na exposición da Galería Metro ata o 3 de outubro.

En concreto os artistas cuxa obra se pode ver nesta exposición son, ademais do propio Xelís de Toro, Ed Briggs, Chévere, Simon Wilkinson [circa69], Bruno Humberto, Yael Karavan, Fredrik Lloyd, Linda Remahl, Fran Pérez (Narf), Matt Rudkin, Dolores Sanchez Calvo, Jim Sanders, Jonathan Swain e Prue Waller.